Un novo ano chega para o Compos. O 2022 tivo unha primeira metade para esquecer mentres que rematou da mellor maneira posible, co equipo ben situado e amosando un xogo máis efectivo que no primeiro treito da tempada nas dúas áreas, todo isto baixo unha guerra extradeportiva entre a directiva e Antonio Quinteiro baseada en comunicados nos xornais da cidade. Pero, volvendo ao deportivo, o equipo quere arrincar este novo ano asinando os tres puntos diante doutro equipo cántabro que visitará Santiago por primeira vez na súa historia. Serán quen os de Fabiano de manter o gran final do 2022?
De máis a menos.
A diferenza do camiño que está a levar o Compos, o Rayo Cantabria arrincou o curso de gran xeito facendo dez dos primeiros quince puntos en xogo e mantendo a súa presenza nos postos altos ata ben entrado novembro. Non obstante, todo se complicou para o filial racinguista no último mes facendo só tres de doce puntos, gañando a única cita a domicilio.
Con tal baixón pasaron de ocupar a terceira posición á décima, aínda con opcións de pechar a primeira volta entre os cinco primeiros pero xa moi lonxe do Arenteiro. Vintedous puntos acumulan a día de hoxe, empatados con Marino de Luanco e Coruxo, grazas a sete triunfos e un empate, ademais doutras sete caídas. Dezaséis goles anotaron no que vai de campionato mentres que encaixaron dezaoito, sendo o quinto equipo que máis tantos recibiu.
Confirmados como uns dos peores locais, fóra de Santander sacaron o dobre de puntos gañando en cinco saídas, obrigados a anotar dous ou tres tantos en ata catro desas citas a domicilio, mentres que só dúas remataron en derrota, caendo en Zamora e no Carballiño por 3-1 en ambos os dous casos. Con isto asegúranse de que anotan en cada viaxe e que, se fan máis dun gol, é vitoria segura.
A nivel individual hai que destacar a Yeray. O mediocentro non só é o máximo goleador do equipo con catro dianas senón que, ademais, xa sabe o que é ter minutos co primeiro equipo. Chamou á porta do primeiro equipo o pasado ano, aínda en idade xuvenil para debutar en Primeira Federación volvendo este ano a ter minutos co Racing, agora xa en Segunda división. Un gran futuro para un rapaz de aínda dezanove anos.
Unha xeira que cortar.
Antes falamos de que o Rayo Cantabria fixo gol en cada unha das súas saídas desta tempada pero o Compos tamén encadea unha gran xeira de resultados contraria á do filial santanderino. Con isto, un dos dous equipos porá fin a esta serie da que agora pasaremos a falar.
Indo por orde, hai que arrincar isto en setembro, cando o Rayo Cantabria superou ao Ourense no Couto. Serían tamén capaces de adiantarse no Ruta de la Plata, chegando ao tempo de lecer por diante pero acabando con derrota. Tamén no Anxo Carro tiveron que superar un empate despois de poñerse dous tantos por diante no primeiro tempo. Nas Eiroas só precisaron dun gol no segundo tempo mentres que en Espiñedo volveron sufrir unha remontada ante o gol inicial do filial racinguista. E pechan esta serie con dous triunfos por 0-2 en Palencia e Laredo.
Pola súa parte, o bo camiño do Compos neste caso iniciou en novembro. O equipo chegaba de gañar ao Bergantiños nas Eiroas e puxo punto e final a unha xeira de tres partidos na casa sen gañar contra a Gimnástica de Torrelavega. Aí comezaba tamén unha serie de seis partidos sen encaixar que se mantén aínda a día de hoxe. Ademais dos cántabros, Arenteiro, Avilés, Palencia Cristo, Valladolid Promesas e Laredo petaron cun muro chamado Pato Guillén, quen comeza os seus 38 anos cunha xeira de 595 minutos sen encaixar, aínda lonxe dos 798 da tempada 19/20.
Máis contra os maiores.
Compos e Rayo Cantabria vanse ver as caras por segunda vez na historia logo de coincidir hai case corenta e cinco anos na Terceira división no final dos anos 70. Naquela ocasión, ningún dos dous equipos foi quen de superar a meta contraria rematando o xogo cun empate sen goles.
Máis foron varias as ocasións nas que o Racing, o primeiro equipo, pasou pola capital galega, sendo a primeira ocasión en Santa Isabel, entre os anos 90 e a segunda década deste século compartindo categoría en Primeira, Segunda e Segunda B.
Compartiron categoría, mais non grupo, na Segunda B 90/91 subindo á categoría de prata ao final da mesma. En Segunda coincidiron dúas campañas consecutivas, con dúas visitas dos cántabros a Santiago caendo, os nosos, nas dúas pola mínima repetíndose o 0-1 a prol do equipo que acabaría ascendendo na fase de ascenso.
Un ano separados e volveron enfrontarse, agora na Primeira división, compartindo presenza no máis alto. Sería aí, no 94, cando os puntos, dous daquela, quedarían en Santiago por primeira vez. Repetiríase vitoria no 95 e no 97, asinando un empate no 96.
Tardarían en volver verse as caras. Pasarían quince anos e, na Segunda B, volveu pasar o Racing por Santiago para sumar, de novo, seis puntos en dúas citas. En 2014 fíxoo deixando ao Compos sen ver porta mentres que, en 2016, terían que remontar un gol de Jordan no primeiro tempo. Sería, ademais, a última ocasión na que un equipo cántabro sumaba de tres en San Lázaro.
Despedida sen gol.
Tanto Compos coma Rayo Cantabria queren recuperar a materia pendente coa que despediron o 2022: o gol. No último partido do xa pasado ano, ningún dos dous foi quen de perforar a meta contraria sendo incapaces de sumar os tres puntos, sendo o caso dos nosos o mellor asinando un empate.
Sen goles nin tampouco ocasións rematou o encontro en San Lorenzo entre Laredo e Compos. Un partido que non contou con televisión e no que os de Fabiano non foron quen de levar serio perigo á portería cántabra. Aínda así, a mellor oportunidade chegou a prol dos branquiazuis cun disparo que petou na madeira.
Menos sorte tivo o Rayo Cantabria na visita do Marino de Luanco a Santander. Nino e Ben Hamed anotaron os dous tantos que foron suficientes para a vitoria dos asturianos igualando moito máis as cousas entre os dous equipos na clasificación.
Na casa, mellor.
Nos últimos anos, unha besta negra do Compos adoitaban ser os filiais. Varios pasaron por Santiago e dous deixaron dúas dolorosas caídas en fases de ascenso, caendo na primeira co do Espanyol e na segunda fronte ao do Alavés. Non obstante, ese mal momento contra eles semella ter pasado... ou polo menos en Santiago.
O Burgos Promesas sería o primeiro filial en pasar polo Vero Boquete sumando, o equipo de Fabiano, o primeiro triunfo do curso malia non facer un fútbol vistoso. Os casteláns foron quen de adiantarse grazas a un gol de Erik mentres que, no segundo tempo, darían a volta ao resultado Fer Beltrán e Cano, metendo o gol do triunfo xa no engadido. O segundo sería, hai ben pouco, o Valladolid Promesas. Jordan e Mario Rodríguez, que está a un nivel excelso dende que volveu da lesión anotaron os dous tantos suficientes para conseguir o triunfo.
Non obstante, os filiais seguen a poñer as cousas complicadas a domicilio aos de Fabiano, que non puideron gañar en Oviedo nin Lugo malia adiantarse no marcador, encaixando sendas derrotas nos minutos finais dos dous partidos.
Cinco anos pasaron.
Para o Compos, comezar o ano con bo pé non está a ser algo doado nos últimos tempos. E é que dende 2018 non volveron arrincar cun triunfo asinando tres empates consecutivos e unha derrota. Cabe destacar, ademais, que ese triunfo hai xa cinco anos, é o único dende 2015.
Dende que no 2015 viaxaran cara Santiago os tres puntos asinados en Avilés, o equipo non volveu ter unha gran sorte inaugurando anos. Derrotas contra Arandina, Fabril e Ourense Club de Fútbol. Empates diante do mesmo Ourense só un ano despois, Unionistas e Pontevedra. Só, hai xa cinco anos, se puido asinar un triunfo diante do Silva na Grela.
Con todo o anterior e sen contar Preferente, a primeira vez que o Compos xogou o primeiro partido da casa e, ademais, sumou un triunfo foi en 2001 contra o Recreativo de Huelva grazas aos goles de Aguado e Gudelj.
Dúas baixas perigosas.
A viaxe a Laredo deixounos dúas caídas importantes para esta cita. Damián Canedo, expulsado por dobre amoestación, e Jordan, por acumulación de amoestacións, caen da lista para esta cita na que xa tampouco estará Iván Martín, libre agás sorpresa neste mercado de fichaxes, no que o Compos está a buscar dous xogadores para reforzar o equipo habendo nomes sobre a mesa para traer un dianteiro e un xogador de banda para a esquerda sen deixar atrás as posibles negociacións co andaluz.
Que ninguén falte.
Coas invitacións para aboados que reparte o clube durante este mes, o primeiro partido deste 2023 apunta a ter unha das mellores entradas do curso. O partido comezará o sábado, rebaixando un día a espera de fútbol en Santiago, ás 17 horas. Para quen non puidera facerse cunha desas invitacións, o prezo das entradas será de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos en cada bancada para os menores de 18 anos.
Por contra, para quen non poida asistir, semella que non será televisado. Poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario