Antes do parón

 Chegamos ao primeiro parón da tempada, sendo neste caso por unha semana, pero antes hai que superar un partido difícil, igualado, contra a Gimnástica de Torrelavega. Unha cita na que sumar, por primeira vez no curso, dúas vitorias consecutivas seis días despois de conquistar As Eiroas. Diante, un rival que se presume complicado e que, a diferenza dos de Fabiano, non terá unha semana de descanso. 

 Coa Copa no horizonte. 

 A Gimnástica de Torrelavega ascendeu esta pasada fin de semana da Terceira como campión, dándolle isto a opción de xogar a primeira fase da Copa do Rei, na que se enfrontarán a vindeira fin de semana ao Oviedo no Malecón. Na liga, o equipo cántabro está a pasar un curso complicado movéndose, en gran parte dos casos, por resultados curtos. 

 A día de hoxe, son novenos con trece puntos, un máis ca os nosos. Catro vitorias, outras tantas derrotas e só un empate no que vai de liga, en El Malecón contra o Palencia Cristo Atlético. Nove goles a favor e once en contra para un equipo que deixou a súa porta a cero nun total de tres ocasións. 

 Lonxe de El Malecón, foron quen de gañar en Carballo e en Santander. De Avilés e Valladolid saíron sen nada logo de encaixar, ademais, tres goles en cada partido. En Valladolid, incluso, chegaron a adiantarse nos primeiros minutos de encontro e, tras chegar ao tempo de lecer por debaixo, foron quen de igualar o resultado, algo que durou moi pouco. 

 A nivel individual, o seu maior perigo está a ser Tobar. O dianteiro, que o curso pasado asinou doce goles en Terceira cos cántabros, suma a día de hoxe tres tantos sendo o principal referente ofensivo nun equipo con certos problemas en defensa. 

 Vinte anos pasaron. 

 Compos e Gimnástica Torrelavega volverán verse as caras en liga despois de vinte anos. Dúas décadas pasaron dende a última vez que coincidiron na Segunda división B supoñendo, aquela, unha fermosa campaña para os branquiazuis. Non obstante, tamén se viron as caras recentemente na Copa Federación. 

 Santiagueses e torrelaveguenses se enfrontaron por primeira vez na historia hai xa algo máis de cincuenta anos. Sería na tempada 71/72, en Cantabria, quedando os dous puntos alá. En Santa Isabel, sería o Compos o que se faría co triunfo por 3-1. Un ano despois, na seguinte visita, o partido rematou sen goles volvendo gañar o Compos no 77, aínda en terceira, por 2-0. Terían que pasar moitos anos ata que se viron as caras na Segunda B en 2002, logo do paso dos nosos pola Primeira e nunha tempada na que acadarían o último ascenso ao fútbol profesional. Nese enfrontamento, unha vez máis, acabarían sen goles. 

 Xa máis recentemente, víronse as caras na Copa Federación, con empate a un gol, obra de Chiño para os nosos, no Vero Boquete. En Torrelavega repetirían sino mais sen goles, deixando aos cántabros clasificados para a seguinte rolda. Ésa non sería a última visita dun equipo cántabro a Santiago xa que dúas semanas despois chegaría o Racing de Santander, que si sería quen de facerse co triunfo logo de remontar un gol de Jordan. 

 Rachando xeiras. 

 Os dous equipos veñen de acabar con momentos moi diferentes a pasada fin de semana. O Compos, que sumaba tres partidos sen gañar, superou ao Bergantiños. Pola súa parte, a Gimnástica deixou atrás dúas vitorias seguidas na casa caendo pola mínima. 

 Nas Eiroas medían forzas Compos e Bergantiños. Un partido no que os de Fabiano levaron o peso do encontro en gran parte do mesmo pero no que foron os de Lemos os primeiros en golpear adiantándose na primeira ocasión coa que gozaron e levando a vantaxe ao tempo de lecer. Non obstante, o paso por vestiarios axudou aos santiagueses a meter unha marcha máis e o empate tardou tres minutos en chegar. Algo máis, xa cos trocos realizados, se fixo esperar a remontada cunha gran asistencia de Mario Rodríguez para Fer Beltrán, que non perdoou na área. 

 En Torrelavega, os cántabros recibían ao Marino nun partido entre dous equipos pasando por momentos moi diferentes. A Gimnástica, despois de dúas vitorias consecutivas, e os luanquinos, con dous dos últimos doce puntos no peto, deixaron un partido no que os locais foron mellores pero no que os asturianos fixeron o gol. Ben Hamed, no último treito do primeiro tempo, adiantou aos seus sendo suficiente para pechar a única vitoria do Marino no mes de outubro. 

 Volve Samu. 

 As boas novas para Fabiano continúan esta fin de semana. Despois de recuperar a Mario Rodríguez, que a pasada fin de semana foi determinante nos minutos que tivo, a Parapar e poder incorporar no once titular a Iván Martín, esta fin de semana poderá contar de novo con Samu despois de que cumprira sanción. En canto ás baixas, cae Elliot por motivos técnicos e volve quedar fóra Mario Constenla, ademais de Allyson por lesión. 

 Por outro lado, Álvaro Casas segue con catro cartóns, apercibido e de ver o quinto non podería estar en Espiñedo despois do parón. 

 Fría tarde de sábado. 

 O frío chegou e este sábado haberá dobre sesión deportiva na capital galega, co Obradoiro xogando pola noite no Fontes do Sar. O Vero Boquete abrirá as súas portas na antepenúltima cita local do ano para acoller un encontro que dará comezo ás 17 horas. E, coma sempre, as entradas terán un prezo de 20 euros en Tribuna e 15 en Preferencia, con 10 euros menos en cada sector para menores de 18 anos. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario