Volve o bo. Volve o espectáculo. Volve a liga. Volve o Compos. E faino este sábado coa primeira saída a terras asturianas, arrincando na terra veciña por primeira vez en 45 anos, na que era a estrea da Segunda división B. E diante estará o primeiro dos filiais aos que terán que enfrontarse os nosos e, ademais, recén ascendido da Terceira división, cun equipo forte e no que hai que falar de xogadores con minutos no primeiro equipo ao longo deste verán.
Un filial forte.
O Oviedo Vetusta chega a este inicio de tempada despois de ascender a pasada tempada como campións de grupo na Terceira RFEF. Un filial que, como é a súa labor principal, nutre ao primeiro equipo con xente que agora están no fútbol profesional coma Lucas Ahijado, Jimmy, Javi Mier, Borja Sánchez e Viti Rozada. A eses hai que engadir a xente como Lucas Laso, Osky ou Abel, titular nas dúas últimas citas co primeiro equipo en Segunda.
Un equipo que na pretempada non soubo o que foi empatar pero si sumaron un bo número de triunfos contra equipos como Caudal, Llanera ou Lugo B, co que abriron o verán. Por outro lado, caeron diante de Lealtad, Atlético Astorga e o filial da Cultural y Deportiva Leonesa.
A nivel de equipo, mantiveron un bo bloque do curso pasado con ata oito incorporacións dende o Xuvenil A e a chegada de xente como Enol Rodríguez, que xa sabe o que é enfrontarse ao Compos coa camisola do Marino de Luanco ou o dianteiro portugués Francisco Mascarenhas, recén chegado do filial do Portimonense.
Vellos coñecidos.
Compos e Oviedo Vetusta xa saben ben o que é verse as caras. Fixérono ata en cinco tempadas, entre a Terceira división e a Segunda B. Un enfrontamento do que os nosos saíron moi ben parados nunha gran parte dos xogos pero que en terras asturianas se igualou moito.
A primeira vez sería en 1969, cun empate sen goles. No mesmo ano, pero seguinte campaña, serían os ovetenses quen levaron os puntos cun 1-0. Os dous primeiros puntos viaxarían cara Santiago en 1979, cun triunfo para os nosos por 1-2. Pasaría máis dunha década para a seguinte ocasión, en 1990, e tamén se vería un triunfo branquiazul, neste caso por 1-3. Menos sorte houbo en 2001, quedando os tres puntos en Oviedo cun triunfo local, de novo, pola mínima.
Unha igualdade que non se fixo tan evidente contra o primeiro equipo, con só unha vitoria no Tartiere, á que engadir a tan histórica conseguida contra o Rayo Vallecano en 1994.
Asturias, mala primeira parada.
Por terceira vez nestes 60 anos de historia, o Compos abre o curso en Asturias. De feito, tiveron que pasar moitos anos dende a última vez que isto pasou e o resultado foi... mellorable. E non só nesa primeira xornada senón que, ademais, a tempada non rematou ben para os intereses do equipo da capital galega.
A primeira vez que isto pasou foi en 1969. Os nosos tiveron que enfrontarse ao L'Entregu sendo un dos primeiros equipos asturianos ante os que houbo que enfrontarse, xa anos antes. O resultado, negativo. Caída por 2-1. Non obstante, peor sería en 1977, na estrea branquiazul na Segunda B, caendo por 3-0 contra o Caudal.
A todo o anterior hai que engadir que os nosos non gañan na comunidade veciña dende a visita a Posada de Llanera. O triunfo con dous goles de Pablo Durán foi o primeiro conseguido en Asturias dende a tempada 14/15, cando os tres puntos chegaron procedentes de Avilés.
Un mal final de festa.
E depois de falar do pasado, hai que falar do presente. E o presente nos deixa a un Compos que vén de facer unha boa pretempada, con gran presenza de xogadores da base, tanto do Sigüeiro coma do Xuvenil A. Unha preparación que arrincou cun empate sen goles contra o Ourense CF e unha derrota pola mínima diante do Celta B, que días despois asinaría a contratación de Pablo Durán mandando para Santiago a Darío Germil.
Fer Beltrán, contra o Estradense, foi o primeiro anotador do curso. E non tardou Darío en demostrar o seu potencial con dous tantos diante do Puebla, nun xogo que rematou con 0-8 no luminoso. Tamén Cano asinou dous goles que acompañaría, días despois, con outros dous en Arzúa para superar a primeira rolda da Copa RFEF. Nesa mesma competición se estreou Elliot, na Coruña contra o Silva nun partido que tivo que ir aos once metros.
Deixando por uns días a competición oficial, a visita á Malata deixounos unha derrota por goleada, con 4-1 no marcador, volvendo ao camiño do triunfo, sendo o último nesta pretempada, no Couto contra a UD Ourense con outros dous goles de Darío, deixando os seus primeiros partidos coa elástica branquiazul con 5 tantos.
A última semana non foi tampouco para tirar foguetes. Contra o Arenteiro, nun partido con pouco fútbol, houbo que ir aos once metros para conseguir un empate, obra de Mario Rodríguez, que desfixeron os de Fran Justo no último treito de xogo. Mesmo resultado, pero con menos importancia, chegou dende Taboada nun partido con moita representación da base e poucos do primeiro equipo contra o Fabril, nun partido onde anotou un Santi de Prado con gran protagonismo con Fabiano.
Problemas en defensa.
Para esta primeira cita chegan os problemas. Pablo Crespo non poderá estar en Oviedo, tampouco na primeira cita no Vero Boquete, mantendo a sanción de 6 partidos que arrastra do final de liga no Coruxo. Cano e Antas únense á lista de baixas, coa entrada de Fer Beltrán e Allyson, dúbidas ata última hora, e dos xogadores da base Kike e Hugo Matos.
En Youtube.
Este sábado comeza a tempada, cos nosos xogando o partido inaugural do grupo, nun xogo que dará comezo ás 16:30 en El Requexón. Un partido onde as entradas terán un prezo de 15 euros para os afeccionados branquiazuis que se despracen ata Oviedo.
Por contra, para quen non poida asistir e a falta de saber quen emitirá a categoría, o Real Oviedo xa comunicou que esta tempada emitirá os partidos do seu filial a través da súa conta de Youtube. Ademais, poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario