Enfrontamento directo

 Logo duns días convulsos por mor de temas que pouco ou nada teñen que ver coa pelota, o Compos volve á acción. Un partido que se presume igualado á par que complicado, con dous dos mellores ataques e no que terán gran importancia as defensas. No derradeiro partido do ano no Vero Boquete e coa pelexa polo terceiro posto en xogo. 

 O mellor filial. 

 Chegaron dende Primeira Federación e queren volver. O filial do Real Valladolid, presidido por Ronaldo Nazario e adestrado por Julio Baptista, é un dos mellores equipos do grupo, un dos favoritos para acabar na zona alta e un dos que máis veces puido sumar de tres. Non obstante, trátase dun equipo que só gaña ou perde, non saben o que é empatar nesta tempada polo que os goles están asegurados. 

 En oito ocasións sumaron de tres, catro na casa e outras tantas a domicilio. Cinco veces caeron, repartíndose tamén por partes iguais tanto no Anexo de Zorrilla como fóra de Valladolid, con só unha derrota menos lonxe da casa... de momento. Para isto, asinaron un total de dezanove goles, os mesmos que o Compos, e encaixaron trece. 

 Lonxe de Zorrilla, conseguiron conquistar Lugo, Zamora, Carballo e Santander. Catro vitorias importantes, sobre todo a última contra un rival directo como o está a ser o Rayo Cantabria. Por contra, volveron do Carballiño e Palencia sen nada logo de caer por 1-0. A todo ao anterior hai que engadir un dato importante e é que non perden un partido no que fan un gol dende abril, aínda na tempada pasada. 

 A nivel individual, no verán destacou Slavy, dianteiro moi perigoso e autor de dous tantos. Agora, durante a tempada, 'Chuki' está destacándose con catro dianas sendo o futbolista máis perigoso dos de Julio Baptista. 

 Igualdade. 

 Compos e Valladolid B volverán coincidir nunha categoría despois de seis sete anos. Dous equipos que será a terceira vez que coincidan no mesmo grupo. Tamén hai que engadir que, durante os noventa, foron algo máis habituais os enfrontamentos entre a Esedé e o primeiro equipo branquivioleta. 

 Na primeira ocasión que se viron as caras uns e outros no Vero Boquete, en 2015, Quim Araújo e Jordan deixaron os tres puntos en Santiago, malia marcar un gol o filial pucelano, obra de Teto. Un ano despois, os casteláns tamén fixeron un gol, con Óscar Arroyo como autor, que foi suficiente para sumar os tres puntos. 

 Algo mellor sorte houbo fronte ao primeiro equipo. Unha tempada en Segunda, catro en Primeira e unha eliminatoria de Copa nos achegaron aos vallisoletanos ao Vero Boquete ata en seis ocasións. Tres remataron con vitoria branquiazul, dúas con empate e só unha con triunfo visitante. 

 Unha xeira inmellorable. 

 O Compos está pasando, a día de hoxe, por un momento inmellorable. O equipo de Fabiano atopou o bo camiño, cun once sen grandes cambios e no que a defensa gañou moita fortaleza. Encadean cinco vitorias consecutivas, algo nunca feito antes fóra da Terceira galega, e catro partidos consecutivos sen encaixar un gol, sendo xa a segunda mellor xeira de Pato defendendo a portería branquiazul. 

 Bergantiños, Gimnástica Torrelavega, Arenteiro, Avilés e Palencia Cristo Atlético non puideron sacar nada positivo dos seus partidos ante os de Fabiano sendo, ademais, o cadro carballés o último que puido bater a Pato. 

 Non tan ben vai agora o filial pucelano. Un equipo que si foi quen de igualar a xeira que atravesa agora o Compos entre a xornada tres e a seis, incluíndo tamén o encontro fronte ao Zamora adiado no seu tempo por mor das dúbidas coa praza do DUX Internacional de Madrid na Primeira Federación. Agora, suman dúas vitorias consecutivas despois de superar a Rayo Cantabria na última saída e golear ao Marino de Luanco en Valladolid a pasada fin de semana. 

 Só unha remontada. 

 O Valladolid Promesas é un equipo que sumou máis da metade das vitorias nos seus encontros pero só catro delas chegaron malia encaixar, polo menos, un gol. Contra Lugo B, malia adiantarse cedo, tiveron que superar o empate ata en dúas ocasións máis para acabar 2-3. Fronte a Rayo Cantabria, tamén se adiantaron e sufriron un empate ao que conseguiron darlle a volta. O mesmo contra o Marino de Luanco, acabando con goleada. Non obstante, a Gimnástica Segoviana foi quen de poñerse por diante durante algo máis de vinte minutos, mais sen manter esa vantaxe sequera ata o tempo de lecer. Tamén, no segundo tempo, puideron empatar facendo o terceiro e definitivo, o Promesas, en menos de cinco minutos. 

 E se falamos dos partidos nos que conseguiron darlle a volta ao resultado, tamén hai que contar que só unha vez perderon logo de chegar ao tempo de lecer sen goles. Guijuelo, Arenteiro, Avilés e Palencia Cristo Atlético conseguiron adiantarse nos primeiros trinta minutos e aguantar o resultado ata o final, agás o Avilés, que aumentou a conta. Nunca chegaron ao tempo de lecer cun empate con goles.  

 Dous ex branquivioletas no Compos. 

 Malia non estar a contar coa confianza de Fabiano, dous xogadores do Compos contan con pasado polas filas do Valladolid Promesas. Trátase de Elliot e Iván Martín, ao que lle quedan dous partidos para rematar o seu contrato e que non está entrando nos plans de Fabiano nas últimas datas. 

 Imos por tempo. Iván Martín chegou ao Real Valladolid, para xogar no filial, no verán de 2016 procedente do Tudelano. O andaluz xogou algo máis de mil seiscentos minutos en trinta encontros anotando dous goles. 

 Pola súa parte, Elliot chegou en 2020 para desputar a derradeira Segunda B da historia e asinar o ascenso á Primeira Federación. O canario, que deixaba o filial do Tenerife logo de tres anos, xogou un total de dez partidos, cinco deles como titular, con algo máis de catrocentos minutos. 

 Problemas en ataque.

 Nas primeiras xornadas, as lesións semellaban habituais no plantel branquiazul. Agora, co estado físico xeral moito mellor, só hai que laiar a baixa de Allyson. Si hai dúas dúbidas que Fabiano conta con poder recuperar, que son Darío e Iván Martín, cos tres dianteiros tocados. Ademais, sen sancionados, si hai que falar de dous xogadores apercibidos que non poderían estar en Laredo: Crespo e Jordan. Dúas pezas fundamentais para Fabiano e que contan xa con catro cartóns. 

 Quince minutos antes. 

 Este domingo toca despedirse do Vero Boquete ata o 2023, con case un mes sen fútbol en Santiago. E hai que facelo aproveitando as invitacións incluídas no Medio-día do clube de hai dúas semanas dando ambiente e cor. Unha cita que dará comezo ás 16:45, quince minutos antes do habitual, e para o que as entradas, para quen non teña a sorte de contar cunha invitación, as entradas estarán ao prezo habitual de 20 euros en Tribuna e 15 en Preferencia, con 10 euros menos por bancada para menores de 18 anos. Uns prezos que acompañan a todos a aboarse para vivir o que se vén, cuns prezos inmellorables. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario