Sábado antes do Entroido, cocido no aparcadoiro do estadio antes do partido e un enfrontamento moi especial contra o Zamora de Yago Iglesias. Unha cita para manter o bo camiño contra un rival directo e nun Vero Boquete que presenta cada vez mellor imaxe e ambiente nas bancadas. Ademais, aparece a posibilidade de abrir máis vantaxe cun rival directo.
Na loita.
Malia os problemas que arrastra o Zamora a nivel económico esta tempada, o equipo está a deixar uns resultados e un traballo cun gran valor. Os de Yago Iglesias pechan eses postos de permanencia pola parte de arriba, igualando a puntos co Avilés, que si ocupa o último deses postos de privilexio polos que pelexan os casteláns.
A día de hoxe, suman trinta e cinco puntos grazas a dez triunfos, cinco empates e seis derrotas, sufrindo as peores na casa. Un equipo moi regular que fixo practicamente os mesmos puntos na casa e a domicilio. Ademais, trátase dun dos equipos con máis acerto de cara a porta, con vinteséis tantos a favor e mellorando coa chegada do máximo goleador do grupo, e sendo un dos equipos con máis goles encaixados dos situados na parte alta da táboa, con vintedous en contra.
A domicilio, os de Yago Iglesias volveron cos tres puntos ata en cinco ocasións destacando o triunfo asinado no Anexo de Zorrilla contra o Valladolid Promesas. Ademais, tres empates, só contra o Langreo sen goles; e tres derrotas, todas repetindo o un a cero.
Trátase dun equipo que aspira a todo por equipo e que se reforzou moi ben no mercado de inverno coa chegada de Charly. O ex do Bergantiños tomou a porta de saída dirección a Zamora para poñerse ás ordes de Yago Iglesias e xa suma tres goles en tres partidos no seu novo equipo.
Enfrontamento con historia.
Compos e Zamora son xa vellos coñecidos. Dende os anos setenta e ata agora, os dous equipos chegaron a enfrontarse en ata doce tempadas entre a Terceira e a Segunda B, incluíndo tamén a Copa do Rei.
En Santiago, tanto en Santa Isabel coma en San Lázaro, os nosos gañaron un total de seis encontros destacando un sete a un nos anos oitenta, un catro a cero en 2013 e, un ano despois, un catro a un. Dous empates e catro derrotas, entre as que destaca un dous a cinco antes da chegada de Fabiano ao banco en 2009.
En canto á primeira volta, en Zamora, os nosos sumaron a primeira gran vitoria do curso. Pablo Antas, logo dun córner; Jordan e Damián asinaron unha goleada na que só houbo un equipo sobre o verde do Ruta de la Plata. Unha vitoria que servía para elevar o ánimo na parroquia branquiazul e que facía ver o potencial deste equipo.
Dobre vitoria.
A pasada fin de semana, tanto Compos como Zamora sumaron de tres nos seus respectivos partidos. Os nosos conseguiron unha vitoria histórica mentres que os de Yago Iglesias foron quen de superar a un Marino de Luanco que pelexou ata o final.
No Nuevo Ganzábal, medíanse un Langreo en horas baixas cun Compos que volvía tomar unha saída como partido trampa. Non obstante, no campo houbo unha superioridade moi importante dos galegos con Jordan e Mario volvendo deixar mostra do gran estado de forma polo que pasan os dous. A iso hai que engadir a gran estrea de Jaime Santos aproveitando de marabilla un pase de Darío para asinar o seu primeiro gol como branquiazul e pechar a goleada.
Pola súa parte, no Ruta de la Plata, o Zamora chegou a poñerse por diante con ata dous goles de vantaxe antes do tempo de lecer, ambos os dous obra de Charly. Unha diferenza que non tardou en neutralizar o Marino de Luanco no segundo tempo con dous tantos en cinco minutos obrigando aos zamoranos a facer un terceiro gol a cinco minutos para o final do encontro, obra de Manu Viana.
Falemos de ex.
Se ben no Compos non hai ningún ex Zamora actualmente, si pasa no lado contrario, tanto sobre o campo coma no banco. Alex Ares, Yago Iglesias e Alex Otero defenden agora o escudo do conxunto castelán logo do seu paso pola Esedé.
Alex Ares chegou a Santiago en 2017. Corenta partidos e doce goles na súa primeira tempada, con fase de ascenso incluída, e outros trinta e sete máis con outros trece goles no seu haber na segunda. Un xogador que se gañou o agarimo da afección con traballo e moi bo fútbol.
O de Pontedeume chegou da man de Yago Iglesias que, con Alex Otero como preparador físico, chegou ao Compos en 2016. Un dos adestradores con máis partidos na historia do Compos que deixou unha gran pisada grazas ao seu fútbol. Con el chegou o tan desexado ascenso á Segunda B e vitorias tan importantes como a conseguida en Riazor ou en La Palma superando ao Mensajero en Copa e deixando atrás anos de eliminacións á primeira. Máis de cento setenta partidos e un gran número de vitorias para un dos mellores adestradores da histoira branquiazul.
En principio, sen baixas.
Por primeira vez en moito tempo, terá que ser Fabiano quen decida quen queda fóra da lista de convocados para un partido. Con molestias por parte dalgúns xogadores, mais sen lesións nin sancións, será o brasileiro quen decida quen está mellor para esta cita difícil.
Por outro lado, e pensando na visita a Guijuelo, Roque, Damián, Samu e Darío chegan apercibidos de sanción polo que un cartón deixaríaos fóra dese partido difícil contra outro rival directo.
Cocido e fútbol.
Hoxe, venres, é o último día para apuntarse ao Cocido de Entroido do Compos que se celebrará no aparcadoiro antes do partido. Un evento especial para reunir aos afeccionados e que inclúe, ademais, a posibilidade de adquirir entradas a metade de prezo. Por contra, para quen non sexa abonado nin asista á comida, as entradas terán o prezo habitual de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para os menores de idade. O xogo dará comezo o sábado ás 17 horas.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario