A primeira saída do ano supón, ademais, o peche da primeira volta para un Compos que chega a este ecuador da tempada no seu mellor momento. Cunha defensa camiño de facer historia, con Pato a piques de acadar os setecentos minutos sen recibir un gol e a parella Darío-Mario facendo serio perigo nas áreas rivais, os de Fabiano convértense, a día de hoxe, en claros candidatos ao ascenso directo. A isto hai que sumarlle que, malia non depender de si mesmos, os nosos poderían acabar a fin de semana como campións de inverno. Diante, un Marino de Luanco que comezou moi ben a tempada caendo agora a terra de ninguén.
Evitando o lume.
O Marino de Luanco fixo un comezo de tempada case perfecto con dez de doce puntos en xogo. Non obstante, a saída a Guijuelo supuxo un baixón nos resultados do conxunto luanquín e precisaron case dun mes para asinar a seguinte vitoria. Tal é a cousa que dende o mes de setembro fixeron só doce puntos, dous máis que nos primeiros catro partidos do campionato.
Con isto, quen acabou o primeiro mes de competición no máis alto da clasificación, agora ocupa un posto en terra de ninguén, evitando os postos de descenso pero lonxe, xa, desa zona privilexiada. Non obstante, os vintedous puntos que suman os colocan tanto a tres do quinto clasificado, o Coruxo, coma do décimo cuarto, o Oviedo Vetusta, que marca agora os postos de caída á Terceira Federación. Isto pasa grazas a seis vitorias e catro empates, ademais doutras seis derrotas. Asinaron quince goles, sendo o sexto con menos acerto de cara a porta, e recibiron dezaséis, mesma cifra que equipos coma Real Avilés ou Valladolid Promesas.
En Miramar, campo sempre complicado, as cousas non foron doadas para os visitantes ao longo do curso. Só dous, Bergantiños e Arenteiro, foron quen non só de marcar senón, ademais, de marchar cos tres puntos. No caso de Palencia Cristo Atlético e Lugo B, foron quen de manter a súa porta a cero mais non de perforar a rival sacando un empate. Ourense, Zamora e Laredo marcharon do campo asturiano sen nada caendo, os tres, por un gol a cero. Resultados curtos para un equipo que, na súa casa, non remata un xogo con máis dun gol de diferenza dende a pasada campaña, cando superaron ao Unión Adarve.
A nivel individual, hai que destacar dúas pezas. Por carreira, Lora. O veterano centrocampista madrileño completa a súa cuarta campaña nas filas do Marino logo de pasar moitos anos no fútbol profesional defendendo as cores do Real Sporting. E, por goles, Jairo Cárcaba. O dianteiro xixonés volveu á súa terra despois de seis anos, cun breve paso polo Coruxo, e suma xa catro goles sendo o máximo anotador do cadro luanquín.
Vinte anos con enfrontamentos.
Nos últimos vinte anos, Compos e Marino de Luanco convertíronse en dous equipos habituais na Segunda B, agora Segunda Federación e seis, coa presente, foron as tempadas que coincidiron na categoría de bronce e nun mesmo grupo.
A primeira vez foi nunha campaña especial para ambos os dous conxuntos. O Compos saía, por primeira vez, do fútbol profesional e facíao por pouco tempo. Esa campaña acabaría terceiro na clasificación, posición fetiche para os nosos, e ascendería na fase de ascenso. Dous postos por debaixo, quedando ás portas, estaría o Marino de Luanco. Esa primeira campaña sumaría os tres puntos o Compos en Miramar grazas aos goles de Adriano e Corredoira.
Tiveron que pasar uns cantos anos para que, de novo, se viran as caras na Segunda B. En 2013, o Compos de Fredi caía na súa primeira saída do curso por tres goles a un, facendo Joselu un gol insuficiente para sacar algo positivo. Máis sorte, e puntería, habería no seguinte curso, sumando os tres puntos cun solitario gol de Manu Rodríguez. Tamén na categoría de bronce, neste caso na derradeira tempada da súa historia tal como a coñecíamos, sumaron un empate sen goles, o único reparto de puntos en terras asturianas.
A pasada tempada, na Segunda RFEF, a sorte volvería darlle as costas ao Compos perdendo pola mínima grazas a un gol de Borja Álvarez. Un partido do que poden repetir titularidade ata seis xogadores da Esedé.
As vacacións non sentaron ben.
A primeira cita de 2023 deixounos dous resultados moi diferentes no que a estes dous equipos se trata. O Compos puido salvar os papeis asinando os tres puntos. Non así un Marino de Luanco que sucumbiu diante do Oviedo Vetusta, equipo que comezou mal a tempada pero que quere seguir un ano máis na categoría.
No Vero Boquete, o Compos recibía ao Rayo Cantabria. Un partido para seguir mantendo o bo momento dos de Fabiano a costa dun filial que está a sufrir moito nas últimas datas. Sobre o verde, as baixas nos locais fixeron mella e, malia non amosar un xogo vistoso, os tres puntos puideron quedar na capital galega grazas a un gol de Darío, froito do traballo e a insistencia.
No Requexón, Mascarenhas puido adiantar ao filial ovetense no primeiro tempo, gol que igualou Lora superados os vinte minutos de xogo. O dianteiro lisboeta volvería ver portería no segundo tempo ata en dúas ocasións en cuestión de cinco minutos non só para devolver a vantaxe senón que, ademais, sentenciar o encontro a prol do Vetusta.
Camiño dun récord.
Pato xa ten un sitio na historia do clube. O porteiro uruguaio bateu o récord histórico de minutos imbatido na tempada 2019/20 deixando a nova marca en setecentos noventa e oito, superando así os seiscentos cincuenta e dous que deixou Docobo no 1989. Dita marca foi superada xa por segunda vez na pasada fin de semana, quedando agora en seiscentos oitenta e catro minutos.
Contra o Bergantiños, Pato encaixou o seu último gol. Foi no minuto trinta e cinco de encontro e supoñía o un a cero no marcador, nun partido que remontarían os nosos. Gimnástica Torrelavega, Arenteiro, Real Avilés, Palencia Cristo Atlético, Valladolid Promesas, Laredo e Rayo Cantabria non foron quen de facer o propio. Sete partidos completos xa sen encaixar e o récord está a algo máis de cen minutos puidendo superarse, no caso de pechar este encontro coa porta a cero, contra o Oviedo Vetusta na primeira cita da segunda volta.
A maiores, hai que engadir que son xa nove os partidos que acumula o equipo sen perder, con sete triunfos e dous empates comezando a xeira logo da derrota en Lugo.
Dous anos sen gañar.
Dende a volta do Compos á Segunda B, acabar a primeira volta con triunfo semella imposible. As dúas últimas campañas, os branquiazuis non foron quen de rematar o derradeiro partido da primeira metade do campionato sumando de tres. Tampouco o fixeron en 2016 sendo unha materia pendente fóra da Terceira dende hai xa oito anos.
O curso pasado, as vacacións de nadal coincidían co derradeiro partido da primeira volta. E, ao igual que no 2022, o Compos non foi quen de pechar o ano con vitoria. Un empate sen goles contra o Ceares e a pensar nunha segunda volta que foi... mellorable.
Menos sorte houbo co peche da primeira volta en 2021. Un partido contra o Salamanca que se acabou xogando días despois da data inicial por mor dun temporal de neve e sobre un terreo de xogo en condicións aínda moi mellorables. Con isto, o Compos caeu por tres a cero nun partido para esquecer.
Non é imposible.
O Compos ten, aínda, a posibilidade de chegar ao final da primeira volta como líder, ao igual que en 2020. O equipo de Fabiano non depende de si mesmo para acadar este feito mais, de momento, non é imposible, matematicamente falando.
A día de hoxe, os nosos son segundos con trinta e un puntos. O Arenteiro, líder, suma só un punto máis co seu partido contra o Guijuelo pendente de rematar, con vinte minutos por xogarse aínda. Con isto, de rematar o partido así no Luis Ramos, a vantaxe sería de dous puntos sobre os nosos e, tamén, por riba do Guijuelo, que nese caso de empatar igualaría a puntos cos santiagueses. Con isto, se o Arenteiro non é quen de sumar de tres contra o Lugo B e os de Fabiano volven cos tres puntos, serían campións de inverno.
Recuperando sancionados.
A pasada fin de semana, Fabiano non só tivo que facer malabares para conseguir pechar a lista de convocados senón que, ademais, xa no mesmo día houbo dúas ausencias máis: Allyson e Pablo Antas, cun virus estomacal. Os dous poderían estar xa dispoñibles para esta cita en Luanco. Ademais, Fer Beltrán podería volver tamén logo dunha semana de ausencia por lesión. Quen si poderá estar seguro son Damián logo da baixa por sanción. Pola súa parte, Jordan será baixa por lesión, cunha data de volta aínda por determinar.
Sen sancionados para esta cita, Fabiano si conta con varios apercibidos que non estarían diante do Vetusta o vindeiro domingo no Vero Boquete. Pablo Crespo, Damián Canedo e Riki Mangana contan, a día de hoxe, con catro cartóns cada un.
Voltamos a Asturias.
Tal como comezou a tempada, péchase a primeira volta: en Asturias. Despois daquela viaxe a Oviedo que non deixou bo resultado, o Compos volve visitar a terra veciña onde quere, agora si, sacar os tres puntos encadeando a quinta saída sen encaixar. Para isto, o equipo visitará Miramar o domingo ás 17 horas e as entradas terán un prezo de 18 euros en tribuna e 15 na bancada xeral, 5 euros para rapaces de entre 12 e 18 anos e de balde para os menores de 12 anos.
Por contra, para quen non poida ir, poderá verse a través da plataforma de pago-por-visión de FootballClub por algo menos de 3 euros. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario