Tres máis

 O Compos comezou o ano con vitoria nun partido complicado, moi igualado e cheo de imprecisións. Unha cita que comezou con problemas nos nosos, con dúas caídas máis de última hora, e que rematou cunha gran festa nas bancadas e tres puntos no peto. Un gol de Darío, no segundo tempo, foi suficiente para sumar acompañado por unha gran actuación de todos nos intres finais evitando as perigosas chegadas dun Rayo Cantabria que tardou case noventa minutos en ter unha ocasión clara. 

 No primeiro tempo, no que ninguén foi quen de facerse co control da pelota, o protagonista non tardou en ser o colexiado. Pouco tardou en perder o control do xogo e pouco deixou xogar amosando ata catro cartóns antes do tempo de lecer, con tres para xogadores do Compos. Cada encontronazo, máis ou menos leve, acababa en falta e aumentando a temperatura dun partido no que non estaba a pasar nada como para tal castigo. 

 As ocasións, moi escasas, concentráronse nos quince últimos minutos. Coas dúas defensas ben situadas e as zonas de creación moi superadas, o Rayo Cantabria tivo que buscar a única chegada visitante cun córner directo que non atopou o camiño á portería. A isto respostou Mario na seguinte xogada cun disparo dende a frontal que atrapou o porteiro. Tamén Cano obrigou ao gardameta, uns minutos despois, a estirarse con outro disparo dende fóra da área. Non obstante, o gol fíxose esperar. 

 Houbo que sufrir. 

 Logo do paso por vestiarios chegou o gol. Os de Fabiano saíron cunha marcha máis, polo menos en ataque, e Darío non perdoou... á terceira. Unha xogada que comeza cun centro de Riki ao segundo pau para Cano, éste pona para Darío e o seu testarazo sácao, cunha man, o porteiro. No rexeite, repite intención o dianteiro branquiazul e, de novo, unha man salva o gol. Casas non atina a pegarlle á pelota pero evita que despexen os defensas e Darío, que non dá un balón por perdido, rouba o esférico e non perdoa. Sétimo na súa conta. 

 Co gol, o Compos semellaba estar algo máis cómodo contra un Rayo Cantabria obrigado a irse ao ataque, mais sen ser quen de mandar na medular. Con isto, os nosos tiveron ata dúas ocasións para aumentar a vantaxe, cun disparo de Darío que petou no longueiro e, uns minutos despois, un intento de Roque que sacou a defensa. 

 Incapaces de materializar ese segundo gol, houbo que sufrir nos minutos finais. O Rayo Cantabria meteu ao Compos na súa área no último intre e entre Pato e Casas foron quen de salvar este triunfo e manter esa xeira de minutos consecutivos sen encaixar, que chega xa a 685. 

 Agora, o equipo poderá descansar un domingo no que Guijuelo e Arenteiro terán que medirse e no que pase o que pase, o Compos conseguirá encoller a diferenza de puntos, mínimo, cun dos dous. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario