Cae a torre. Cae o líder. Cae o Arenteiro despois de meses por primeira vez e faino diante dun Compos que buscou facer o chamado "outro fútbol" nun partido onde as ocasións de perigo chegaron a prol do cadro local. Os nosos, que se adiantaron no primeiro tempo cun gol de Mario Rodríguez, buscaron defenderse con todo e dar o balón a un equipo que non saiu de campo contrario en gran parte dun xogo que se foi máis alá dos cen minutos, con moitos menos co balón en movemento.
O encontro comezou co Compos tentando levar o ritmo. Balón para os nosos e a atacar a un Arenteiro que se meteu atrás buscando un erro e saír á contra. Sen buscar arriscar, con ambos os dous conxuntos buscando o fallo contrario, as ocasións fixéronse de rogar ata o punto de que non houbo ningún disparo importante nos primeiros vinte minutos, malia que nese tempo mandaron os de Fabiano merecendo máis.
Rondando a área verde, semellaba ser cuestión de tempo que chegara algunha boa oportunidade branquiazul. Non obstante, nun partido que pasou a ser unha guerra no segundo tempo, a mellor ocasión chegou grazas a unha man de Pol Bueso nun salto con Darío Germil tocando o balón coa man. O colexiado non dubida en sinalar a pena máxima e Mario, dende os once metros, bate a Diego.
A partir do gol, paso atrás do Compos e adiante dos de Fran Justo merecendo, ata o tempo de lecer, o empate. Aí apareceu a mellor versión de Pato, freando cada ocasión carballiñesa con dúas intervencións de moito mérito. Pola súa parte, no resto do campo, moitos cartóns nun partido que xa facía pensar que non remataría cos vintedous xogadores.
O outro fútbol.
Se dende o gol desapareceu o potencial ofensivo do Compos, no segundo foi aínda maior a diferenza con respecto aos primeiros intres. Ben pechados atrás, sen permitir un so erro e freando con faltas cando foi preciso. Non se buscou, apenas, o segundo tanto e tampouco se rifaron balóns en case sesenta minutos que durou o segundo tempo.
Faltas, interrupcións e perdas de tempo sucedéronse mentres que o céspede de Espiñedo empeoraba as condicións. O partido pasou a xogarse no medio campo branquiazul e só Mario foi quen de buscar a portería cunha xogada na que se foi de tres contrarios e tentou superar a Diego picando o esférico pero mandando o balón moi desviado.
Co paso dos minutos, o tempo de xogo foi a menos. A tensión aumentou e o xogo intelixente do Compos gañaba enteiros contra un Arenteiro incapaz de meter man nese muro. Si meteron o medo no corpo na derradeira ocasión do partido cun centro á área que perdoaron, xa con dez pola expulsión de Diego, por moi pouco.
Finalmente, o Compos suma de tres por terceiro encontro consecutivo e sitúase nos postos altos nunha xornada na que os de arriba caeron igualándose aínda máis todo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario