O Compos quere seguir polo bo camiño neste mes de outubro, que comezou moi ben, cunha nova saída. Despois de dúas xornadas sen encaixar, con 4 de 6 puntos posibles, os de Fabiano queren volver gañar nun campo sempre moi difícil para o cadro santiagués e contra un Lugo B ao que nunca se lle puido gañar a domicilio.
Obrigados a gañar.
Ao igual que o Zamora hai dúas semanas, o Lugo B tamén se atopa nun mal momento. Os de Roberto Trashorras aínda non coñecen a vitoria na Segunda RFEF. Un equipo que se move por resultados curtos, que pechou tres partidos con empate sen goles e que perdeu dous de tres co mesmo resultado, encaixando ata nove tantos nesas tres derrotas.
O camiño do filial lucense comezou con dous empates, sen goles, contra Real Avilés e Palencia Cristo Atlético. Con dous puntos no peto, chegou a primeira derrota nun partido onde conseguiron a igualada en dúas ocasións para acabar 2-3 e o gol da vitoria do filial do Valladolid no treito final. Outros tres tantos, neste caso por un dos branquivermellos, recibiron na súa visita a Laredo chegando aos últimos 5 minutos con empate no marcador. E repetiron na casa, contra o filial do Racing de Santander, o resultado de dúas semanas atrás logo de igualar un 0-2 no segundo tempo.
Un equipo con moita xuventude e que chega de sumar o ascenso directo na Terceira galega o pasado curso, cun bloque que se mantén. No plantel contan con xente coma Iago Novo, que volveu ao equipo despois dun ano no Formentera, ou Ces Cotos, que logo do seu paso polo Ourense CF xogou medio ano no Olympiacos Volou grego volvendo a Galiza para xogar no filial lucense.
Sen goles.
Compos e Lugo B non puideron pasar do empate sen goles na pasada fin de semana. Os dous únicos partidos onde ningún equipo puido ver portería e nos que estaban como protagonistas dous equipos galegos contra outros dous da zona alta, que están a deixar moi bos resultados no que levamos de curso.
No Vero Boquete, encontro onde se impuxeron dous muros defensivos formados por cinco homes cada un. O Compos chegaba de sumar a primeira porta a cero en Zamora mentres que o Guijuelo quería puntuar e seguir o bo camiño nun dos campos difíciles. As ocasións brilaron pola súa ausencia durante os noventa minutos e só Pablo Antas foi quen de, no primeiro tempo, achegar algo de perigo.
Pola súa parte, en Miramar, outro partido moi igualado e de poucas oportunidades no que os lugueses fixeron sufrir aos locais no primeiro tempo. No segundo, melloraron os asturianos obrigando a Trahorras a aumentar a defensa dando por bo un empate sen goles despois de tres derrotas consecutivas.
Un rival difícil.
Poucas foron as ocasións nas que Compos e Lugo B se viron as caras, coincidindo só en dúas ocasións na Terceira galega. Dúas tempadas que nos deixan un pleno de vitorias no enfrontamento no Vero Boquete mais non así en Lugo, xogando na Cheda e nun Anxo Carro maldito historicamente para os nosos.
Comezamos esta serie de enfrontamentos na Cheda en 2019. Logo do triunfo branquiazul na primeira volta, a visita a Lugo deixounos un empate grazas aos goles de Santi Gegunde e Antón Escobar, ambos os dous no segundo tempo. Un partido moi difícil pero nada a comparación do que ocorreu ao ano seguinte, no Anxo Carro, onde serían os locais os que pecharían unha xeira de 17 partidos sen perder dos de Yago Iglesias con dous goles de Morais. Ademais, naquel equipo gañador estaba Matías Vesprini, que chegaría ao Compos meses despois.
Estes malos resultados aumentan se temos en conta ao primeiro equipo do Lugo. O cadro lucense é o segundo co que máis veces se viu as caras o Compos ao longo da historia, só superado polo Racing de Ferrol, con ata 38 citas a nivel oficial entre Liga e Copa do Rey. E só 1 das 19 visitas a Lugo acabou con vitoria, traendo os dous puntos en 1980 cun resultado de 0-1. Ademais, 9 empates e outras tantas derrotas.
Volve á que foi a súa casa.
Para esta cita hai que falar dun xogador con pasado nas filas do Lugo. Pablo Antas arrincou a súa carreira nas filas do Lugo na Segunda B en 2009 e deixando o clube dous anos despois logo de ascender á Segunda división. Alí compartiu vestiario con outros ex Compos como Marcos Rodríguez, Seoane, Maikel, Claudio Monti, Diego Rey, Make ou Iván González.
Nova peza.
Para este partido, o Compos conta cunha nova peza que podería entrar na convocatoria. Iván Martín, que comezou a adestrar o xoves, podería ter minutos no Anxo Carro malia que Fabiano dixo que, polo momento, está fóra de forma. Ademais, Elliot podería estar de volta co resto dos seus compañeiros. Mario e Parapar seguen sendo baixa pero podería estar moi próxima a súa volta.
O Anxo Carro, branquiazul.
Como é habitual, a afección branquiazul estará presente en Lugo. No Anxo Carro, o Compos non estará só este domingo ñas 12 da mañá. Un partido para o que o estadio do primeiro equipo lucense abrirá as súas portas, só Preferencia, con entradas a 15 euros para maiores de 17 anos, 5 euros para rapaces entre 10 e 16 anos e de balde para menores de 9 anos. As billeteiras, abertas dende as 11.
Para quen non poida asistir, poderá verse na TVG2 en directo e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario