Capítulo dous

 A segunda volta dá comezo esta fin de semana no Vero Boquete. O Compos, que segue nunha moi boa liña de resultados, recibirá este domingo en Santiago ao Oviedo Vetusta na primeira ocasión que terán os nosos de darlle a volta a un resultado negativo da primeira metade do campionato e manter as opcións de pelexar polo ascenso directo con Arenteiro e Guijuelo, tan intratables como regulares ata o de agora. Un partido entre dous dos equipos máis en forma da actualidade. 

 De menos a máis. 

 Malia comezar a liga con dúas vitorias en tres partidos, o Oviedo Vetusta caeu nunha mala dinámica de resultados facendo só un punto en sete encontros. Unha xeira moi negativa que meteu ao filial asturiano no máis baixo da clasificación puidendo saír agora grazas ao momento polo que pasan os ovetenses, asinando cinco triunfos noutras sete citas. 

 A día de hoxe ocupan o posto que dá opción a xogar a fase de permanencia e que, a día de hoxe, non terían que desputar grazas aos seus vintedous puntos. Gañaron sete partidos, empataron só un, contra o Langreo en El Requexón. e caeron en nove. Trátase, ademais, do equipo con máis gol da categoría, con vintetrés tantos, igualado con Compos e Valladolid Promesas. Por contra, é o cuarto que máis encaixa con vintedous goles recibidos. 

 Fortes na súa casa pero moi febles a domicilio. Só conseguiron sumar seis puntos lonxe de Oviedo. Santander e Carballo viron como, despois de sete caídas, o equipo puntuaba e convencía a domicilio redondeando aínda máis o momento actual, tendo en conta que ambas as dúas chegaron no último mes de competición. Un equipo que, ademais, só deixou a súa porta a cero na última saída, a pasada fin de semana, ás Eiroas. 

 Con Sesé e Mangel pasando de xeito habitual polo primeiro equipo, ademais de Bretones que malia ter ficha do filial é xa un fixo nos onces no equipo de Segunda división, agora mesmo hai que centrar a atención nunha das últimas fichaxes do equipo ovetense. O ex do Portimonense Mascarenhas entrou tarde no equipo mais fíxoo con forza. Con menos de trescentos minutos sobre o verde, necesitou a metade para anotar ata cinco goles nas dúas últimas citas dos seus, asinando as dúas últimas vitorias e chegando a Santiago nun estado de forma inmellorable. 

 Un mal comezo. 

 Se antes falamos do bo arrinque do Oviedo Vetusta, agora hai que falar do mal comezo que tivo o Compos nesta campaña. Un equipo ao que lle custou atopar o seu esquema e o seu xogo sobre o verde varias semanas encaixando a primeira derrota do curso na primeira data do campionato, recibindo, ademais, a primeira remontada nos minutos finais, algo que se repetiría nalgunha cita máis. 

 En El Requexón, o equipo de Fabiano non foi quen de asinar, sequera, un empate. Un partido ao que se chegou ao tempo de lecer por diante grazas a un gol de Darío. Non obstante, o segundo tempo deixou moito que desexar en canto a xogo e intensidade permitindo máis o xogo do filial ovetense e o empate chegou dende os once metros, obra de Cardero, logo dun erro importante pola dereita e un penalti realizado por Martín Salvador que, a maiores, deixaba ao equipo con dez. A cousa non quedaría aí e no treito final chegaría o segundo e definitivo, asinado por Sesé. 

 Antes, o filial do Oviedo visitou Santiago nun total de cinco ocasións, sumando só un punto. Catro vitorias branquiazuis e só un empate sendo a última vez que se vían as caras en 2002, no Vero Boquete, nun partido onde marcaría Cabarcos o gol do triunfo. 

 Un bo final. 

 A primeira volta puxo punto e final a pasada fin de semana. Para o Compos, mantendo a boa liña de resultados que lle acompañan nos últimos meses, chegando xa a dez partidos consecutivos sen derrota. O Oviedo Vetusta, conseguindo a segunda vitoria consecutiva e cuarta en cinco citas. 

 En Miramar, os de Fabiano tiveron que sufrir. Contra un rival duro na casa e un campo en mellorables condicións por mor do tempo, o pau chegou aos vinte minutos en forma de gol. Fagir facía xustiza diante dun equipo incapaz de facer o seu xogo, aínda espesos. Non obstante, as cousas cambiarían no segundo tempo, melloraría a imaxe dos galegos contra un duro muro defensivo e, xa no treito final, Darío foi quen de materializar unha xogada colectiva anotando o seu oitavo gol. 

 Pola súa parte, en Carballo medían forzas dous equipos da zona baixa obrigados a sumar de tres. O Oviedo Vetusta, inmerso nunha boa dinámica de resultados, mellorando o seu xogo nas últimas semanas e liderado en ataque por Mascarenhas, non perdoou na primeira clara que tiveron. Un centro de Sesé ao segundo pau e gol do portugués. Co gol, o conxunto local foise arriba e mellorou o seu xogo, mais de xeito insuficiente vendo como o filial asturiano facía o segundo, xa no segundo tempo, logo dun penalti inexistente. Dobrete de Mascarenhas e destitución de Lemos no posto de adestrador despois de tres anos. 

 704 minutos. 

 Co partido de Luanco, malia non rematar a xeira de partidos sen perder dos nosos, si se puxo fin á segunda mellor xeira da historia de goles sen encaixar quedando a algo máis dun partido de acadar esa cifra histórica que, tamén, leva o nome de Pato. 

 Na tempada 19/20, o gardameta uruguaio acadou os 798 partidos sen recibir un gol. Dous meses e medio e oito partidos completos sen encaixar e no que os seus compañeiros axudaron para asinar vinte puntos de vintecatro posibles. 

 Nesta ocasión, a serie comezou nas Eiroas, logo de encaixar un gol a dez minutos para a chegada do tempo de lecer. No segundo tempo, o equipo remontaría e iniciaría unha serie de ata seis vitorias consecutivas, cinco sen recibir gol. Sumaríase o empate fronte ao Laredo, sen goles, e a vitoria diante do Rayo Cantabria en Santiago. Tería fin en Miramar, campo sempre complicado, aos vinte minutos. 

 Darío, desatado. 

 Chegou de Preferente e por lesión de Allyson tivo que facerse coa titularidade. Gañou tamén a partida contra outro experimentado como é Iván Martín. E está a sumar unhas cifras que non se vían nos últimos anos en Santiago. Darío sumou xa oito goles na primeira volta e está só a un gol dos nove de Primo a pasada tempada, a mellor cifra dende que o equipo saiu da Terceira. 

 Comezou vendo portería diante do Vetusta en Oviedo. Para o seguinte habería que esperar ata a sétima data do campionato, en Lugo. Repetiría contra o Coruxo na seguinte xornada e contra o Avilés fixo tres. Contra Rayo Cantabria e Marino de Luanco, nas dúas últimas xornadas, volveu repetir dando, ata o de agora, un total de oito puntos. 

 Pablo Crespo, sancionado.

 Para esta fin de semana, Jordan apunta a ser baixa no equipo por lesión. Con el, tamén se perderá esta cita Pablo Crespo. O central sumou a súa quinta tarxeta amarela en Luanco e terá que cumprir ciclo. Pola súa parte, Damián e Riki chegan apercibidos con catro cartóns cada un. Por outro lado, por fin semella que Allyson forma parte do equipo despois de contar con algúns minutos a pasada fin de semana. De momento, tanto el coma Parapar son dúbida pero poderían entrar na convocatoria. 

 Tampouco estará, todavía, a nova fichaxe. Jaime Santos xa adestra cos seus compañeiros pero aínda non aparecerá nos plans de Fabiano. 

 Rebaixas. 

 Ao longo desta semana, o clube rebaixou as entradas á metade de prezo puidendo retirarse aínda ata sábado tanto nas oficinas coma na tenda oficial. A maiores, as peñas contan con entradas de balde para poder mellorar máis o ambiente nas bancadas do Vero Boquete. Non obstante, para quen non poida achegarse no tempo marcado por elas, no día de partido estarán ao prezo habitual de 20 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 10 euros menos por sector para menores de idade. O partido dará comezo o domingo ás 17 horas e está programado, ademais, un recibimento hora e media antes.

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario