O Compos acadou un novo empate no Vero Boquete nun partido difícil, marcado polo mal estado do terreo de xogo por mor do temporal e pola actuación arbitral, que deixou ao equipo de Fabiano moi tocado durante gran parte do segundo tempo de maneira inxusta. Un encontro que nos deixou un novo gol de Darío, e xa van tres do dianteiro santiagués, ademáis da volta de Mario Rodríguez. Na parte negativa, Samu acabou expulsado nunha acción dubidosa e, se nada cambia, non estará nas Eiroas.
O tempo e a sorte non estiveron do lado local nos primeiros minutos. Co verde en moi malas condicións, o Coruxo foi o primeiro en aproveitar para, na súa primeira chegada, adiantarse no marcador. Un saque de porta que, por mor do vento, non sae ben e cae nas botas dun xogador de verde no centro do campo. A partir de aí, en apenas catro pases, plántanse os vigueses na área e Chiqui non perdoa.
Co resultado adverso, o Compos meteu unha marcha máis ao partido e pasou a dominar merecendo máis. Por sorte, o empate non tardou en chegar cunha falta no centro do campo que manda Samu á área e cabecea Darío directo á escadra. Gran gol do dianteiro para igualar na que foi unha gran mañá de traballo para el. Escasos minutos despois, tivo tamén o segundo con outro testarazo que sacou Alberto por abaixo. Tamén apareceu para, colaborando con Roque, por un balón ao primeiro pau que non chegou Antas por moi pouco.
Non obstante, o ritmo baixou ata o final do primeiro tempo, mais aínda co Compos dominando, despois dun parón para atender a dous xogadores por un encontronazo.
Moi ben con dez.
O segundo tempo, máis do mesmo. O Compos mandando sobre o campo pero sen chegar a asinar ocasións claras. Isto aínda coa baixa de Samu logo de ver dous cartóns en menos de cinco minutos, co segundo sendo moi dubidoso. Tamén axudou á mellora do ritmo a entrada de Mario Rodríguez, que volveu logo da lesión e deixou unha gran actuación en algo menos de media hora coa que puido contar.
Mario foi, xunto con Darío, un dos nomes propios do partido e no segundo tempo tivo nas súas botas a oportunidade de dar máis dunha dor de cabeza á defensa coruxista coa Esedé mandando e impoñendo o seu ritmo, baixo pero suficiente para evitar, cun home menos, os ataques visitantes.
Finalmente, e malia intentalo ata o final, o resultado non pasou do empate nunha cita con moitas amoestacións, con moitos xogadores santiagueses castigados.

Ningún comentario:
Publicar un comentario