O Compos caeu por primeira vez na casa neste curso contra un Langreo que se amosou superior e atopou o premio do gol no treito final. Un moi mal partido dos homes de Fabiano, sen ter a posesión nin unha idea de xogo clara, e que rematou cun resultado merecido. Sen perigo nas áreas e agravado pola lesión de Elliot no primeiro tempo, noventa minutos que deixaron moitas dúbidas no futuro do equipo.
Dende o comezo, un Langreo con urxencias buscou facerse coa posesión do esférico ante un Compos atacado polas lesións. Moi frouxos en defensa, con erros á hora de sacar o esférico e incapaces de defender sen el. En ataque, moi pouco contra un Langreo que se pechou ben cando tivo que facelo, buscando centros a través de Parapar e con Darío incapaz de pelexar cos centrais, acabando desquiciado.
Co paso dos minutos, as cousas non melloraron nada. Incluso, xusto antes do tempo de lecer, chegou a lesión de Elliot dando entrada a Hugo Matos, saíndo dun banco de suplentes moi frouxo, con ata catro xogadores do Sigüeiro e Pablo Antas recén saído de lesión. Só un minuto despois, a única ocasión clara no segundo tempo, obra de Cano, que sacou o porteiro por moi pouco.
Máis do mesmo no segundo tempo. Inferiores con respecto ao rival asturiano, mellorouse lixeiramente nos minutos finais, coa entrada de Pablo Antas. Non obstante, esa mellora só nos deixou un centro que Darío non foi quen de rematar e outra ocasión que acabou en córner.
Para o Langreo, xa coas pernas mais cansas, o empate era positivo. A idea cambiou e deixaron que fora o Compos quen buscara manexar a pelota, freando o partido a base de faltas. Non obstante, obtiveron un premio no último minuto en forma de penalti de Hugo Matos sobre Davo, que se deixou caer e que logo transformou a pena máxima.
Agora, co equipo en horas baixas e ao que sumar unha nova baixa, hai que pensar no Zamora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario