Saro, terceira baixa

 Saro deixa o Compos despois de 6 tempadas defendendo a camisola branquiazul. O lateral dereito, que foi unha das primeiras pezas do equipo de Yago Iglesias na súa estrea en 2016, sumou máis de 160 partidos convertíndose nun dos capitáns do equipo co paso dos anos e sendo peza importante na Terceira división así como na pasada campaña e quedando relegado a un segundo plano este curso pasado coa chegada de Roque. 

 Na súa primeira campaña, hai 6 anos, foi un habitual nos onces de Yago Iglesias superando os 3.000 minutos nun total de 37 encontros, perdéndose un por acumulación de amoestacións. Menos minutos contou na segunda campaña, con 36 partidos xogados entre a liga e a fase de ascenso sendo, de novo, unha das pezas máis utilizadas. Copa do Rei, liga e fase de ascenso na 18/19 para superar os 2.000 minutos en 28 encontros, que igualaría un ano despois acadando, ademais, o ascenso á Segunda B. Na súa estrea na categoría de bronce, pleno de partidos na liga, 4 na segunda fase e a Copa do Rei con case 1.900 minutos en 23 xogos. 

 A pasada tempada, os problemas físicos que houbo durante toda a tempada e a irrupción de Roque no primeiro equipo fixeron que pasara a un segundo plano. 700 minutos en 15 partidos para o lateral santiagués con 8 titularidades e 3 partidos completos. 

 Agora, pasa a ser a terceira baixa dun equipo no que se promete unha revolución total e co claro obxectivo do ascenso. Desexarlle moita sorte e agradecerlle moito o gran traballo realizado defendendo ao Compos nestes anos, na que sempre será a súa casa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario