Por terceira semana seguida, o Compos afronta un derbi importante coa obriga de, ao fin, sumar de tres despois de tres xornadas seguidas sen gañar. Unha cita nas Eiroas importante á par que difícil entre dous equipos en horas baixas. O Bergantiños, con Lemos no banco, buscará o seu segundo triunfo consecutivo despois de conquistar Miramar. O Compos, a pola terceira vitoria lonxe do Vero Boquete, onde xa conseguiu facerse co triunfo en Zamora.
Fóra mellor que na casa.
O Bergantiños non está a ter o seu mellor arrinque de curso. O cadro carballés ocupa, a día de hoxe, o posto de promoción de permanencia con 8 puntos asinados ata o momento, só 1 menos que o conxunto branquiazul. A maiores, trátase do terceiro equipo con máis goles anotados e o cuarto que máis encaixa asegurando partidos con goles e, sobre todo, moita igualdade.
Os de Lemos asinaron dúas vitorias, una na casa contra o Avilés sendo os seus únicos puntos como locais, e outra, fronte ao Marino de Luanco hai unha semana con moita emoción e remontada incluída. Ademais, outros dous empates, ambos os dous a domicilio e con goles, diante de Arenteiro e Laredo anotando o tanto da igualada o conxunto carballés nos cinco últimos minutos. En canto ás derrotas, un total de catro con tres delas diante da súa xente, dúas delas ante filiais.
A nivel individual, está a destacar por riba do resto a figura de Charly. O ex de As Pontes ou Racing de Ferrol, entre outros, arrinca a súa terceira campaña nas Eiroas e faino da mellor forma posible. A día de hoxe, despois dun cuarto do curso, xa superou os seus números dos dous anos anteriores asinando xa cinco goles, sendo o xogador con máis goles non só do equipo senón que, tamén, de todo o grupo.
Unha longa historia entre eles.
Compos e Bergantiños son xa vellos coñecidos despois de case corenta anos véndose as caras de maneira habitual entre a Preferente e a actual Segunda RFEF, pasando tamén pola Terceira división con partidos cheos de emoción, igualdade e dificultades para gañar en Carballo, tema do que hoxe hai que tratar.
Esta serie comezou na segunda metade dos anos 80 con dobre derrota dos nosos, tanto en Santa Isabel coma a domicilio, pola mínima. Uns resultados que mellorarían, na 89/90, con dobre empate, sen goles en Carballo. A seguinte cita, na Preferente 2007/08, chegou xa entre San Lázaro e As Eiroas cunha vitoria, diante dos seus, para cada equipo pola mínima. Esa igualdade rachouse na 2012/13 con dobre triunfo branquiazul por dous goles de vantaxe en Carballo e tres en Santiago. Non obstante, o guión volveu ao anterior cun triunfo igualado para cada equipo na etapa de Yago Iglesias como adestrador da Esedé agás na 2018/19, co Bergantiños conquistando o Vero Boquete e o Compos incapaz de sacar algo máis ca un empate das Eiroas.
A serie continuou na Segunda RFEF, categoría máis alta na que se enfrontaron ata o de agora, o curso pasado. En Santiago, na primeira volta, pechouse o partido con empate a un gol e con Remeseiro, que volvía á que algún día foi a súa casa, como autor do gol visitante. Nas Eiroas, a cousa non foi moito mellor. Un pésimo primeiro tempo dos de Rodri Veiga levou o partido ao tempo de lecer con tres goles de vantaxe, dous deles obra de Antón Escobar e o terceiro de Remeseiro. Na segunda metade, Agulló, en propia porta, e Jordan recurtaron diferenzas deixando un final de partido moi igualado pero insuficiente para puntuar.
De menos a máis.
Tanto Compos coma Bergantiños chegan a esta cita despois de ter que dar a volta a un resultado adverso a pasada fin de semana. Os nosos, que mereceron máis, non puideron bater ao Coruxo no Vero Boquete. Pola súa parte, o Bergantiños asinou o seu primeiro triunfo a domicilio superando ao Marino de Luanco.
En Santiago, o arrinque do encontro deixou ao Coruxo ben situado para puntuar. Os de Jacobo Montes chegaron ao cuarto de hora por diante no marcador asinando o gol na súa primeira chegada á porta defendida por Pato. Por sorte, Darío, que está a facer un gran arrinque de curso, asinou o tanto do empate en cinco minutos. A partir de aí, o Compos mandou no partido mais sendo incapaz de levar a cabo a remontada.
Si puido conseguir algo máis o Bergantiños. Non obstante, o Marino de Luanco foi quen de adiantarse con gol de Lora. Jairo Cárcaba, no arrinque do segundo tempo, aumentou unha vantaxe que non foi suficiente. Charly, Palomares e Espeso, en quince minutos, conseguiron darlle a volta ao resultado sumando de tres e mantendo con moita vida aos carballeses nun campo que apuntaba a ser moi difícil no arrinque do curso.
A lei do ex.
Ata tres xogadores volverán verse co seu ex equipo este domingo nas Eiroas. Dous deles, agora defendendo as cores do Compos e outro, do que xa falamos antes, ás ordes de Lemos. Darase, unha vez máis, a lei do ex?
No Compos, dous ex Bergantiños. Pablo Antas defendeu as cores do conxunto carballés na tempada 2017/18 chegando ao Compos no verán de 2019 para ser unha peza chave no ascenso á Segunda B. O de Monterroso, naquel curso, foi unha peza fundamental compartindo vestiario con outros ex Esedé como era Baleato, co que coincidiron tamén en Somozas.
Con quen non chegou a coincidir, ata este ano, é con Cano. O coruñés estivo nas filas do Bergan un total de catro tempadas e xa demostrou saber facer goles neste tempo aos seus ex equipos. Agora, leva dous partidos sen entrar ao campo tendo menos importancia do que se esperaba. Polo momento, foi o autor do gol que supuxo o triunfo contra o Burgos Promesas.
Si compartiu vestiario con Cano Marcos Remeseiro. O centrocampista, que xogou no Compos na 18/19, cambiou San Lázaro polas Eiroas conseguindo o ascenso cos carballeses. E trátase dun futbolista que ten ben tomada a medida ao seu ex equipo anotando dous goles o curso pasado.
Cae Samu.
Se a pasada fin de semana había que falar das recuperacións, hoxe hai que sumar, á baixa de Allyson, a ausencia de Samu por sanción. O de Bembibre, que este ano está a ser un fixo no centro da defensa, non poderá estar despois da súa expulsión a pasada fin de semana. Por outro lado, Álvaro Casas chega apercibido de sanción.
Pechamos a xornada.
Se o tempo non era suficiente, co temporal que asola a nosa terra estes días, o horario tampouco axuda. O partido dará comezo o domingo ás 19 horas nas Eiroas. E, para completar, os prezos das entradas, dispoñibles dende hora e media antes nas billeteiras do campo: 15 euros para maiores de idade, 10 euros para rapaces de entre 11 e 17 anos, 5 euros entre 6 e 10 anos e de balde para menores de 6 anos.
Pola súa parte, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario