E se hai catro?

 Despois dunha vitoria importantísima que meteu ao Compos nos postos máis altos da clasificación, o fútbol volve ao Vero Boquete para vivir unha das citas máis importantes desta primeira volta. O Real Avilés, un dos grandes favoritos para o ascenso, chegará a Santiago para deixarnos unha cita, a priori, igualada entre dous equipos que comezan a atopar unha boa dinámica de resultados. 

 Pezas xa encaixadas. 

 Malia non comezar con bo pé a competición doméstica, o Real Avilés xa parece ter ben asimilado o seu xogo e as pezas encaixadas nun equipo que se reforzou moi ben no mercado de verán, incluíndo a chegada de Primo dende Santiago. Un equipo que tardou case un mes en asinar a súa primeira vitoria pero que agora se confirma como un dos equipos máis en forma do campionato. 

 Cinco triunfos, tres deles nas últimas catro datas, e tres empates para un equipo que caeu en tres ocasións, dúas delas nos tres primeiros xogos do campionato. Uns números idénticos aos feitos polos homes de Fabiano e que só se diferencian no número de goles anotados por cada equipo, con quince polos asturianos e trece para os nosos. Nove tantos en contra os sitúan, ademais, como unha das mellores defensas, deixando a súa porta a cero en cinco ocasións. 

 Un equipo fiable na casa pero non tanto a domicilio. Sacaron bos empates das súas visitas a Lugo e O Carballiño mentres que volveron de Valladolid cos tres puntos, sendo a única vitoria fóra da casa. De Carballo e Santander, de baleiro recibindo nas Eiroas a maior derrota do que vai de curso. 

 A nivel individual, nun equipo onde ata catro xogadores, entre os que se atopa Primo, se repartiron doce goles, destaca a presenza de Natalio. O dianteiro valenciano, que suma a súa cuarta tempada no cadro avilesino, ultima unha boa carreira con paso polo fútbol profesional e xa suma 3 tantos malia non ser un habitual no once titular tendo presenza, aínda así, en todos os partidos. 

 Longa historia. 

 Dende hai máis de cincuenta anos, Compos e Avilés se coñecen as caras, sería a primeira vez, en 1969, que se enfrontaron dous equipos que coincidiron nun total de doce tempadas entre a antiga Terceira división, a Segunda B, a actual Segunda Federación e, un curso, no fútbol profesional un emparellamente historicamente igualado mais dominado polos nosos en Santiago. 

 A primeira ocasión que se viron as caras rematou en empate en Santa Isabel, chegando a desigualada dúas campañas despois, na Copa do Rei, sumando o triunfo e o pase de rolda o conxunto asturiano, e con vitoria dos nosos na liga. No 73 e no 80 tamén quedarían os dous puntos en Santiago mentres que no 79 sumarían a segunda igualada. 

 Nos 80, as cousas comezaron algo mellor para os asturianos, facéndose co triunfo no 83 e retomando o camiño da vitoria o Compos unha tempada despois. E serían os 90 os que nos deixarían o único recordo dos dous conxuntos compartindo presenza no fútbol profesional goleando o Compos por 5-1 no 92 a un rival que tardaría vinte anos en volver ver. 

 Do ceo aos infernos e volta a empezar para un Compos que, xa en San Lázaro, recibiu ao Avilés en 2013 para deixarnos un partido sen goles, na volta do equipo dirixido por Fredi á categoría de bronce. Si habería goles na xornada que pechaba o seguinte curso, gañando de novo o Compos por dous tantos de vantaxe e sendo a última ocasión na que se viron as caras na antiga Segunda B. 

 Xa na Segunda RFEF, volveron enfrontarse o pasado curso no Vero Boquete. Igualdade máxima sobre o papel e tamén no verde, onde se adiantou o Compos con gol de Parapar. Natalio asinou a igualada antes do tempo de lecer mentres que Baleato e Jordan deixaron encamiñado o triunfo mediada a segunda metade. Adrián Gómez completou o 3-2 definitivo xa no tempo engadido, sen posibilidade de asinar o empate nun partido polémico e que rematou cun enfado importante no seo do conxunto avilesino. 

 Pola mínima. 

 Tanto Compos coma Avilés chegan a esta cita despois de facer 10 dos últimos 15 puntos en xogo, cifras só superadas por un Arenteiro que sumou a súa primeira derrota consecutiva e que esta mesma semana perdeu ao seu adestrador, Fran Justo, que probará sorte no fútbol profesional, no banco do Lugo. 

 Comezamos polo Espiñedo. Nun campo en condicións moi mellorables, Arenteiro e Compos se vían as caras co recordo do pasado en Baltar na Copa Federación. Unha cita onde os de Fabiano impuxeron o seu xogo nos primeiros minutos e tiveron a mellor oportunidade dende os once metros, onde non perdoou Mario Rodríguez. No segundo tempo apareceu o chamado "outro fútbol" con numerosas perdas de tempo e pouco tempo xogado por un equipo que sabía da importancia de gañar ao líder. 

 Mesmo resultado se deu no Román Suárez Puerta. No derbi asturiano contra o Marino de Luanco, o Avilés foi quen de adiantarse no primeiro tempo grazas a un gol de Primo. No segundo tempo, onde os locais se cargaron de cartóns, tiveron o segundo nun disparo que petou na madeira mentres que, na seguinte xogada, sería o Marino quen perdoaría o empate dende os once metros. 

 Outro ex. 

 Como xa é habitual, un ex Compos volverá á súa casa esta fin de semana. Primo volverá á que foi a súa casa ata este pasado verán, cando deixou Santiago por Avilés. O dianteiro cántabro, que asinou xa tres goles no que levamos de curso, quedou ás portas de ser centenario na Esedé cun total de 96 partidos oficiais nos que asinou un total de 45 goles, gañou dúas ligas, foi fundamental na Terceira división e peza importante do ascenso á Segunda B.

 Dúas baixas moi importantes. 

 Se vimos falando estas últimas xornadas de que Fabiano ten, coa excepción de Allyson, a todos á súa disposición, non podemos dicir o mesmo de cara a esta cita. A vitoria en Espiñedo, nesa guerra táctica, deixounos ata oito xogadores amoestados. Entre eses oito, Roque e Álvaro Casas, que non poderán estar este domingo por acumulación de cartóns e que se unen ao dianteiro brasileiro nesta lista de baixas. 

 Medio día do clube. 

 Coa primeira volta case tocando ao seu fin, con tres partidos na casa por diante, chega o primeiro medio día do clube polo que os aboados terán que pasar por caixa. O domingo, ás 17 horas, os maiores de idade terán que pasar pola tenda antes do domingo ou pola billeteira o propio día do partido custando as entradas 7,50 euros en Preferencia e 10 euros en Tribuna, a metade que para os non abonados. A maiores, para cada aboado haberá unha entrada de balde para o partido diante do filial do Valladolid de dentro de dúas semanas, derradeiro encontro do Compos no Vero Boquete do ano. Para non aboados, 15 euros en Preferencia, 10 en Tribuna e 10 euros en cada bancada menos para menores de idade. 

 Para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube, mais apunta a que non haberá retransmisión este domingo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario