O Compos sumou os tres primeiros puntos na visita do Burgos Promesas ao Vero Boquete. O equipo de Fabiano, que a pasada fin de semana perdeu un punto no treito final, hoxe doulle a volta á torta conseguindo os tres puntos xa fóra do tempo regulamentario asinando unha gran e merecida remontada. Erik fixo o tanto burgalés mentres que Beltrán e Cano, que se estreou da mellor maneira posible en liga, asinaron os goles locais.
O arrinque non puido ser mellor. Os primeiros quince minutos do Compos puideron deixar algún que outro gol con Parapar, Mario e Darío moi activos en traballos ofensivos. O extremo, dende a banda, probou con centros e algún disparo dende fóra da área que non atopou o camiño da portería por moi pouco. Os outros dous topáronse coa madeira en dúas ocasións e Fer Beltrán, moi ben chegando dende segunda liña, tivo tamén unha das mellores oportunidades para abrir o marcador.
Mandaban os locais contra un Burgos que non era capaz de saír do seu propio campo. Non obstante, os casteláns pegaron máis forte na primeira que tiveron. Un córner que ninguén despexa e Erik, dentro da área, non perdoa. Un gol que deixou tocado aos de Fabiano, incapaces de refacerse nos minutos seguintes.
Pouco a pouco, o equipo volveu meter aos visitantes no seu campo e os centros sucedéronse, mais con dificultades para superar o poboado muro defensivo. E Parapar, moi activo pola banda, volveu sacar un centro dende a liña de fondo para que Fer Beltrán, chegando dende atrás, lle pegara e a puxera pegada ao pau, lonxe do alcance do porteiro.
De máis a menos.
O segundo tempo comezou igual que rematou o primeiro, co Compos xogando en campo contrario. Non obstante, agás un intento de Roque que se foi desviado, non houbo máis ocasións en moito tempo. O que si, moitas interrupcións, moitas faltas e perdas de tempo cos dous equipos acusando o momento da tempada con problemas para chegar en boa forma ao final.
Foi nos últimos intres nos que volveu o perigo a unha das porterías, neste caso á do Burgos Promesas. Primeiro, Darío perdoou libre de marca diante do gardameta. E, xa no engadido, sería Cano o encargado de meter un zapatazo imparable dende fóra da área e asinar un gol á súa maneira, xa cando non quedaba tempo para máis.
Tres puntos de ouro para os nosos na primeira cita no Vero Boquete cos que afrontar o derbi da vindeira fin de semana con mellores sensacións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario