Segunda xornada deste segundo acto do campionato e os nosos terán que visitar ao último clasificado para un partido máis complicado do que sinala a clasificación, moi diferente entre ambos os dous conxuntos. Un novo filial diante e a oportunidade de mellorar a imaxe da pasada fin de semana. Pola súa parte, o Burgos Promesas está obrigado a facer unha segunda volta perfecta se quere estar a vindeira tempada na Segunda Federación.
Incapaces.
O filial do Burgos, a diferenza do primeiro equipo, non consegue dar coa chave para poder mellorar os seus números. Últimos na clasificación, só asinaron nove puntos quedando, a día de hoxe, a catorce dos postos de permanencia. Isto débese, en gran parte, á mala xeira de resultados que deixou un equipo que pelexa pero non atopa o camiño do gol sendo, ademais, o que máis encaixa do grupo.
A día de hoxe, eses nove puntos repártense en dúas vitorias e tres empates, ademais de trece derrotas que pesan moito no equipo castelán. O equipo con máis derrotas de toda a categoría e, xunto co Ebro, que non coñece a vitoria; tamén o que menos goles asinou, cun total de oito. Con trinta e dous goles en contra son, ademais, os que contan co peor rexistro defensivo do grupo.
Diante da súa xente conseguiron encadear dous empates nas dúas primeiras citas, contra Marino de Luanco e Ourense. Despois, unha derrota fronte ao Zamora pola mínima e chegou a primeira e única vitoria como locais ata o momento, contra o Lugo B. Dende ese momento, ningún punto nos seguintes catro encontros encaixando unha dura goleada contra o Bergantiños, con catro goles de diferenza, e caendo pola mínima contra Arenteiro e Laredo, sendo o Palencia Cristo Atlético outro dos capaces de sumar máis dun gol de vantaxe sobre o cadro burgalés, gañando o derbi por dous tantos a cero.
E por se os seus números non eran suficientes para pensar de xeito negativo, perderon ao seu mellor xogador, Erik, hai dúas semanas deixando Burgos para volver ao Manresa só dous anos despois de abandonar o fútbol catalán rumbo ao filial do Mirandés, chegando a ter minutos co primeiro equipo.
Para todo hai unha primeira vez.
Compos e Burgos Promesas vanse ver as caras por primeira vez na historia en terras burgalesas, despois de facelo en Santiago na primeira volta nun partido complicado e que non se decidiu ata os minutos finais. Un encontro onde Erik adiantou aos casteláns e no que Fer Beltrán, xusto antes do tempo de lecer, e Cano, no engadido, pechou a remontada e a primeira vitoria dos nosos este curso.
Contra o primeiro equipo si houbo algún que outro enfrontamento, mais sen bos resultados para os nosos. Tal é así que de seis visitas a El Plantío, só un punto volveu para Santiago, en 2015, grazas a un gol de Sergio Sánchez que servía para adiantar aos de Iñaki Alonso, recibindo o tanto do empate das botas de Sergio Cortés no último treito.
Sen gol.
Nin Compos nin Burgos Promesas foron quen de sumar un triunfo a pasada fin de semana. De feito, ningún dos dous foi quen de perforar a meta rival. O máis positivo, neste caso, o punto sumado por unha Esedé que foi de menos a máis.
No Vero Boquete, o Compos recibía ao Oviedo Vetusta coa intención de devolverlle o resultado da primeira volta. Non obstante, o encontro entre os dous equipos en mellor forma do momento acabou sen goles e con ocasións para ambos os dous, cos porteiros demostrando un gran nivel e salvando aos seus.
Pola súa parte, en Miramar, o Burgos Promesas foi quen de competirlle case todo o partido ao Marino de Luanco. Non obstante, fíxoselle longo aos burgaleses e volveron para casa sen nada por mor dun gol de Nino a cinco minutos para o final.
Á terceira, vai a vencida?
