O Compos hoxe non puido amosar a súa mellor versión no Vero Boquete contra un Oviedo Vetusta que demostrou ter ben estudado ao rival e que mereceu máis no primeiro tempo. Un partido complicado, moi igualado, e cunha metade para cada un. As ocasións, moi escasas, contaron cos porteiros como os grandes protagonistas e unhas defensas moi fortes.
O primeiro tempo estivo tinguido coas cores ovetenses, hoxe amarelo e negro. Os asturianos foron mellores sobre o verde, neutralizaron o centro do campo branquiazul e puideron pechar ao Compos no seu campo, incapaz de dar dous pases seguidos. Non obstante, o ben situada que estaba a defensa local evitou que puideran levar esa superioridade tamén á área.
Moi escasas foron as oportunidades sobre a portería de Pato, moi seguro baixo paus unha semana máis deixando a súa portería a cero na casa por quinto partido consecutivo. Só Masca, que chegaba de facer cinco goles nos dous últimos partidos, puxo en perigo a meta cun cabezazo que petou no exterior do longueiro.
De menos a máis.
O paso por vestiarios serviu para que o Compos mellorase considerablemente a súa imaxe. O balón pasou a estar case sempre en campo ovetense e as oportunidades sucedéronse sobre a área visitante. Roque, Kike, Pablo Antas, Cano... os primeiros quince minutos deixaron xa ocasións de sobra para que os nosos puideran adiantarse no luminoso. Non obstante, Marco deixou unha imaxe de dez.
Constante perigo e facendo méritos para sumar os tres puntos un equipo, o de Fabiano, que se desesperaba porque semellaba imposible bater a Marco. De feito, o meta ovetense sacou unha man prodixiosa a un intento de vaselina de Mario. Tampouco Riki e Cano, que o seguiron intentando, foron quen de adiantar a un equipo que non semellaba ter forzas nin ideas.
Finalmente, un empate sen goles na casa despois do conseguido contra o Guijuelo co que se mantén a xeira de partidos sen perder, que chega xa a once. Ademais, o Compos acaba a fin de semana na segunda posición, aínda co Guijuelo-Arenteiro por rematar o vindeiro mércores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario