Enlace co ataque

 A segunda volta comeza cunha boa nova no Compos. Nun equipo onde o fondo de armario queda curto cos problemas físicos, aparece a primeira incorporación neste mercado de inverno. Jaime Santos, centrocampista ofensivo asturiano, asina polo equipo santiagués ata o final de tempada. Nado en Oviedo, cumprirá 28 anos no mes de abril. 

 Formado nas categorías inferiores do Sporting de Xixón, chegou ao filial xixonés en 2014 para manterse durante tres anos nos que superou os cen partidos e anotando dezaoito goles. Un xogador que se convertiu nun fixo dende o comezo chamando á porta do Mirandés. Con algo menos de oportunidades, xogou un total de dezaoito encontros co conxunto burgalés, superando por pouco os cincocentos minutos. 

 Catro meses sen equipo levárono a terras indias para xogar no East Bengal Club. Vintenove partidos en dúas tempadas nos que fixo un total de once goles. Logo do seu exótico paso polo fútbol asiático, cruzou de novo o mundo para destacarse no fútbol boliviano. No Palmaflor xogou a previa da Commebol Sudamericana, segunda máxima competición do fútbol sudamericano, e un total de trinta partidos nos que asinou oito goles. 

 O ano pasado, despois de deixar Bolivia en xaneiro, asinou polo San Fernando de Primeira Federación. Catro meses no equipo andaluz nos que puido desputar un total de once partidos, un deles como titular, asinando dous goles.

 Agora, chega para reforzar o centro do campo do Compos axudando ante a lesión de Jordan e a acumulación de minutos entre os xogadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario