O Compos superou ao Bergantiños nun partido no que os de Fabiano buscaron a portería dende o comezo e que se definiu por erros defensivos nas dúas áreas deixando tres goles e a segunda vitoria a domicilio. Un partido que supuxo a estrea de Iván Martín acompañando a Darío en punta e no que os goles chegaron dende o centro do campo, con Roque e Fer Beltrán sacando petróleo dun campo sempre difícil. Charly, máximo goleador do campionato, anotou o tanto carballés aumentando a súa conta particular mais sendo insuficiente para sacar algo positivo.
Cun home menos en defensa pola sanción de Samu e un máis en ataque, o equipo de Fabiano saiu coa única intención de levar a iniciativa co balón. Con isto, conseguiron meter ao Bergantiños no seu campo mais sen crear serias ocasións de perigo sobre a portería dun Canedo que evitou unha vantaxe maior para os nosos.
As ocasións fixéronse de rogar. Iván Martín, cun disparo acrobático, probou sorte nos primeiros minutos e buscou a escadra mediado o primeiro tempo, obrigando a Canedo a estirarse para salvar o primeiro. Máis acerto tivo o cadro carballés, anotando na primeira chegada perigosa e aproveitando un erro de marca no segundo pau, aparecendo Charly so para materializar a ocasión.
Cambio a mellor.
O paso por vestiarios mellorou a imaxe dun Compos que precisou menos de cinco minutos para anotar o tanto da igualada. Unha xogada que comeza nas botas de Roque, abre para Riki Mangana e éste centra ao corazón da área buscando aos dianteiros. Un defensa curta o centro e aparece Roque para, cun disparo cruzado, superar ao gardameta local.
Mantivéronse firmes os de Fabiano sobre o sintético das Eiroas pero os trocos locais serviron para darlle unha marcha máis os bergantiñáns. Dita mellora foi insuficiente para superar o centro do campo branquiazul, seguro en labores defensivas. Tamén se puido ver unha imaxe superior do Compos coa entrada de Mario Rodríguez, deixando grandes detalles.
Co barcelonés sobre o campo, malia chegar cos mellores minutos do Bergantiños, apareceu a mellor versión dun equipo que asinou a merecida remontada a menos de dez minutos para o final do tempo regulamentario. O propio Mario, logo de toparse co muro defensivo, sacou un pase maxistral ao corazón da área e alí apareceu Fer Beltrán, que non perdoou facendo o seu segundo gol do curso e, de novo, supoñendo o triunfo. A maiores, tivo nas súas botas o terceiro logo dunha gran xogada individual que sacou Canedo por baixo.
Con este triunfo, o Compos respira un pouco e métese nunha loita na que hai ata nove equipos separados por tres puntos. Ademais, péchase así unha xeira de tres partidos sen gañar e faise cunha remontada que deixa boas sensacións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario