Un derbi especial

 Este domingo, o Compos volve á acción despois dunha fin de semana de descanso. Faino nunha cita esperada dende o verán e contra un equipo que está de moda polo gran momento que pasa. O Arenteiro de Fran Justo, que non sabe o que é perder este curso teña a quen teña diante, vai chegar moi reforzado logo do seu pase á segunda rolda da Copa do Rei e como líder do grupo, algo que manterá unha semana máis pase o que pase o domingo. 

 Imparables. 

 A tempada, para o Arenteiro, comezou este verán coa fase territorial da Copa RFEF, competición que se tomaron moi en serio dende o inicio, superando a Rápido de Bouzas, Estradense e Compos, nunha final moi quente. Na fase nacional, Naval, Zamora, Panadería Pulido, Real Unión e Alzira caeron aos seus pés. O mesmo, na Copa do Rei, arrincándoa cun triunfo ante o Almería amosando bo xogo sobre o verde de Espiñedo. 

 En canto á liga, máis do mesmo. Ninguén foi quen de pasar por riba dos do Carballiño. Só o Coruxo foi quen de non encaixar ningún gol contra eles, quedando o partido co resultado inicial, mentres que Bergantiños e Real Avilés foron quen de repoñerse ao gol local para acabar empatando. Por outra parte, a Gimnástica de Torrelavega foi o único equipo capaz de chegar ao tempo de lecer con vantaxe acabando con remontada mentres que o Rayo Cantabria, segundo equipo que se adiantou ante eles, recibiu dous goles ante do tempo de lecer para acabar encaixando o terceiro e definitivo no segundo tempo. 

 No Espiñedo, campo que vai estar difícil por mor do tempo, tres equipos conseguiron marcar, sendo Bergan e Avilés os únicos capaces de puntuar alí neste curso. O Rayo Cantabria, do que falamos antes, tamén puido anotar o que sería o 0-1 pero sucumbindo ao gran equipo dirixido por Fran Justo e que se reforzou de marabilla no mercado. 

 A nivel individual é difícil destacar a alguén deste gran bloque. Logo da saída de Renan Zanelli, Escobar tomou o mando en canto a goles. Ademais, Curro Rivelott, Pibe e Rafa Mella están a deixar unha imaxe inmellorable en cada partido. 

 Invencibles? 

 Mes de abril. O Arenteiro, xa co obxectivo da permanencia virtualmente superado, visitaba o Vicente del Bosque para medirse ao Unión Adarve. Antes dos dez minutos de partido, Mayorga e Tellechea xa encamiñaron un triunfo ante o que non foron quen de facer moito os galegos, que conseguiron facer un gol antes do tempo de lecer, obra de Renan Zanelli. Sería a última vez que perderían os de Fran Justo. 

 En canto ao Espiñedo, nove meses pasaron dende que o Pontevedra asinou unha goleada con goles de Alex González, Rubio, Rufo e dobrete de Seoane. Nese caso, Sobrido faría o gol verde. Pola súa parte, habería que ir ata decembro de 2021 para atopar a última derrota sen gol local, tamén ante o Unión Adarve, cun tanto de Portero. 

 Non obstante, sumar de tres no Carballiño é algo que si sabe facer o Compos. Oito visitas á vila ourensá deixaron cinco triunfos da Esedé, con catro ocasións rematando cunha vantaxe pola mínima e só unha goleada, hai xa case sesenta anos. Ademais, tres empates e ningunha derrota. 

 Contas pendentes. 

 No mes de agosto, en Portonovo, Compos e Arenteiro medían forzas por un billete para a fase nacional da Copa RFEF. Un partido onde se adiantaron os de Fran Justo cun gol de Joseca e que igualou Mario Rodríguez minutos antes do fin do primeiro tempo. Nos minutos finais dun partido moi duro, co ambiente moi quente tanto nas bancadas coma no verde, Manin fixo o segundo e definitivo para que os do Carballiño se fixeran co trofeo. 

 En canto á liga, o último precedente data do ano pasado. Naquel encontro en Espiñedo, Primo adiantou ao Compos no treito final do primeiro tempo e Renan Zanelli igualou nos primeiros intres do segundo. Na cita, Rafa Mella volveu lesionado da que sería a súa seguinte casa. 

 Lei do ex? 

 Nesta ocasión hai que falar de tres xogadores que se verán as caras co seu ex equipo. Dous, agora defenden as cores do Arenteiro mentres que un fai o propio no Compos. 

 Comezamos polos nosos. Nas filas da Esedé, este curso, hai un ex Arenteiro ás ordes de Fabiano. Borja Rey, porteiro suplente, defendeu a portería do cadro do Carballiño na tempada 19/20 xogando catro partidos e encaixando dous goles. De branquiazul suma a súa terceira tempada con dous partidos oficiais como titular e un gol recibido. 

 Pola súa parte, este verán chegou ao Arenteiro, procedente da capital, Rafa Mella. O coruñés, que non tivo un bo paso por San Lázaro, leva xogados trece partidos e anotou dous goles, que supuxeron as sentencias contra Alzira e Almería. 

 Máis tempo e mellores resultados obtivo Jordan no seu paso por Santiago. O ourensán chegou en 2012 e marchou en 2016 despois dun total de noventa e oito partidos nos que asinou catorce goles. Agora, reconvertido a lateral, acumula once partidos nas filas do Arenteiro. 

 Máis dun gol por partido. 

 Tanto Compos coma Arenteiro suman o mesmo número de goles a favor: doce. Non obstante, a diferenza máis grande atópase nas defensas, cos nosos encaixando máis do dobre de goles, con nove recibidos por Pato ante os catro que encaixou Diego García. Con isto, puidemos ver goles en todos os partidos de ambos os dous equipos agás nun por cada bando. 

 O Compos, que semella estar atopando xa o seu xogo co que máis cómodo se atopan os de Fabiano, foi quen de ver portería en oito encontros. Só na derrota fronte ao Langreo e no empate contra o Guijuelo quedarían sen anotar. Por outra parte, un equipo que acostuma a moverse por resultados curtos, foi quen de anotar dous goles contra Burgos, Bergantiños e Zamora, sendo no Ruta de la Plata a única ocasión onde o resultado acabou con máis dun tanto de vantaxe. 

 Por contra, o Arenteiro só quedou sen anotar no empate da primeira xornada no Vao, contra o Coruxo. A partir desa cita, en cada unha atoparon o camiño ao gol coas remontadas contra Gimnástica de Torrelavega e Rayo Cantabria coma as dúas únicas citas nas que asinaron máis dun tanto en liga, sendo algo máis habitual tanto na Copa RFEF coma na Copa do Rei. 

 Todos descansados. 

 Se antes do parón xa tivemos a todos recuperados agás Allyson, agora, ademais, chegan descansados. Só coa baixa do dianteiro brasileiro de cara a esta cita, será Fabiano quen teña que facer descartes no equipo. A parte, hai que falar de que Casas e Roque chegan apercibidos de sanción e non poderían estar contra o Avilés de ver un cartón amarelo. 

 Quince minutos antes. 

 O partido en Espiñedo dará comezo este domingo ás 16:45 horas, quince minutos antes do habitual, e será un gran partido no que se espera un cheo na bancada do campo carballiñés, polo que, quen asista, terá que facelo con tempo. Para a cita, as entradas terán un prezo de 15 euros. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da TVG2 e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario