Mal comezo

 O Compos non foi quen de comezar con bo pé na estrea da tempada. En El Requexón, contra un Oviedo Vetusta debutante na categoría e con moitos rapaces novos, chegou a primeira derrota dun equipo que acusou as baixas e que permitiu aos locais levar o peso do encontro. En ataque, un gol de Darío para estrearse en partido oficial. En defensa, bo partido de Pato e dous erros en contras que custaron dous tantos en contra e unha expulsión. A maiores, moitas faltas no centro do campo nun partido trabado. 

 Dende o comezo, a idea dos homes de Fabiano era clara: dar o balón ao Oviedo Vetusta e esperar o erro para saír á contra. Con isto e moitas faltas, en gran parte por agarróns, o primeiro tempo deixounos, sobre todo, unha moi boa actuación de Pato, intervindo ata en tres ocasións moi claras dos locais. A defensa, con Kike debutando no centro, tivo certos problemas para frear aos oviedistas. 

 En ataque, os problemas foron maiores, con dificultades para pasar do centro do campo con fútbol combinativo. Fixo falta unha xogada individual, aos quince minutos, de Elliot para ver a primeira chegada con certo perigo. A seguinte, na media hora, naceu nas botas de Kike cun balón longo ás costas da defensa para Darío que encarou ao porteiro e asinou o primeiro, e único, gol dos nosos. 

 Co resultado favorable, ata o tempo de lecer, melloraron as sensacións e o segundo gol parecía estar algo máis preto. Non obstante, só Parapar tivo nas súas botas a oportunidade de aumentar a vantaxe logo dun gran pase de Mario Rodríguez. 

 Unha acción cambiou o partido. 

 O segundo tempo, máis do mesmo. Manexo do esférico local e accións individuais dos nosos para achegarse á porta local. A iso hai que sumar que cada intento de contraataque remataba en falta no centro do campo e, por tanto, cartón amarelo. Aínda así, os nosos tiveron dúas ocasións moi perigosas nas botas de Elliot, que se foi ao pau, e Parapar, de novo a pase de Mario, antes da acción que acabaría por cambiar o curso do encontro. 

 Ocasión para o Compos que atrapa sen problemas o porteiro, saca para a banda e comeza unha contra pola esquerda do ataque ovetense deixando atrás a Roque, Samu e Kike e cun centro que non atopou rematador pero si acabou con Martín Salvador chegando tarde e tirando ao chan ao contrario. Cartón vermello directo e penalti que non perdoou Alex Cordero. 

 Os trocos serviron para mellorar algo a imaxe no centro do campo, con Jordan intentando repartir mellor o esférico. Aínda así, sería insuficiente para meter medo no corpo ao filial asturiano, que fixo o segundo gol cunha gran xogada colectiva de fútbol de toque e cun centro, de novo, dende a esquerda do ataque que cabeceou Sesé no segundo pau. 

 Finalmente, mal comezo dos nosos nesta nova campaña acusando as baixas e con bastantes debutantes no primeiro equipo. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario