Un ano despois

 Por primeira vez esta tempada, o Compos sumou a segunda vitoria consecutiva, segunda tamén en San Lázaro este curso, e mellora as sensacións xusto antes do parón pola Copa do Rei deixando, ademais, a portería a cero. Nesta ocasión, contra unha Gimnástica de Torrelavega que xogou as súas cartas e a piques estivo de adiantarse puidendo sumar algo máis. Finalmente, foron os locais quen, grazas a un gol de Jordan, se fixeron cos tres puntos. 

 A Gimnástica, que buscou dende o comezo perder tempo, amarrar o empate e buscar, nalgunha xogada aillada, o gol do triunfo. Esa xogada chegou aos cinco minutos cunha gran dobre ocasión que salvou Pato en primeira instancia e entre o uruguaio e a defensa na segunda. Unha gran ocasión, un susto importante, á que respostou Mario Rodríguez cinco minutos despois para deixarnos un gran comezo de partido que non mantivo tal ritmo. 

 O primeiro tempo, que tivo un ritmo mellorable logo desas dúas oportunidades claras, contou co Compos levando o ritmo, dominando o esférico e tendo as únicas oportunidades, sen chegar a por en apuros ao porteiro, nas botas de Riki Mangana e Pablo Antas. 

 De menos a máis. 

 Se na primeira metade, o Compos, mandou pero sen grandes traballos ofensivos, na segunda mellorouse en ataque. Cunha marcha máis, Darío foi o primeiro en avisar mentres que Mario e Fer Beltrán, nunha dobre ocasión, gozaron das máis claras dos primeiros minutos. Sería, tamén, Darío o que colaboraría con Jordan para crear entre ambos os dous o que sería o gol do triunfo. Unha xogada que comeza nas botas do '8', pase para o dianteiro santiagués e, despois dun caneo na área perfílase ante o porteiro pero Jordan, chegando dende atrás, pégalle antes e non perdoa. 

 Co triunfo branquiazul no luminoso, aos cántabros entráronlle as presas mais sendo insuficientes para provocar perigo sobre a portería defendida por Pato. Si tivo máis opcións o Compos para asinar o segundo, con dúas chegadas que non chegaron, por moi pouco, aos rematadores. A iso hai que sumarlle un final complicado onde os de Fabiano demostraron saber sufrir atrás e defender á perfección. 

 Agora, o equipo chega ao parón no que descansar e chegar con forzas, ademais de con sensacións reforzadas, ao encontro en Espiñedo contra un Arenteiro que non parará xogando a Copa un ano máis. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario