Incorporación para a banda

 O Compos 22/23 vai tomando a súa forma final e as incorporacións ofensivas sucedénse. Despois da chegada de Jorge Cano, Mario Rodríguez vestirá a camisola branquiazul por unha tempada. O barcelonés, formado na base do Cornellà e do Sant Joan Despí, é un extremo que pode xogar por ambas as dúas bandas, malia ser a esquerda a súa, así como de mediapunta e que aos seus 25 anos xa pode presumir de debutar en Primeira división.

 Mario saiu de Catalunya en 2011 rumbo ao Xuvenil do Real Madrid. No clube branco permaneceu ata 2018 pasando os tres últimos anos de formación e xogando no Castilla, ademais dun curso cedido nas filas do Sabadell. Volveu a Catalunya, libre neste caso, en 2018 para formar parte do Peralada, daquela filial do Girona, e un ano despois recalou no segundo equipo do Granada, nun curso onde puido debutar en Primeira división, debutando en Mendizorroza, no engadido. Así remataría a súa etapa 'sub-23' e comezaría a 'senior' lonxe da casa, no Warta Poznan polaco, onde estivo ata o pasado mes de febreiro, asinando en marzo polo filial do Levante. 

 No Atlético Levante de Segunda RFEF tivo 600 minutos repartidos en 8 partidos e nos que anotou un total de 2 goles, servindo un deles para abrir o marcador nun partido que acabarían perdendo. 

 Asina ata 2023 e súmase a Pablo Durán, Parapar e Cano no ataque do Compos ao que aínda lle falta un '9' goleador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario