Chega unha nova cita para o Compos coa obriga de sumar de tres. Logo de dúas xornadas sen gañar e facer só 4 de 12 puntos neste mal arrinque, os de Fabiano buscarán conquistar Zamora como xa o fixeron os nosos hai uns anos. Diante, un equipo liderado por Yago Iglesias que non comezou con bo pé na Segunda RFEF e que terá que afrontar este encontro só catro días despois de gañar, na prórroga, ao Bergantiños nas Eiroas na Copa Federación.
Mala entrada na liga.
O Zamora non foi quen de caer con bo pé nesta Segunda RFEF. O equipo castelán, que foi quen de gañar a fase autonómica da Copa Federación superando á Cultural Leonesa na final e bater ao Bergantiños nun partido con prórroga e cinco goles, só sumou 3 puntos no que levamos de curso encaixando, ademais, unha das maiores goleadas ata o momento no derbi fronte ao Valladolid Promesas no Ruta de la Plata. Tampouco foron quen de puntuar a domicilio mentres que a súa única vitoria na competición regular foi diante do Rayo Cantabria, outro dos equipos que tamén entrou ben este curso.
Comezaron caendo, pola mínima, en Laredo na xornada 2 despois de adiar a primeira data por mor da posibilidade de ascender á Primeira RFEF. Si conseguiron superar ao filial do Racing de Santander por 3-1 pero só uns días despois volveron caer, por 4 tantos de diferenza, contra o filial do Valladolid. E, contra o Marino de Luanco, volta a caer en Miramar pola mínima nun partido do que falar despois.
A día de hoxe, anotaron 3 goles, significando todos unha vitoria, mentres que encaixaron 7 sendo o equipo, xunto co Burgos Promesas, o equipo máis goleado do grupo. Ademais, eses tres goles son de tres xogadores diferentes co capitán e ex-Compos Dani Hernández facendo o primeiro. Ibán Ribeiro, que o ano pasado xogaba nas filas do Salamanca, e Juan Silva, que tamén visitou o Vero Boquete o pasado curso coa elástica do Palencia Cristo Atlético.
Zamora, sempre difícil.
50 anos pasaron dende 1972 e dende a primeira vez que o Compos visitou Zamora, co Ramiro Ledesma como a súa casa. Naquela ocasión, o triunfo sería para o conxunto local. O primeiro triunfo chegou 9 anos despois, pola mínima, cos casteláns devolvendo o resultado uns meses despois. Tamén en 1985 chegarían dous triunfos zamoranos repetindo o resultado: 3-1. Pasarían case 20 anos para despedir o campo de La Vaguada, na seguinte cita, con outro triunfo pola mínima e cinco goles en total durante os noventa minutos.
Xa no Ruta de la Plata, as cousas non foron mellor. A primeira visita, con derrota, branquiazul data de 2004, nunha tempada para esquecer co descenso administrativo a Preferente. Mesmo resultado final, que non no partido asinando o primeiro empate a un gol entre os dous en terras castelás, en 2010 con Fabiano xa de adestrador do Compos. Ese marcador se repetiría na visita en 2014 e en 2021, nun partido cun segundo tempo que deixou moitas dúbidas. Só rachou esta serie de empates un triunfo en 2015 grazas a un gol de Portela nos minutos finais.
En total, 11 visitas con 3 vitorias pola mínima, 3 empates repetindo sempre o 1-1 e 5 derrotas nun emparellamento moi igualado ao longo da historia.
Por moi pouco.
A pasada fin de semana, ningún dos dous equipos que se enfrontan este domingo foi quen de sequera sacar un punto do seu partido. Ademais, cunha cousa máis en común: os dous caeron pola mínima no treito final, aínda que de diferente forma.
O Compos recibía en San Lázaro ao Langreo. Un equipo que chegaba de non puntuar no que ía de competición e que, ao igual que fixo o Ourense CF días antes, aproveitou as baixas numerosas do Compos, as cales aumentaron sobre o verde, para impoñer o seu xogo. Sen apenas ocasións durante os noventa minutos, chegou o gol do triunfo asturiano xa no engadido dende os once metros levando os tres puntos nun partido para esquecer.
Guión semellante o que se viviu en Zamora. Un partido sen grandes ocasións, sen emoción e que chegou aos minutos finais sen goles. E a cinco minutos para o final, nunha falta lateral, chegou o premio para os asturianos, que lideran a clasificación empatados a puntos co Guijuelo.
Si houbo bastante máis emoción no partido do mércores nas Eiroas, no que o Bergantiños recibía ao Zamora nos dezaseisavos de final da Copa Federación. Un partido no que Brunet adiantou aos locais e que conseguiu remontar Alex Altube con dous tantos na segunda metade. Non obstante, chegou outro gol en contra dos zamoranos no treito final, obra de Iván Garrido que levaría o partido á prórroga. No tempo extra, os de Yago Iglesias farían o gol da vitoria, obra de Dani Hernández. Grazas a isto, o mércores volven a terras galegas para medirse, en oitavos, ao Arenteiro coas baixas por expulsión de Ander e Luismi.
Día de ex.
Este enfrontamento non será un máis. Será a primeira vez na que Yago Iglesias reciba ao Compos despois de 5 anos á fronte do equipo levándoo á Segunda división B e conseguindo grandes cousas así como un fútbol moi recoñecible e alouvado por moitos. Un bo adestrador que pasa por un momento complicado no banco zamorano e que quere buscar o triunfo ante os seus ex.
Tamén se volverá enfrontar, neste caso non será a primeira vez, aos seus ex Dani Hernández. O capitán do Zamora formou parte do Compos que descendeu á Terceira división. Con el, Alex Ares. O de Pontedeume deixou o Coruxo despois de tres tempadas e este ano volveu poñerse ás ordes de Yago Iglesias, aínda que sen gozar, de momento, de moitas oportunidades sobre o verde.
Non pode haber máis problemas.
A boa nova chega no centro do campo coa volta, a pasada fin de semana, de Pablo Antas. Non obstante, o centro do campo branquiazul conta con problemas serios para esta fin de semana. Fer Beltrán cumprirá o seu segundo partido fóra por sanción mentres que Mario Rodríguez será baixa por lesión. Tamén segue fóra Mario Constenla e cae Elliot. Os problemas en defensa tampouco melloran coa baixa de Martín Salvador. Si podería volver, despois de ter algúns minutos en Oviedo, Allyson.
PPV.
O encontro desta fin de semana dará comezo o domingo ás 17:30 horas no Ruta de la Plata. Un partido difícil e que supón a primeira vez que Yago Iglesias se vexa as caras cos seus ex, nun momento débil para os dous equipos e, en especial, para os adestradores. Encontro para o que haberá entradas a 10 euros nos Fondos, 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, con entradas para menores de 12 anos a 5 euros.
Por contra, para quen non poida ou queira desprazarse, poderá verse o partido en directo a través da web do Zamora por un prezo de 4,99 euros. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario