As baixas no equipo do Compos arrincan despois da despedida de Rodri. Jota, como novo presidente do clube, xa traballa no novo proxecto e nel non estarán Primo nin Baleato. Os dous xogadores, que chegaron ao Compos para asinar o ascenso á Segunda B, non estarán ás ordes do novo adestrador que podería asinarse nos vindeiros días e que todo apunta a que chegará dende o País Vasco.
Baleato chegou á Esedé procedente do Bergantiños. O centrocampista foi un habitual na tempada do ascenso xogando un total de 26 partidos de liga e os dous da fase de ascenso, sendo titular en 19 deles e superando os 1800 minutos nos que marcou un gol, na vitoria por 0-3 en Bouzas. Na Segunda B baixou a súa presenza nos onces titulares xogando 22 partidos no curso pasado e partindo dende a titularidade en 5 entre fase regular e a de ascenso.
A tempada máis recente aumentou de novo esa presenza no once xogando en moitas ocasións como acompañante de Casas no centro da defensa. Case 1.400 minutos en 27 encontros, partindo titular en 15, nos que foi autor de 2 goles que supuxeron un empate contra o Adarve, cun gran tanto, e a vitoria fronte ao Avilés.
Grazas por tantos goles.
Primo volveu ao Compos en inverno de 2019 para axudar con goles a acadar ese tan desexado ascenso. Debutou con acerto diante do Racing Vilalbés na Magdalena e acabou os 12 partidos de liga con 10 goles antes da pandemia. Na fase de ascenso foi o autor dun dos goles contra o Barco e asinou unha gran volta ao clube. Menos sorte tivo ao ano seguinte, na Segunda B, por mor das lesións facendo só 2 goles en 14 partidos.
Este pasado curso, o cántabro volveu ser o máximo anotador do equipo cun total de 9 goles. 31 partidos, 25 como titular, e máis de 2.200 minutos para un dos xogadores con máis oportunidades neste curso ás ordes de Rodri Veiga.
Agora, só queda agradecer aos dous todo o traballo realizado nestes anos no clube e desexarlles moita sorte no futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario