Escudero non acepta

 Escudero aumenta a lista de baixas nun Compos ao que só lle falta a resposta de Salado. O dianteiro castelán non continuará despois dun curso nas filas do cadro santiagués ao que chegou das filas do Zamora. 

 O dianteiro, que alternou coas posicións de segundo punta, '9' e nas bandas ao longo da tempada, xogou un total de 30 partidos partindo dende o once titular en 25 desas citas e completando os 90 minutos en 5 ocasións. A parte, fixo 7 goles sendo o terceiro máximo anotador e asistiu noutros 5 colocándoo como o que colaborou en máis goles de xeito directo do equipo, con 12. 

 Agora, despídese do equipo e dos tres referentes ofensivos do curso pasado queda só Pablo Durán, o cal ten ofertas para saír. Dende aquí, agradecerlle o traballo e desexarlle moita sorte.

 Campaña de abonados. 

 Noutra orde de cousas, onte fíxose pública a campaña de abonados cunha presentación no Momo. Este curso só haberá categorías por idade, con prezos que oscilan entre os 30 euros para as renovacións de entre 18 e 29 anos e os 110 para as renovacións para a xente de entre 30 e 64 anos, pasando pola categoría de maiores de 65 anos cuxo prezo é de 90 euros para os que xa o foron o curso pasado. Nas novas altas, engadir 30 euros en cada categoría agás na de xente de ata 30 anos, a cal é de 50 euros. Para os menores de idade, 5 euros para menores na renovación e 10 para as altas novas en Tribuna e de balde en Preferencia. 

 Ao anterior hai que engadir que volve a reserva de asento por 5 euros, o mesmo prezo que hai que engadir para ter o abono de xeito físico. O abono Picheleiro, para a xente que non pode asistir ao estadio, ten un prezo de 30 euros e a iniciativa para que volva xente pasa por un desconto de 10 euros nos ex-abonados de entre 2016 e 2020 que non o foron o curso pasado. 

 Ademais, haberá grandes sorpresas ao longo da tempada, así como concertos e exposicións onde os abonados do Compos terán prioridade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario