Presidente novo, vitoria segura

 O Compos sumou de tres en Zamora no primeiro triunfo a domicilio non só desta tempada senón que, ademais, é o primeiro do que levamos de ano, habendo que remontarse a decembro do ano pasado para ver o anterior. Un triunfo merecido e moi traballado dos homes de Fabiano diante dun Zamora que pouco soubo facer diante dunha sólida e moi poboada defensa, con ata cinco defensas de inicio e a axuda de Samu e Pablo Antas, que se estreou como titular da mellor maneira. Ademais, tamén atoparon o camiño do gol Jordan, asistente ademais no primeiro, e Damián, que completou un partido redondo. 

 O guión do partido, o de sempre. Acusando as baixas, o balón foi para o rival. Non obstante, neste caso foi moi efectiva unha poboada liña defensiva evitando que os homes de Yago Iglesias puideran, máis alá de xogadas a balón parado ou algún disparo dende lonxe, por en risco a portería de Pato. Si o fixeron os nosos moi cedo, superados os cinco primeiros minutos, conseguindo un córner que Antas, no segundo pau, puido rematar de cabeza superando ao seu marcador. Un gol que sería a primeira acción coa que cambiaría o partido. 

 Pasaban os minutos e o balón era para os locais, topándose cun muro moi seguro. A iso hai que engadir que o segundo golpe para os zamoranos chegou en forma de lesión aos quince minutos deixando un panorama moi difícil e que empeorou aínda máis coa expulsión de Marc Caballé á media hora marcando aínda máis a un equipo que recibiu o que sería o golpe definitivo antes do tempo de lecer nunha contra que comeza nas botas de Kike cun pase para Darío, carreira do dianteiro e asiste para Jordan, que marca a pracer. Un minuto antes, ademais, o colexiado anulara un gol de Pablo Antas na xogada previa por falta. 

 Segundo tempo mais tranquilo. 

 Os dous goles de vantaxe fixeron que o paso por vestiarios fora o máis relaxado do que levamos de tempada. O segundo tempo, coa vitoria algo máis preto e moi boas sensacións, foi un pouco máis tranquilo. O Zamora, malia os cambios, non foi quen de incomodar a Pato e o terceiro e definitivo gol chegou superados os quince minutos, cunha chegada de Damián pola banda esquerda e un gran disparo cruzado ante o que nada puido facer o porteiro. 

 Vitoria asegurada e media hora por diante. Nese tempo, só Dani Hernández, e de novo a balón parado ou dende lonxe, foi quen de probar algo de sorte xa sen case tempo para poder arranxar a situación nin, tampouco, facer que Pato se tivera que esforzar en exceso. 

 Agora, a pensar, con outra cara, na visita do Guijuelo a Santiago da vindeira xornada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario