O Compos quere sumar de tres, de novo, na casa contra o Langreo. Un partido complicado contra o colista e vello coñecido rival asturiano que ten unha curiosidade da que falar mais adiante. Unha cita importante para os dous, cos nosos buscando mellorar as sensacións coas baixas importantes que se sumaron logo da visita ao Couto mentres que os langreanos buscan os seus primeiros puntos e deixar ese último posto da táboa.
Obrigados a puntuar.
O Langreo comezou con mal pé este curso. Os homes de Roberto Robles son os únicos que aínda non foron quen de puntuar no que vai de tempada, sufrindo dúas derrotas pola mínima e unha remontada, a pasada fin de semana, no seu primeiro derbi.
Comezaron a liga na casa caendo e pelexando ata o final, contra o Laredo. Un partido onde se meteron tarde, cun gol a falta de dez minutos, e non foron quen de puntuar. E mesma vantaxe, en contra, na súa visita a Cantabria para verse as caras cun Rayo Cantabria que encadeaba a segunda vitoria consecutiva. A pasada fin de semana, contra o segundo equipo invicto, caeron por 1-3 malia adiantarse superada a media hora de xogo.
En canto ao plantel, trátase dun equipo que mantivo un pequeno bloque de xogadores e asinou moita xuventude, con ata seis xogadores que pasan a etapa senior, deixando atrás a categoría sub-23. Entre esas novas chegadas, está a de Mikel Arzalluz, procedente do Arenas de Getxo, sendo o dianteiro titular e autor dos dous únicos goles do seu equipo.
Unha longa historia.
Hai xa máis de 50 anos que comezou a historia entre Compos e Langreo. De feito, sería logo do primeiro paso dos asturianos pola Segunda división, aproveitando que a Terceira se reducía de 15 a 8 grupos, xuntando a asturianos e galegos no mesmo grupo. E non só iso, senón que, ademais, trátase do primeiro equipo asturiano que visitou Santa Isabel para verse as caras cos nosos ao longo da historia.
Naquela ocasión, en 1968, a primeira cita rematou con vitoria asturiana pola mínima. Tampouco houbo vitoria local ao ano seguinte, cun empate a un gol, mesmo resultado que chegaría en 1972. Tampouco sería no 77 que chegaría a vitoria compostelanista encadeando outro empate, nin na estrea da Segunda B, meses despois, coa segunda e última derrota branquiazul ata o momento.
Habería que esperar a 1981, na volta do Compos á Segunda B, para ver, ao fin, un triunfo sobre os langreanos por 2-1. O mesmo resultado se volvería repetir dez anos despois, nunha tempada para o recordo. E pasarían máis de 20 anos para que, en 2015, o triunfo do equipo de Iñaki Alonso fora por dous tantos de vantaxe, sendo a vitoria por maior diferenza. Pola súa parte, con Yago volverían os empates na segunda fase da tempada 20/21 sumando un tan repetido 1-1, non exento de polémica cun penalti inexistente no engadido que transforou o agora xogador branquiazul Allyson..
A pasada tempada, con Rodri no banco, o triunfo volveu quedar en terras galegas. Un partido difícil e que se decidiu por un gol de Pablo Durán a falta de cinco minutos. Un partido do que poderían repetir ata catro xogadores no once titular e outro no banco de suplentes agora ás ordes de Fabiano.
Incapaces.
A pasada fin de semana deixou resultados negativos para os dous equipos, chegando un duro golpe para os nosos no Couto e unha dura remontada no Nuevo Ganzábal para os langreanos no seu primeiro derbi asturiano do curso.
En Ourense, os nosos recibiron o primeiro pau aos dez minutos, coa lesión de Mario Rodríguez aumentando así a lista de baixas para as vindeiras datas. Pouco tempo despois, superados os vinte minutos, chegou o segundo golpe en forma de gol de Jerín co que mandaron os locais durante case unha hora enteira xa que, a dez minutos para o final, anotou Pablo Crespo o tanto do empate na súa estrea oficial.
Pola súa parte, en Langreo, os locais foron quen de adiantarse grazas a un gol de Mikel Arzalluz cando o reloxo xa pasaba da media hora. Non obstante, a ledicia tardou menos de cinco minutos en desaparecer co empate, obra de Jairo Cárcaba. No segundo tempo, o ex do Coruxo anotou o segundo mentres que Óscar Fernández completou o triunfo.
Aumentan as baixas.
A pasada fin de semana chegaba a información de que Pablo Antas comezaba a adestrar co resto dos seus compañeiros, sendo posible a súa entrada no equipo nos vindeiros días e ir collendo ritmo de competición. Agora, o que cae é Mario. O catalán estará de baixa entre 4 e 5 semanas por unha escordadura. Tampouco poderá estar esta fin de semana Fer Beltrán, expulsado no túnel de vestiarios do Couto e con dous partidos de sanción. Tamén caen da lista Mario Constenla, que se mancou nun adestramento, e Parapar, lesionado e sen poder adestrar esta semana. Si apunta a que podería ter minutos, infiltrado, Allyson.
Volvemos ao templo.
Este domingo, San Lázaro abrirá as súas portas para unha cita complicada na que facer bo o empate da pasada xornada. Un partido que case pechará esta xornada dando comezo ás 18 horas e para o cal haberá entradas a 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, con 10 euros menos por bancada para os menores de 18 anos non abonados.
Por contra, para quen non poida asistir, todo apunta a que non se poderá ver. Si se poderá seguir a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario