O Compos non foi quen de sacar nada máis ca un empate no seu partido contra o Zamora. Un partido marcado pola actuación arbitral, con ata tres expulsados, e as constantes interrupcións. Xogo levado polos homes de Yago Iglesias diante dun equipo que non entrou ben, que o pagou moi cedo e que non soubo nin puido aproveitar a superioridade numérica sobre o terreo de xogo.
O encontro comezou cun disparo de Hugo Viana ao longueiro como primeiro aviso dun Zamora que non viña precisamente ao cocido. Avisou tamén o Compos cun disparo de Damián que atrapou Iricibar, porteiro que tería que ser substituído no primeiro tempo dando lugar ao suplente ao igual que pasou coa entrada de Borja Rey nos nosos.
Do bo comezo, con oportunidades nas dúas porterías, pasouse ao xogo duro. En vinte minutos, catro cartóns, cun vermello incluído, e dúas oportunidades perdoadas nas botas de Riki Mangana, incapaz de atopar a porterías en ambas as dúas. Dous perdóns que terían o seu castigo no segundo tempo, xa co cadro castelán en inferioridade. Un tanto que chegaría asinado por un ex, Alex Ares, aproveitando un erro nun saque de banda e anotando un golazo.
Contra nove.
Co resultado en contra, chegaron os trocos para dar algo de aire ao equipo, sobre todo na zona do centro do campo onde estaba a dominar o Zamora. A iso hai que sumar un aumento de tensión que levou a que cada balón fora unha batalla na que volvería perder un home máis o conxunto visitante con algo máis de vinte minutos para o final.
Tiveron que pasar dez minutos con dous homes máis sobre o campo e o rival metido no último cuarto do campo para que dun centro de Roque chegara o gol de Darío, cun disparo cruzado ante o que nada puido facer o porteiro. Non obstante, co empate non puideron chegar máis ocasións aínda que si unha nova expulsión: a de Jordan por agresión.
Finalmente, un empate que non deixa a ningún dos dous equipos ben parado pero que permite ao Compos manter ese segundo posto unha semana máis faga o que faga o filial do Valladolid.

Ningún comentario:
Publicar un comentario