Un punto máis

 Por segunda xornada consecutiva, o Compos tivo que refacerse a un resultado adverso. Un equipo que fixo un mal primeiro tempo, onde volveu aparecer a mellor versión de Pato, e que mellorou no segundo conseguindo o empate e, por momentos, merecendo incluso o segundo. Un mal partido nun campo en condicións moi mellorables e do que poucas boas sensacións se poden sacar. 

 O partido non puido comezar ben sobre o verde do Couto. Marqueta, que fixo un gran segundo tempo salvando aos seus, cometeu unha dura entrada sobre Mario Rodríguez fóra da área e lesionou ao catalán. Unha falta moi clara e que o colexiado decidiu sancionar con cartón amarelo, perdoando a primeira expulsión aos locais. Con isto, o xogador branquiazul non puido continuar sendo o primeiro pau para os nosos. 

 A cousa non foi a mellor. Superados os vinte minutos, un erro defensivo deixou un balón para Jerín fóra da área e o ourensanista non perdoou cunha gran volea ante a que Pato pouco puido facer. Un golpe duro pero, tal como se estaba a dar o partido, merecido. Por sorte, aínda que de xeito insuficiente, o equipo mellorou logo da pausa de hidratación tendo, antes do tempo de lecer, a mellor ocasión, dobre, de Darío sendo incapaz de rematar na primeira e mandando o esférico fóra na segunda. 

Moi ben os porteiros. 

 O paso por vestiarios cambiou a imaxe do partido. O Compos saltou dando outra imaxe e Parapar avisou moi cedo cunha ocasión que salvou moi ben Marqueta. A dita oportunidade respondeu o Ourense moi ben obrigando a Pato a demostrar o seu nivel, sacando unha gran man a un disparo de Tiago, e, minutos despois, volveron ter outra moi clara con Fariña mandando o esférico ao traveseiro. 

 Pouco a pouco, os de Fabiano foron gañando terreo sobre o verde, topándose cun muro defensivo que se cargou de cartóns ata o punto de quedar con dez pola expulsión de Manu Fariña. Con isto, o equipo santiagués foise aínda máis arriba e chegou o premio con tempo suficiente para facer un segundo tanto, que non puido caer. Mal rexeite da defensa ourensá, mete o balón na área cun cabezazo Parapar e Crespo, libre de marca, non perdoa. 

 Co empate no marcador, Marqueta volveu voar para evitar o segundo, neste caso de Roque. E no engadido, xa con todos os trocos feitos, Hugo Matos estivo preto de asistir a Cano, mais o coruñés non chegou por moi pouco. 

 Un empate para seguir sumando e facer o primeiro punto a domicilio nun derbi duro que se pechou coa expulsión, xa co xogo rematado, de Fer Beltrán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario