Catro para catro

 A cuarta vitoria consecutiva chegou para un Compos que funciona ás mil marabillas. Malia as baixas, importantes, de Casas e Roque, o conxunto de Fabiano sacou a mellor versión contra o Real Avilés e asinou a mellor goleada dende a súa volta a categorías nacionais, onde non asinaba catro vitorias consecutivas dende hai máis de 30 anos. Darío, que asinou tres goles, e Cano, saíndo dende o banco, demostraron que este equipo ten moito gol. 

 O encontro non puido comezar de mellor maneira. Na primeira chegada, Darío mandou o balón contra o corpo do porteiro, sendo un aviso do que chegaría só un minuto despois. Un balón co que se fai Samu dende o chan para deixarlla a Jordan, que abre de primeiras á banda de Riki Mangana. O lateral centra á área, toca a pelota Mario e remata, a porta baleira, Darío. Gran gol do equipo e primeiro da tarde para o santiagués cando o reloxo aínda non marcaba nin os cinco minutos. 

 Co resultado a favor, a intención non foi outra de buscar un segundo diante dun Avilés ao que lle custou meterse no partido. E en só dez minutos foron Jordan e Mario os encargados de obter as mellores opcións de sumar ese gol da tranquilidade con Fer Beltrán mandando o balón ao fondo das redes, mais foi anulado polo asistente por fóra de xogo. 

 Moi superior o Compos sobre o verde e só un aviso durante os primeiros corenta e cinco minutos para os asturianos, que probaron a Pato cun disparo que atallou o uruguaio en dous tempos. Ante iso, só unha resposta máis, superada a media hora, cun centro de Darío que non foi quen de rematar Mario. 

 E sentenza. 

 No segundo tempo, o Avilés foi quen de gañar algo de terreo e, agora si, crear algo máis de perigo en campo contrario. Aínda así, Mario foi o primeiro en buscar ao gardameta rival nun man a man que non puido finalizar. Tampouco Isi Ros, na outra escadra, puido poñer a igualada cun balón que petou na madeira. 

 Algo máis mellorou o panorama cos trocos. A entrada de Parapar axudou a dar profundidade pola banda e nas súas botas arrincou a xogada do segundo. Balón na banda que xoga en curto para Jordan, o de Salvaterra busca devolverlla ao espazo pero chega primeiro un defensa, que buscando despexar peta coa pelota no corpo de Parapar e cae a pelota nas botas de Darío, que non perdoa na frontal da área pequena. 

 A tranquilidade, con menos de vinte minutos por diante, xa chegou e a sentenza volveu contar con Parapar como creador, marchando de varios contrarios, e asistente e Darío pegándolle de primeiras para, por terceira vez, sumar o gol que, agora si, supoñía xa asegurarse os tres puntos. 

 Partido cómodo, co Avilés xa rendido, chegou un cuarto tanto con Parapar, unha vez máis, como gran protagonista. Contra que lidera o coruñés pola dereita, chega ao lateral da área, aguanta o esférico e asiste a Cano, que non perdoa logo de controlar. Un bo gol entre dous dos trocos de Fabiano, convertindo o Vero Boquete nunha gran festa. 

 Agora, o equipo terá unha semana para preparar a visita a Palencia da vindeira fin de semana. Unha saída complicada pero que se fará coa moral polas nubes despois destas catro vitorias e, ademais, dende a terceira praza da táboa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario