Bergantiños, Gimnástica de Torrelavega, Arenteiro e Avilés. Por que non engadir o Palencia Cristo Atlético a esta lista? O Compos está a sumar unha xeira para a historia ás ordes de Fabiano. E é que a 'Fabineta' funciona ás mil marabillas logo de dar coa tecla exacta, atopar un once titular seguro e enchufar, incluso, á xente que sae dende o banco de suplentes. A iso hai que engadir a gran mellora a nivel defensivo, con xa máis de 300 minutos sen encaixar un gol, e o bo facer de cara á porta rival.
Poucos goles.
Se na Segunda división destacaba o gran traballo do Burgos a nivel defensivo, o Palencia Cristo Atlético non se queda atrás. O conxunto castelán chega a esta xornada sendo un dos tres equipos con menos goles recibidos das catro principais categorías do fútbol, igualado co Melilla e o Barcelona. Non obstante, tamén se trata dun dos equipos con menos goles a favor, mais sendo o que mellor rendemento saca á baixa cifra.
A día de hoxe, logo de doce xornadas, ocupan a novena posición da táboa con dezasete puntos no casilleiro. En catro ocasións acabaron con triunfo, tres deles pola mínima; cinco empates, todos eles sen goles, e tres derrotas, sen ver porta tampouco en ningunha delas e con dúas caendo por só un gol de vantaxe. A isto hai que engadir que suman seis tantos a favor e restan cinco en contra.
Na casa, o Nueva Balastera, superaron ao Bergantiños na única ocasión na que conseguiron da volta a un gol inicial do contrario, ao Oviedo Vetusta con dous tantos de vantaxe, sendo a mellor vitoria morada do curso, e ao Valladolid Promesas. A visita do Lugo supuxo o único empate, sen goles, mentres que Arenteiro, pola mínima, e Rayo Cantabria, por cero a dous.
Deste equipo non se pode non destacar a defensa. O bo facer do equipo castelán débese, en boa parte, ao gran traballo de Guillermo García baixo paus. O gardameta palentino completa a súa quinta campaña no equipo, na súa segunda etapa, e faino como un muro case imposible de bater. Ademais, en ataque contan coa presenza do galego Adri Castro, ex de Ourense CF, Arenteiro, Fabril e Laracha e actual máximo goleador do equipo con 2 tantos.
Un so precedente.
Compos e Cristo Atlético só se viron unha vez, de momento, en Palencia. Un único precedente con data de xaneiro deste mesmo ano e que rematou en empate. Nesa cita, Frodo adiantou aos locais no primeiro tempo mentres que Escudero, no treito final, puxo a igualada definitiva dando comezo a unha segunda volta complicada para os de Rodrigo Veiga.
Antes, entre os anos setenta e 2010, houbo outras visitas dos nosos a Palencia que non acabaron, tampouco, do mellor xeito para os nosos. De feito, os dous puntos viaxaron a Santiago unicamente en 1986, cun triunfo por 1-2. Noutras dúas ocasións, volveron cun empate mentres que as cinco restantes remataron con derrota branquiazul. Un destino que, historicamente, non se dá ben á Esedé.
Diferentes momentos.
Compos e Cristo Atlético chegan a esta cita en momentos moi diferentes. O Compos, coa vista posta en facer historia, puidendo encadear a mellor xeira de vitorias fóra da Terceira división da súa historia. O Palencia, pola súa parte, suma dúas xornadas sen gañar nin marcar.
A pasada fin de semana, no Vero Boquete, apareceu a mellor versión dunha Esedé que venceu e convenceu ante un dos, a priori, favoritos para o ascenso directo. Nun primeiro tempo moi igualado, Darío adiantou ao equipo na segunda chegada a porta. No segundo houbo que esperar pero a sentenza chegou con outros dous tantos do dianteiro santiagués. Xa no engadido, Cano pechou a goleada logo da que sería, tamén, a terceira asistencia de Parapar no encontro.
Menos acerto houbo en Miramar. Un partido marcado polo estado do terreo de xogo, con moi poucas ocasións e no que o Marino levou máis perigo á porta rival. Non obstante, as oportunidades máis claras chegaron a balón parado, xa no segundo tempo, a prol do equipo asturiano cos casteláns buscando non perder fóra da casa.
Só unha vez chegaron cinco.
Fóra da Terceira división, o Compos nunca chegou a asinar máis de catro vitorias consecutivas. Si se superou, en varias ocasións, cando a categoría ocupaba o escalón inicial mais non deixa de ser unha materia pendente nunha categoría nacional na que se mesturan equipos de diferentes comunidades. Isto só puido conseguirse nunha ocasión, na Terceira 79/80 que, ademais, sería a derradeira na que coincidirían galegos e asturianos.
Na Segunda B, os santiagueses xa conseguiron encadear catro vitorias consecutivas en 1990, sendo a única vez que se fixo en categorías nacionais. Ademais, 2002, se fixo o propio na fase de ascenso á Segunda división. Nunca se conseguiu, tampouco no fútbol profesional, asinar unha quinta.
Volven os sancionados.
Para esta cita, Fabiano recupera as pezas importantes de Álvaro Casas e Roque, moi ben substituídos a pasada fin de semana por Samu e Kike. Recuperados os dous para esta cita importante, Fabiano non apunta a ter baixas máis alá da de Allyson, polo que terá que facer descartes. A maiores, Pablo Crespo chega con catro cartóns e non estaría na visita do filial do Valladolid no caso de ver un máis en Palencia.
Nin televisión nin radio.
Esta fin de semana chega unha misión complicada para o compostelanismo. Este curso, sen Footters, non haberá forma de ver o partido sen asistir ao estadio. Tampouco haberá radio en Palencia, xa que as radios locais non cubren os partidos en vivo do equipo e tampouco se desprazará a Radio Galega. Con isto, quen non poida asistir ao Nueva Balastera, con entradas a 15 euros, terá que seguir a cita nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma dos clubes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario