No mesmo día no que Antonio Quinteiro anunciou a súa dimisión no cargo de presidente do Compostela, mais non deixando o seu posto na directiva, chega a primeira fichaxe do Compos 22/23. Pablo Crespo, central cántabro, chega á Esedé procedente do Coruxo, onde militou os 5 últimos anos. Un futbolista con gran experiencia na categoría de bronce e que vén para cubrir o posto vacante que deixaron Guille Torres e Matías Vesprini acompañando a Álvaro Casas no centro da defensa.
O central arrincou a súa carreira no fútbol na base do Bansander, chegando en xuvenís á Gimnástica de Torrelavega e debutando incluso na Segunda B, aínda na etapa de formación. Un gran ano no seu último curso no fútbol base que o levou a chamar á porta do filial do Celta, comezando a tempada nas filas do Tropezón e chegando a Vigo en xaneiro de 2014. No filial olívico participou un ano e medio antes de deixar Galiza camiño ao filial do Real Zaragoza, onde xogou durante un ano antes de volver á nosa terra para enrolarse nas filas do Boiro, onde coincidiría con Miki Villar durante unha tempada. E sería en 2017 que chegaría ás filas do Coruxo.
No Vao, defendeu a camisola verde un total de 144 veces en partido oficial anotando 3 goles e vendo unha media de 13 cartóns por tempada convertíndose nun dos mellores centrais do grupo e que ben seguro vai formar unha gran parella no centro da zaga branquiazul.
Asina por unha tempada e convértese, así, no noveno xogador confirmado para o vindeiro curso. Benvido!
Ningún comentario:
Publicar un comentario