Por terceira vez neste campionato, o Compos terá que visitar a un filial. Antes tivo que enfrontarse aos de Oviedo e Lugo e os resultados... deixaron moito que desexar. De feito, son as dúas únicas saídas das que non volveron con puntos e, xunto coa do Langreo, as únicas derrotas do campionato.
A tempada comezou en Oviedo. El Requexón recibía a un Compos que chegaba de perder a final da fase autonómica da Copa RFEF. Diante, un Oviedo Vetusta con moitos xogadores xa rodados logo de facer a pretempada co primeiro equipo. En El Requexón, o encontro comezou igualado desnivelándose cun gol de Darío, o primeiro na súa conta. Non obstante, o filial asturiano demostrou ter unha marcha máis e mereceu gañar, superando polas bandas aos nosos e igualando, dende os once metros, o partido. Por se isto non era suficiente, o segundo chegou no engadido.
Mesmo guión en Lugo un mes e medio despois. O Compos volveu adiantarse cun gol de Darío, neste caso no segundo tempo, mentres que o Lugo B non quixo perder a esperanza e conseguiu empatar a tres minutos para o tempo regulamentario. Por se iso non era suficiente, no engadido chegou o segundo gol en contra nun Anxo Carro que se complica, e moito, nos últimos anos. Con ésa chegaría, ademais, a última derrota ata o momento.
Tres en once.
Se ben é certo que a xeira histórica de Pato non se superou, quedando ésta no segundo posto, si hai que destacar que a defensa branquiazul está a facer algo histórico. E é que nos últimos once partidos, o gardameta uruguaio encaixou só tres tantos. Unha cifra que se cumpriu, unicamente, en catro tempadas ao longo da historia.
1963. O Compos estreábase na Terceira división na segunda tempada da súa historia. Unha campaña que os nosos pecharon no primeiro posto, caendo contra o Calvo Sotelo Andorra na promoción, e que contou cun gran rexistro defensivo. E é que os nosos encaixaron tres goles en doce partidos, gañando todos agás un, en Marín, que acabaría sen goles.
1980. De novo, o Compos campión de liga en Terceira e, unha vez máis, grazas a un gran rexistro defensivo. O equipo menos goleado do grupo, cun total de vintesete tantos en contra, foi quen de non encaixar máis de tres goles en once partidos, repetindo a xeira actual. O cuarto chegaría no seguinte.
1989. Unha tempada para a historia. Un Compos histórico e un Docobo imbatible. Dezaoito goles en contra para un equipo que acabaría campión, que ascendería á Segunda B e que, anos despois, da man de Fernando Castro Santos, chegaría a Primeira. E nos catorce primeiros partidos, só chegaron tres goles en contra, dous deles nun empate contra o Tyde, o cal arrincaría a cifra histórica do ex porteiro branquiazul e que agora bateu Pato ata en dúas ocasións.
Será quen a defensa actual de seguir superando rexistros históricos?
Apercibidos.
Fabiano conta para esta fin de semana con ata catro apercibidos. Catro titulares como son Mario Rodríguez, Samu, Pablo Antas e Darío, único dianteiro puro actualmente no once e, coa dúbida de se Allyson está ao nivel que esixe o adestrador para ocupar o seu sitio no caso de non poder xogar. A parte disto, non hai sancionados e quedan fóra Elliot, lesionado; Jordan, xa coa alta pero por precaución, e Jaime Santos, que suma a súa primeira semana adestrando co resto de compañeiros pero aínda non está dispoñible para o adestrador logo de medio ano parado.
Hai que pasar por caixa.
O partido, con horario de sobremesa para este sábado, dará comezo ás 16:30 no Castañares 2. Un partido que para os nosos supón unha "trampa" contra un colista que non puntúa dende outubro e que, dende o clube burgalés, queren que haxa un bo ambiente con entrada libre para todos, tanto dun equipo coma do outro.
Por contra, para quen non poida desprazarse ata Burgos, o partido será emitido por InSports TV, a web que emite en 'streaming' a Primeira Federación. Ademais, tamén se poderá seguir pola conta de Twitter do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario