Derbi para gañar

 Volve o fútbol ao Vero Boquete logo da derrota no Anxo Carro e faino cun derbi galego no que sumar de tres é obrigatorio para un Compos que recibiu moi boas novas ao longo desta semana coa recuperación de gran parte dos lesionados. Diante, un Coruxo que presume de ter unha das mellores defensas do campionato e que gañou máis partidos a domicilio ca no Vao. 

 Sempre favoritos. 

 O Coruxo arrinca unha nova tempada sendo un dos claros favoritos para acabar na parte alta da clasificación. O cadro vigués, dirixido polos irmáns Montes, comezou con bo pé neste curso manténdose invicto na súa casa e sacando bos resultados a domicilio, repartindo por partes iguais os 12 puntos conseguidos ata o momento. 

 Ata o de agora, conseguiron un total de 3 triunfos, outros tantos empates e só encaixaron 1 derrota, pola mínima, sendo un dos equipos con menos goles recibidos, só superados polo Guijuelo. A favor, os verdes anotaron un total de 6 goles, 5 deles nas 3 últimas datas. En contra, só 3 tantos e 2 deles chegaron na pasada xornada no empate contra o Marino de Luanco. 

 A domicilio, conseguiron asaltar o Suárez Puerta na primeira saída. Mesmo vantaxe que en Avilés, pero deixando os puntos na casa do equipo local, en Valladolid contra o Promesas encaixando a única derrota ata o de agora. E o mellor resultado dos vigueses, a única vitoria que non foi pola mínima, chegou en Santander, gañando ao filial cántabro por 2 tantos de vantaxe. 

 A nivel individual, está a destacar o bloque defensivo, co ex do Compos Alberto baixo paus e unha defensa de 4 homes na que, polo momento, non fallou Lucas Puime. Arriba, o xogador máis determinante está a ser Luismi, con 2 goles. Ademais, contan coa peza sempre importante de Antón de Vicente.

 Un rival histórico. 

 Compos e Coruxo son vellos coñecidos. Tanto en Santiago coma en Vigo, os dous equipos xa suman case 60 anos de enfrontamentos con ata 14 campañas, 15 coa presente, coincidindo na mesma categoría. A primeira vez sería na tempada 63/64, na Terceira división, logo do primeiro ascenso da historia da Esedé. 

 Neste caso, imos tratar un pouco eses enfrontamentos xogados entre Santa Isabel, onde a primeira cita acabou con 7-0 no marcador, e o Vero Boquete, onde os vigueses conseguiron mellores resultados. Na nosa terra, os puntos quedaron na casa en 9 ocasións, 3 encontros remataron en empate e só 1 en triunfo coruxista. 

 Un emparellamento que, nos seus primeiros anos, contou con grandes goleadas. Ao 7-0 antes nomeado hai que sumarlle outro 8-1 un ano despois. Menos diferenza para pechar a tempada 65/66, con 4-2 e unha vantaxe que se repetiría ao ano seguinte, con 3-1 final. Para a seguinte cita habería que agardar 20 anos, volvendo a repetirse varias citas entre os dous no treito final da década dos 80, con tres vitorias consecutivas da Esedé e un empate, sen goles, en 1989 sendo a primeira ocasión na que puntuaban na capital galega. 

 Unha serie de triunfos que se reanudaría en 2008, xa en San Lázaro, e que tería fin, polo momento, en 2013. Un novo empate sen goles en 2014 e a única derrota chegou en 2016, con 1-2 no luminoso do Vero Boquete. Os empates volverían no 2020, sen goles, e se manterían o curso pasado, grazas aos goles de Jimmy, para os nosos, e Mateo Míguez, para os vigueses, no primeiro tempo. 

 Toca gañar. 

 O Compos está a ter un comezo de curso un tanto curioso, mantendo unha serie de resultados que, polo de agora, se repetiu nos dous primeiros meses de competición. Derrota-vitoria-empate. E agora toca gañar. 

 A pasada fin de semana, o Compos visitou o Anxo Carro. Un mal primeiro tempo, dando o balón a un Lugo B que foi superior e tivo a mellor ocasión, e un segundo que comezou moito mellor para os intereses branquiazuis e que, superado o ecuador do mesmo, tivo o seu primeiro gol nas botas de Darío. Non obstante, o equipo de Fabiano volveu regalar o balón, o filial lucense dou un paso adiante e conseguiron remontar con goles no 87 e no desconto, xa sen tempo para acadar outro empate. Unha derrota dura á par que merecida. 

 Pola súa parte, no Vao houbo tamén moita emoción nun partido moi igualado e con ata 4 goles. Jairo Cárcaba adiantou ao Marino na que fora a súa casa. Sen case tempo, Chiqui conseguiu igualar o marcador superado o cuarto de hora de xogo e Luismi, no segundo tempo, desnivelou a prol do Coruxo. Non obstante, volvería o empate ao luminoso no minuto 85 cun gol do ex Arosa e Somozas Luis Nuño. 

 Grandes novas. 

 Ata esta cita, os problemas para facer as convocatorias por parte de Fabiano sucedéronse. Non obstante, esta fin de semana hai grandes novidades. Despois da recuperación de Elliot a pasada fin de semana, agora son Parapar e Mario Rodríguez os que volven co resto dos seus compañeiros. Ademais, Iván Martín tamén continúa coa súa entrada no equipo. 

 Segundo madrugón. 

Por segunda xornada seguida, haberá que madrugar para ver o Compos. O domingo pola mañá, o Vero Boquete de San Lázaro abrirá as súas portas para dar comezo ao partido ás 12 da mañá. Un derbi galego para o que as entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, con 10 euros menos por bancada para menores de 18 anos. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse a través da TVG2 en directo e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario