Compos e Guijuelo asinaron un empate na segunda xornada consecutiva na que os nosos deixan a portería a cero. Un partido sen goles, sexto para os casteláns que rematan sen encaixar, e no que os nosos foron de máis a menos, tendo boas opcións de sumar de tres no primeiro tempo e petando co muro verde no segundo. Sen goles, as dúas defensas, poboadas con cinco homes cada unha, foron chave para este resultado.
O primeiro tempo tivo como nome propio o de Pablo Antas. O de Monterroso tivo no seu poder a oportunidade de anotar ata en dúas ocasións. Primeiro, nunha ocasión que comeza nas súas botas, pasando por Darío, e que sae lambendo o pau. A segunda, logo dun córner que consegue Riki Mangana, cun testarazo que pasou por riba do longueiro.
Malia non conseguir xerar máis perigo, o Compos amosouse superior, pechando ao Guijuelo nas inmediacións da súa área, sen permitir sequera ningún intento de contraataque dos visitantes mais, tampouco, sen ser quen de poñer en risco esa imbatibilidade.
No segundo tempo, máis do mesmo coa diferenza de que o Guijuelo pasou a ver bo o empate e aos nosos pasoulles factura o físico e a falta de trocos. Só Darío tivo a oportunidade, cun testarazo, de cambiar o curso do encontro en corenta e cinco minutos nos que o muro verde foi aínda máis duro.
Con isto, o Compos suma a segunda xornada seguida sen encaixar, mellorando a súa imaxe con respecto ás primeiras datas malia o gran número de lesións e un novo empate que facer bo en Lugo o vindeiro domingo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario