O Compos afrontará este domingo o primeiro derbi da tempada. Os de Fabiano, que chegan de gañar os seus tres primeiros puntos, terán que volver ao Couto despois de dous anos para enfrontarse ao Ourense CF, novo equipo da Segunda RFEF que fai historia logo de saír da Terceira división. Un partido complicado contra un rival que quere estrearse despois de dúas derrotas, ambas as dúas pola mínima. Ademais, trátase da primeira cita dos nosos na que o rival non será un filial.
Presenza merecida.
Despois de dúas tempadas pelexando por acabar na zona alta da Terceira división, chegando a pelexar unha final de fase de ascenso ao Compos de Yago Iglesias, o Ourense Clube de Fútbol xa está na antiga Segunda B. Un equipo agora ás ordes de Rubén Domínguez que quedou ás portas dos puntos nas dúas anteriores citas.
O verán non foi o mellor para o cadro ourensán, con moitos empates e derrotas ante Lugo e Alondras. Só conseguiron gañar a Verín e Lalín engadindo outros cinco empates incluíndo a Compos, Coruxo e Pontevedra como rivais así como unha visita a Portugal para enfrontarse ao Monção. Completa a lista o Arosa.
E se falamos do verán, hai que falar tamén de reforzos. Asinaron moita xuventude procedente do fútbol galego así como a experiencia de xogadores como Manu e Portela e a calidade de Alberto Gil e Sergio Arribas. Tamén volveu, procedente da Primeira RFEF, Ebuka.
A nivel de equipo, hai que falar dun bo número de ex futbolistas con pasado no Compos. Marqueta, Portela, Manu Rodríguez e Gabri Palmás saben o que é defender as cores dos dous equipos, todos, ademais, con pasado na Segunda división B.
Segunda vez neste curso.
Compos e Ourense será a segunda vez que se vexan as caras no que vai de curso. Os dous equipos xa se enfrontaron en xullo na que significaba a primeira proba de verán para os de Fabiano, ao que aínda lle faltaban moitas pezas novas e a presenza dun gran número de xogadores da base. Un partido que acabou sen goles.
Non obstante, a historia destes dous equipos comezou en 2017 coa primeira visita branquiazul ao Couto para enfrontarse ao equipo do barrio da Ponte. En terras ourensás, os nosos aínda non foron quen de gañar a este equipo, fundado hai 45 anos, con dous empates e unha derrota, na despedida da fase regular da 18/19 e pensando xa na fase de ascenso.
Ademais, houbo outras dúas citas máis en campo neutral, ambas as dúas no curso 2019/20. Antes de arrincar a tempada, na final territorial da Copa RFEF, acabou a cita con empate a 3 e vitoria dos nosos dende os once metros. Esa mesma tempada, logo do confinamento, terían que verse as caras noutra nova final, neste caso na da fase de ascenso en Balaídos. Nesa ocasión, outro empate deixaba ao Compos na Segunda B despois de catro anos.
Tres donos.
Antes xa falamos das visitas, sen moita sorte, dos nosos ao Couto para buscar a vitoria contra o Ourense Clube de Fútbol. Non obstante, hai outros dous rivais contra os que o Compos xa se enfrontou nun dos campos máis míticos do fútbol galego.
Antes, e durante moitos anos, o rival ao que visitar en Ourense era o Clube Deportivo Ourense. E as visitas ao Couto diante dese rival tampouco eran as mellores... Si hai que engadir tres triunfos dos nosos diante do antigo Ourense comezando a rivalidade nos 70. En 14 ocasións se viron as caras na cidade das Burgas con 9 vitorias para os locais, 3 para a Esedé e 2 empates.
Tamén hai que falar da UD Ourense, aínda que neste caso as visitas foron 2 e con mellor final para os nosos. Unha vitoria e una derrota contra o equipo que este ano militará na Terceira división e co que se xogou un amigable hai pouco, acabando tamén con triunfo para os de Fabiano.
Dando a cara.
Moi diferente foi o camiño ata agora dos dous equipos neste arrinque de tempada, polo menos en canto a resultados. Dous equipos con caras novas e que non conseguiron comezar o curso con puntos, perdendo os santiagueses en Oviedo e os ourensáns na casa contra o filial do Racing de Santander. Por contra, a pasada fin de semana, a sorte foi moi diferente para os dous equipos.
A estrea en San Lázaro deixou unha boa imaxe dos compostelanistas conseguindo a remontada contra o Burgos Promesas. Un partido onde os casteláns se puxeron por diante na primeira ocasión que tiveron, aproveitando un erro defensivo, e no que empataron os galegos antes do tempo de lecer, cun gol obra de Fer Beltrán. Na segunda parte, cun ritmo moi inferior, houbo que esperar ao engadido para que Cano, que entrara minutos antes, fixera o 2-1 definitivo.
Pola súa parte, menos sorte tiveron os ourensáns na súa visita a Luanco. No primeiro tempo contaron coa expulsión de Amín nunha acción accidentada a na que non semella haber intencionalidade. Con dez, buscaron o partido igual pero serían os asturianos quen, no 86, atoparían o premio do gol. A maiores, xa no engadido, terían outra expulsión, a de Varela, para acabar con dous homes menos e cos que non poderán contar para este domingo.
Fabiano recupera pezas.
A pasada fin de semana puidemos ver a estrea en partido oficial de Cano, facendo un gran gol co que sumar os tres primeiros puntos, e este domingo apunta a que fará o propio Pablo Crespo, que volve despois da súa sanción que arrastra xa dende a pasada tempada no Coruxo. En canto ás baixas, Antas xa adestra co grupo pero segue con molestias, Mario Constenla e Allyson son baixa segura e Martín, por motivos familiares, non adestrou parte da semana.
Pola tele.
Este domingo volvemos ao Couto, un campo en reformas nas bancadas e co campo en condicións... mellorables. A cita arrinca ás 17 horas e as entradas terán un prezo de 10 euros, cantidade marcada polo clube ourensán para toda a tempada e ao que hai que agradecer esta iniciativa, pouco habitual, para facilitar os desprazamentos.
Por contra, quen non poida asistir poderá ver o encontro na segunda canle da TVG así como seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario