Este xoves poñemos fin a xuño cunha renovación, a primeira deste verán, e unha nova baixa de cara á vindeira tempada, que dá comezo mañá de xeito oficial. Parapar seguirá a defender as cores da Esedé un segundo curso mentres que Rafa Mella e Joel fan as maletas. Os dous primeiros chegaron a tempada pasada e formaron parte do equipo en gran parte dos xogos. O terceiro sumou un primeiro ano en branco por lesión e puido volver sentirse deportista no segundo.
Comezamos coa renovación. Parapar chegou do fútbol suízo para intentar facerse co posto que deixaba libre Miki Villar. O extremo coruñés, malia os problemas físicos que o acompañaron durante o curso, xogou un total de 29 partidos, saíndo no once titular en 22 e completando unicamente 2. Máis de 1.700 minutos e 2 goles que servirían para gañar a Salamanca e Avilés no Vero Boquete ademais doutras 5 asistencias.
Pola súa parte, Rafa Mella chegaba da Segunda B, do Don Benito. O experimentado extremo puido participar nun total de 33 xogos, faltando só contra o Salamanca malia entrar na convocatoria. Case 1.500 minutos con 15 titularidades e 1 gol que deixaba os tres puntos en Santiago contra o filial do Club Deportivo Leganés e 2 asistencias.
Joel é, dos tres, o que máis tempo pasou como xogador do Compos. Non obstante, no seu primeiro amigable en 2020 sufriu unha lesión que o deixou en branco toda a tempada. Tivo o seu debut este curso en Copa RFEF contra o Estradense e na liga contra o Arenteiro partindo dende o banco de suplentes. Contra Salamanca e Llanera foi, ademais, titular sumando unha gran parte dos 180 minutos que pasou sobre o verde.
Agora, só queda desexarlles sorte e agradecerlles todo o feito no Compos durante esta tempada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario