Noutra semana onde o deportivo, malia acadar a sexta vitoria consecutiva, quedou un tanto opacado por outros motivos, o Compos quere manter o seu bo camiño nesta campaña que o leva, a día de hoxe, a asentarse nos postos de promoción de ascenso. Os homes de Fabiano, que non perden dende hai dous meses, queren seguir aumentando a xeira, camiño de ser histórica, no derradeiro partido deste 2022. Diante, un Laredo con pouco gol e que caeu aos postos de descenso logo de dúas derrotas consecutivas.
O gol como materia pendente.
Nesta segunda campaña do Laredo na Segunda Federación, o gol semella ser a materia pendente dun equipo que quere asinar a súa segunda permanencia consecutiva na categoría logo de conseguilo o pasado curso nas últimas xornadas evitando, grazas a tres puntos de diferenza, a promoción de permanencia, na que entran catro dos cinco decimoterceiros de entre todos os grupos.
Neste curso, logo de comezar con bo pé asinando nove dos primeiros doce puntos en xogo, foron de máis a menos deixando moitos puntos fóra da casa e perdendo dous puntos contra o Bergantiños nos últimos minutos. Con isto, suman un total de dezaséis puntos, que os sitúan no posto catorce da táboa, asinando só sete puntos dende outubro comezando dita xeira cun empate e seguido por catro derrotas consecutivas que o fixeron achegarse a uns postos de descenso aos que caeron a pasada fin de semana. Cinco vitorias, só un empate e oito derrotas para o cadro cántabro que afronta a súa quinta tempada fóra da Terceira división.
Se antes falamos dos problemas cos que contan para puntuar a domicilio, hai que dicir que máis da metade dos feitos ata o de agora foron como locais. Tres vitorias, destacando a conseguida sobre o Lugo B por 3-1 e sendo o único partido onde conseguiron unha vantaxe de máis de un gol dende abril; un empate, o xa antes comentado contra o Bergantiños con ata catro goles e dous deles nos últimos cinco minutos; e outras tres derrotas nas que non conseguiron marcar e entre as que hai que destacar a colleitada fronte ao Rayo Cantabria, único equipo capaz de gañar por dous tantos.
Trátase dun equipo, o Laredo, con moita xuventude nas súas filas e apenas dous xogadores chegados á trintena sendo, un deles, o ex do Barco Iván Argos. Tamén polo clube valdeorrés e agora no conxunto cántabro Oli. E outro que coñece o noso fútbol, neste caso logo de pasar polas filas do Cerceda é o gardameta suplente Ángel.
Abonados ao triunfo.
A marcha do Compos non pode ir mellor. O equipo de Fabiano, cun once no que non adoita haber variacións mais alá de posibles sancións e no que semella que se atopou o mellor estado físico de todos, non fai máis que gañar para situarse xa a dous puntos do Guijuelo e a catro dun Arenteiro que parecía imparable, e que só foi unha vítima máis deste equipo que cada día amosa mellor xogo e fame por gañar.
Dende o empate fronte ao Coruxo, hai xa case dous meses, que deixaba ao equipo preto dos postos baixos, non se viu nada que non foran vitorias. Bergantiños, Gimnástica Torrelavega, Arenteiro, Real Avilés, Palencia Cristo Atlético e Valladolid Promesas non puideron cun equipo que, a maiores, suma agora cinco partidos seguidos sen encaixar ningún gol e que anotou oito nos últimos tres.
Todo isto mentres o clube, institucionalmente, está inmerso nunha guerra de egos entre Antonio Quinteiro, ex presidente e dono da marca, e a actual directiva, que o acompañaba ata hai escasos meses e que agora anunciou a entrada de novos socios, entre os que se atopan Borja Iglesias e Esteban Granero, e que apunta a ser unha das mellores novas para o clube dos últimos anos... sempre e cando se poida realizar sen ningunha complicación por parte do ex mandatario.
Pasaron corenta e cinco anos.
Ésta non será a primeira vez na que se vexan as caras Compos e Laredo. Fixérono xa en tres tempadas diferentes, catro coa actual, chegando a ter ata tres partidos na primeira, todos eles na Copa do Rei. Un rival ante o que os nosos non saben o que é a derrota pero no campo do que tampouco a vitoria.
A primeira ocasión foi en 1969. Primeira rolda da Copa do Rei e empate a un gol en Santa Isabel. Sen goles acabaría o partido en Laredo tendo que ir a un terceiro encontro, de novo en Santiago, e que se levarían os branquiazuis por tres tantos a cero. Sería, ademais, o primeiro enfrontamento da Esedé contra un conxunto cántabro.
Logo duns anos nos que os dous equipos tiveron que baixar á lama das categorías rexionais, volveron verse as caras na tempada 72/73. En Santiago, de novo, triunfo local. En Cantabria, outra vez, partido sen goles resistíndose o primeiro tanto para os nosos. Ese gol si chegaría tres anos despois mais sen acompañarlle o triunfo, con un gol por cada lado. Si chegaría a vitoria, unha vez máis, en Santiago.
Menos pasou dende a última visita branquiazul a Cantabria. Foi en 2016, xa case sen opcións de permanencia, a El Sardinero. Contra o Racing, pouco ou nada puideron facer os nosos caendo pola mínima grazas a un gol de Coulibaly. Pato era o porteiro titular tamén naquel curso.
Camiños opostos.
Compos e Laredo contan, este curso, con obxectivos moi diferentes. Os galegos, malia estar inmersos nunha guerra extradeportiva, buscarán o tan desexado ascenso á Primeira Federación. Pola súa parte, o Laredo quere seguir un ano máis na cuarta categoría do fútbol español acadando, por terceiro ano consecutivo, a permanencia.
Para isto, o equipo de Fabiano suma xa, a base de bo xogo, goles e seguridade defensiva, dezanove dos últimos vinteún puntos en xogo. Un empate e seis triunfos que se completaron a pasada fin de semana na visita do Real Valladolid Promesas a Santiago. Un partido dominado de principio a fin polos nosos, facéndose coa posesión e o control total do partido para materializar ata dúas ocasións na segunda metade. E, ao igual que en Palencia, apareceu o nome propio de Mario Rodríguez, autor da asistencia a Jordan no primeiro gol e asinando o segundo logo dunha gran xogada individual comezando cun roubo en campo contrario e finalizando cun disparo imparable dende fóra da área ante o que nada puido facer o gardameta.
Menos acerto tivo o Laredo na súa visita a Miramar. Un primeiro con escasas ocasións, ningunha con certo perigo, deixou un segundo tempo onde Luis Nuño, ex do Arosa, asinou o único tanto do encontro logo de entrar escasos minutos antes.
Suma e segue.
Pato volveu ao Compos en 2019 coa intención de volver á Segunda B co equipo co que descedendeu en 2016. Na súa primeira tempada non só conseguiu tal feito senón que, ademais, deixou un récord de 798 minutos sen encaixar un gol. Oito partidos completos sen encaixar ningún tanto, comezando a xeira contra o Estradense e pechándoa fronte ao Ourense CF.
Neste caso, a cifra non chega aínda a tal cantidade. Non obstante, son xa cinco os partidos que suma imbatido nas últimas semanas, recibindo o seu último gol contra o Bergantiños, Lonxe quedan aínda eses case oitocentos minutos, superando por moi pouco agora mesmo os cincocentos e tendo nas súas mans, nunca mellor dito, a posibilidade de achegarse aos seiscentos sendo a mellor forma de pechar este ano.
Poucas despedidas amargas.
O Compos quere pechar este 2022 da mellor forma posible. E iso supón sumar, unha vez máis, de tres. Para iso, habería que ver portería sendo a materia pendente os dous últimos anos, deixando como resultado dous empates sen goles. Tamén sería preciso cambiar o resultado das visitas pasadas a Laredo, deixando atrás o reparto de puntos e manténdose na liña ascendente.
Coa posibilidade de facer historia, mantendo unha boa base, os de Fabiano queren deixar atrás os empates sen goles contra Ceares e Zamora de 2021 e 2020 respectivamente, seguindo, aínda así, na liña habitual dende 2012. Sería dende ese ano, xa con obxectivos renovados por parte do clube, cando arrincaría unha xeira de dez anos que se pecharon con só unha derrota, encaixada en 2018 contra o Coruxo.
Unha moi posible despedida.
Pechamos a fin de semana e facémolo con todos dispoñibles agás Allyson, cuxa volta non debería tardar demasiado. Sen máis baixas, mais si con tres dúbidas. Darío e Iván Martín xa chegaron entre algodóns a pasada fin de semana non teñen asegurada a súa presenza ao igual que Pablo Antas, que aumenta esta lista ata o sábado antes de viaxar.
No caso de Iván Martín, apunta que pode ser o seu derradeiro partido como xogador do Compos. O dianteiro andaluz chegou ás filas da Esedé a mediados de outubro para cubrir a baixa de Allyson e non contou coa confianza de Fabiano. Entrou na convocatoria por primeira vez en Carballo, saltando ao campo no segundo tempo, e foi titular contra a Gimnástica de Torrelavega. A partir de aí, entrou na lista contra o Avilés, mais sen contar con minutos, e quedou fóra no resto de citas.
Non obstante, de confirmarse a entrada do novo grupo de socios, podería darse algunha baixa máis que permita a contratación de novas pezas para terminar de ensamblar a maquinaria.
E haberá que madrugar.
Rematamos o ano e facémolo cun madrugón e unha mala nova. E é que Football Club, web que emite os partidos de varios equipos de Segunda Federación entre os que, nun principio, se atopaba o Laredo, non emitirá o partido. Non obstante, si apunta a que haberá radio a diferenza do que pasou hai unhas semanas en Palencia. Por contra, se alguén se decide a emprender unha viaxe ata Laredo, as entradas terán un prezo de 15 euros.
A parte da radio, coma sempre, poderá seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario