Merecida derrota

 O Compos non foi quen de facer un bo partido no Anxo Carro nin, tampouco, de sacar un bo resultado. Encontro que se lle fixo moi longo ao equipo de Fabiano e que se decidiu, de xeito merecido, no engadido privando aos nosos de puntuar nun campo historicamente moi difícil. Darío, do pouco que se pode salvar do equipo, fixo o único gol dos nosos nun segundo tempo onde a imaxe branquiazul mellorou. 

 O primeiro tempo repetiu o guión da cita en Zamora. Todo o Compos metido atrás, dando o balón ao rival e intentando buscar a Darío. Co centro do campo desaparecido, a pelota non chegou ao dianteiro santiagués con facilidade mentres que si tivo bastante traballo unha defensa que non estivo á altura en todos os noventa minutos. 

 Foron numerosas as chegadas do Lugo B polas bandas, con moitos centros e a sorte de que non atoparon rematador. Aínda así, a mellor ocasión chegou cun disparo dende lonxe que petou no pau, salvándose un Compos que tivo, no treito final, a súa mellor ocasión cun disparo de Darío que sacou o porteiro por abaixo.

 De máis a menos. 

 No segundo tempo, o Compos foi a máis, malia manter a mesma idea de xogo pero atopando ocos nun Lugo que buscou facer máis. As ocasións desapareceron, igualáronse algo máis as forzas e, pouco a pouco, o equipo santiagués meteu ao rival no seu campo, chegando mellores oportunidades para abrir o marcador. 

 Chegado ao ecuador do segundo tempo, nun córner, Darío pelexou con todo para facer o que sería o primeiro gol do encontro. Centro de Samu que non consegue rematar de primeiras e aproveita un balón morto para, logo de erguerse do chan, facer un golazo cunha volea. 

 A partir do gol, o desastre. Xa case sen tempo e sen aviso previo, co Compos mellor situado pero sen manexar o esférico, David Rojo igualou a contenda no man a man con Pato. Ao gol tentou responder Jordan cun disparo que sacou o porteiro. Non obstante, a esa chegada sería o filial do Lugo o que volvería dar resposta conseguindo un córner que non perdoou Dani Vidal xa no engadido ante as protestas dos nosos por unha posible man. 

 Unha derrota merecida, nun partido onde os locais foron superiores e que deixa ao equipo tocado co derbi contra o Coruxo a vindeira fin de semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario