Vén o líder

 Nova xornada de liga e o Compos buscará manter o bo camiño comezado en Zamora contra un Guijuelo que chega líder en solitario e sen aínda encaixar ningún gol no que levamos de campionato. Unha cita importante á que os nosos chegan con mellores sensacións e, moi posiblemente, recuperando tamén pezas para poder afrontar mellor este mes previo ao parón. 

 Invictos e imbatidos. 

 O Guijuelo chega a Santiago logo dun primeiro mes de competición inmellorable. O equipo salmantino manda na táboa con 13 de 15 puntos posibles e, o máis importante, sen ter encaixado ningún gol no que levamos de tempada. Tamén se caracteriza por ser un equipo que aproveita á perfección cada un dos seus goles, asinando un gol por vitoria, con 4 a favor. 

 Na casa, un equipo que sempre se confirmou moi forte, onde non perden dende hai ano e medio. A domicilio, non o fan dende hai oito meses. A maiores, lonxe do Municipal Luis Ramos, só sumaron un empate en medio ano, en Santander, no que sería o único partido sen goles do equipo verde dende febreiro nun ano que conseguiron volver da Terceira cun ascenso como campións máis que merecido. 

 E se o 2022 foi bo, non foi peor este arrinque de curso. Só o Rayo Cantabria foi quen de deixar a súa porta a cero contra os de Mario Sánchez con Cristo Atlético, Laredo e Marino de Luanco volvendo á casa sen nada e o Valladolid Promesas incapaz de frear ao equipo máis fiable no Anexo de Zorrilla. 

 A nivel individual, pouco se pode destacar dun gran bloque que, ofensivamente, conta con catro goleadores e que chama máis pola súa fortaleza defensiva, con Johan Guzmán baixo paus e unha liña defensiva de cinco defensas formada por Piojo, Isma Aizpiri, Carlos Quintana, Álvaro Coque e o galego Alberto Trapero. 

 E a defender. 

 A pasada xornada, tanto Compos coma Guijuelo sumaron de tres nas súas respectivas citas. Os casteláns superaron ao Marino de Luanco nunha cita importante no máis alto da clasificación, habendo troco de líder, mentres que os nosos deixaron atrás a mala imaxe do encontro contra o Langreo superando ao Zamora cunha vitoria na que quedou claro que este equipo sabe repoñerse moi ben aos problemas que deixan as lesións. Dúas vitorias que, por primeira vez nesta tempada, deixan unha cousa en común: a defensa de cinco. 

 Despois de catro partidos onde a solidez defensiva non aparecía polo equipo de Fabiano, o adestrador brasileiro decidiu aproveitar o bo número de defensas dispoñibles para reforzar a base do equipo. Con cinco atrás, aproveitando o gran arrinque de tempada de Kike e apoiándose nos dous titulares e laterais abertos que xa semellan fixos, Riki Mangana na dereita e Damián na esquerda; chegou o mellor partido tanto a nivel defensivo como ofensivo. E non fixo falta contar coa posesión do esférico, senón aproveitar cada ocasión que se puido levar á contra conseguindo o primeiro tanto aos seis minutos, nun córner, obra de Pablo Antas. O seu asistente nesta ocasión foi Jordan e o propio centrocampista, caído á esquerda, asinou o segundo antes do tempo de lecer con asistencia de Darío. E culminou, no segundo tempo, a goleada Damián cun gran disparo. Ademais, foi a primeira ocasión na que o Compos sumou de tres deixando a súa porta a cero dende febreiro. 

 Pola súa parte, o Guijuelo volvía á casa logo do empate sen goles da semana anterior. E no primeiro minuto de xogo chegaría o que foi o único gol do encontro. A partir de aí, o Marino non foi quen de empatar un partido no que, aos vinte minutos, xa contaba cos dous equipos con dez xogadores sobre o campo polas expulsións de Caramelo para os locais e Tejera nos asturianos. A solidez defensiva local foi máis que suficiente para encamiñar un novo triunfo aguantando o marcador durante máis de noventa minutos.

 Un rival sempre difícil.

 Guijuelo e Compos se enfrontaron ata en cinco tempadas ao longo dos últimos trece anos. Un enfrontamento que non deixa especialmente ben parado ao equipo galego con só un en cada campo e catro empates, ademais doutras tantas derrotas. Pero agora hai que tratar o que pasou ao longo deste tempo, entre estes dous equipos, en San Lázaro. 

 A primeira ocasión que o Guijuelo visitou Santiago para medirse aos nosos foi en 2010, co curso anterior visitando San Lázaro para medirse ao Ciudad de Santiago e repetindo, en ambos os dous casos, o empate a un. Catro anos despois, con dous pola Preferente e outro en Terceira, o Compos volveu para encaixar a súa primeira derrota contra os salmantinos pola mínima repetíndose a diferenza no marcador nas dúas seguintes tempadas. 

 A xeira de tres derrotas consecutivas, só a primeira cos nosos vendo porta, pechouse co ascenso do equipo de Yago Iglesias e un triunfo cómodo grazas a dous goles de Miki Villar e un de Bicho que pechaba así a súa primeira e única, ata o momento, vitoria branquiazul contra o Guijuelo. 

 Os casteláns, bo obxectivo. 

 Se antes había que falar do mal que se lle dou ao Compos, ao longo da historia, o Guijuelo; agora hai que falar dos bos resultados contra equipos castelán-leoneses no Vero Boquete nos últimos anos. E isto arrinca co Burgos B, que pasou con pouco acerto por Santiago no arrinque da presente campaña recibindo unha remontada ao gol de Erik con tantos de Fer Beltrán antes do tempo de lecer e Cano xa no engadido. 

 O curso pasado foron varios os que pasaron pola capital galega. Salamanca, Gimnástica Segoviana e Palencia Cristo Atlético marcharon sen nada encaixando unha diferenza de dous goles ou tres no caso dos palentinos. Antes, só Numancia en 2021 e Salamanca en 2018 sacaron algo positivo nas respectivas fases de ascenso. En liga, sería o Valladolid Promesas, en 2015, o último en sacar un triunfo de San Lázaro. 

 A cousa non mellora. 

 Para esta cita, Fabiano contará cun regreso e outra baixa. Fer Beltrán, que estivo fóra as dúas últimas semanas por sanción, volve ao equipo. Non obstante, apunta a que Jordan non estará ou, polo menos, non de inicio. Tamén apunta a dúbida Mario Constenla, con moita mala sorte nas últimas semanas en canto a golpes. Elliot e Mario Rodríguez son baixa segura para esta fin de semana mentres que Allyson estará fóra, de novo, por tempo aínda indefinido. 

 Volvemos ao templo. 

 O Compos volve ao Vero Boquete para facer mellores os tres puntos asinados en Zamora. Unha cita que dará comezo ás 17 horas e para o que haberá entradas nas billeteiras, abertas dende unha hora antes, ao prezo habitual de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para os menores de 18 anos. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse en directo na web da CRTVG ademais de seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario