O Compos volve ao Vero Boquete por primeira vez para un partido oficial dende maio. Os nosos, que queren esquecer a derrota en Oviedo, buscarán os tres puntos contra o filial do Burgos, único equipo do grupo que aínda non se enfrontou aos nosos ao longo da historia. Un partido complicado para sumar de tres na casa, onde hai máis dunha década que non se puntúa na estrea.
Un filial que fai historia.
O Burgos Promesas ascendeu á Segunda RFEF a pasada tempada, deixando atrás a Terceira división á que chegaron en 2014, sendo a segunda vez na súa historia fóra do fútbol rexional. Un filial que se salvou o curso pasado no grupo II da categoría sen complicacións, acabando en media táboa, e que este ano comezou, na casa, cun empate sen goles.
O Promesas, que non puido comezar con bo pé este novo curso, fixo un equipo totalmente novo para a nova campaña, con ata 17 fichaxes moi novos, contando con 3 xogadores por riba dos 23 anos. Moitas pezas novas para un filial que tivo numerosas baixas, en gran parte a equipos de Segunda RFEF e só un camiño ao primeiro equipo neste verán.
En canto á súa pretempada, moi curta en tocante a enfrontamentos de preparación, non foi tampouco a mellor posible. Derrotas contra os filiais de Alavés e Racing de Santander e contra o Racing Rioja. Fronte ao Calahorra, un empate sen goles. Só conseguiron superar, pola mínima, á Arandina.
O primeiro equipo si que pasou.
O Burgos Promesas nunca pasou, aínda, polo Vero Boquete. Si o fixo o primeiro equipo. O Burgos CF xogou en Santiago un total de 6 ocasións, dende os anos 80. No 83, a primeira vez acabou con triunfo branquiazul pola mínima. No 85, os burgaleses foron os que levaron o triunfo, tamén pola mínima e repetiron en 2003, por dous tantos de vantaxe neste caso. 11 anos pasarían para devolver a conta, cun 3-0 no resultado e no curso seguinte quedarían, por terceira vez, os tres puntos en San Lázaro grazas a un 2-0.
A última cita, en 2016, acabou con empate sen goles. Sería, ademais, a última vez que non habería goles nun partido dos nosos nesa tempada, con dez xornadas por diante na que o Compos non sería quen de salvar a categoría.
Con mal pé.
Compos e Burgos Promesas non puideron comezar ben a nova tempada. A pasada fin de semana, nunha xornada con moitos empates, os nosos quedaron sen premio mentres que os burgaleses aumentaron esa cifra de igualadas.
En Oviedo, os homes de Fabiano puideron chegar ao tempo de lecer por diante no marcador grazas a un gol de Darío Germil. Non obstante, na segunda metade non houbo sorte e o Oviedo Vetusta, con dúas boas chegadas pola banda esquerda, conseguiron darlle a volta ao marcador.
Pola súa parte, Burgos e Marino de Luanco non foron quen sequera de inaugurar o marcador. Os locais foron de menos a máis contra un equipo, o asturiano, que tivo as mellores oportunidades no primeiro tempo. Un encontro falto de ocasións pero con intensidade por parte dos dous contendentes.
Máis dunha década.
Logo de perder na primeira xornada, o Compos afronta esta estrea na casa con ilusión, ganas e, sobre todo, coa intención de mellorar o ánimo na familia branquiazul co primeiro triunfo da tempada. E, de feito, o Compos debuta na casa con puntos... dende 2010. Xa sexa cun triunfo ou un empate, os santiagueses non saben o que é perder no primeiro xogo na casa na última década.
En 2010, en Preferente, o equipo non foi quen de puntuar. De feito, tampouco de facer un bo partido encaixando unha das peores goleadas no Vero Boquete dos últimos anos. O Betanzos sería o encargado de dar un duro correctivo a un equipo que meses despois daquel 0-4 cambiaría de mans.
Dubra, Dorneda, Coruxo, Burgos, Peña Sport, Ribadumia, Silva, Lugo B, Somozas e Cristo Atlético marcharon, dende aquela, sen puntos na primeira ocasión que San Lázaro abría a súas portas en partido oficial. Só o Depor foi quen de saír vivo, malia merecer máis o equipo de Yago Iglesias, nun partido sen afeccionados nas bancadas por mor da pandemia.
Gran lista de baixas.
A lista de baixas para esta cita aumenta. Á xa coñecida de Crespo, únese Martín Salvador. O lateral foi expulsado o sábado pasado e non poderá estar. Tamén serán baixa, neste caso por lesión, Antas e Cano. A maiores, Allyson e Jordan, que xogaron tocados en Oviedo, son dúbidas ata última hora. Con isto, a presenza de xogadores da base está asegurada.
Boa hora para bo fútbol.
A estrea dos nosos na casa servirá tamén para pechar unha xornada na que, por fin, xogarán todos os equipos, logo do Zamora-Valladolid Promesas adiado a pasada fin de semana. Un encontro que dará comezo ás 18 horas e para o que xa están as entradas, por internet, dispoñibles para non abonados repetindo os prezos da tempada pasada: 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna, 10 euros menos para menores de idade en cada bancada.
Para quen non poida asistir, poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario