Despedida perfecta

 O Compos suma e segue. O equipo de Fabiano está coa marcha posta con dirección á vitoria e xa van seis consecutivas, con cinco partidos sen encaixar demostrando a mellora tanto defensiva coma ofensiva. Nesta ocasión, a vítima do equipo máis en forma do grupo foi o Real Valladolid Promesas nun encontro dominado de principio a fin e que serve para aumentar a diferenza con respecto aos postos de permanencia tranquila e recortar dous puntos a un Arenteiro que non foi quen de gañar en Langreo. 

 Os primeiros minutos de partido deixaron unha tolemia con ocasións nas dúas porterías. Damián probou fortuna atopando resposta na seguinte xogada e rematando coa mellor, e case única, intervención de Pato. Uns minutos iniciais ata que os nosos se asentaron ben sobre o verde e conseguiron pechar ao Valladolid no seu campo aparecendo a mellor versión de Mario. 

 O barcelonés, peza chave nos plans de Fabiano, non quixo deixar opcións aos visitantes e, xunto con Jordan, mandaron na ofensiva do Compos, axudando a un Darío que se viu ben cuberto pola defensa. Non obstante, entre os tres non foron capaces de bater ao gardameta deixando o gol como única meta pendente dun gran primeiro tempo branquiazul. 

 Rozando a excelencia. 

 O paso por vestiarios deixou o partido aínda máis con clara cor branquiazul. As acometidas sucedéronse sobre a meta pucelana e o gol chegou antes dos quince minutos. Unha xogada que comeza cunha ruleta de Damián na banda, Mario faise co balón e logo dunha boa conducción achegándose á frontal pica o esférico entre os defensas para a chegada de Jordan, que aproveita a saída do porteiro para facer unha vaselina que peta no longueiro antes de entrar na porta. Un golazo co que se desatascaba o encontro. 

 Co máis difícil xa feito, xa só quedaba tranquilizar o encontro e, sen arriscar, facer un segundo tanto que servira para deixar xa os tres puntos encamiñados. O Valladolid Promesas non presentou mais perigo sobre a meta defendida por Pato grazas, en gran parte, ao enorme traballo defensivo de todo o equipo. Si houbo outra marabilla co selo de Mario logo de interceptar un pase, encarar a un defensa e bater ao porteiro desde fóra da área cun zapatazo imparable, directo á escadra.

 Sentenciado cos dous goles, era o momento de dar descansos e minutos aos xogadores do banco, repetindo os mesmos trocos realizados a pasada fin de semana e facendo debutar a Martín Salvador nun partido oficial no Vero Boquete, logo de ter minutos en Oviedo e Palencia. 

 Agora, o equipo terá toda a semana para preparar a derradeira saída do ano, a Laredo, no partido que pecha 2022 e no que, porqué non, podería chegar a sétima vitoria consecutiva. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario