Jimmy pon punto e final á súa terceira etapa como xogador do Compos. O lateral esquerdo santiagués, que debutou hai máis de quince anos e sumou catro ascensos co equipo da súa vida en máis de 350 partidos oficiais, pecha un novo capítulo que comezou coa súa volta en 2019, en Terceira división para ser, unha vez máis, unha peza chave no obxectivo cumprido polos homes de Yago Iglesias.
Debutou co primeiro equipo na tempada 2004/05. Deixouno, en 2010, logo de dous ascensos consecutivos e un descenso que, ademais, sería dobre. Volveu en 2012, de novo en Terceira, para outros tres cursos marchando logo dun descenso nunha dura campaña e xa con máis de 250 partidos ás súas costas. E volveu en Terceira división para acadar un ascenso xunto ao seu irmán Saro que tanto lle estaba a custar ao equipo dirixido por Yago Iglesias e sumar así o seu terceiro ascenso á categoría de bronce coa camisola branquiazul.
Nesta última etapa, que comezou en 2019 e remata 3 anos despois, hai que sumar un total de 67 partidos, cunha última tempada na que as lesións non o acompañaron e acabou perdendo o seu posto no once titular en favor de Antonio Salado. Malia isto, puido ser unha parte importante nestas tres campañas anotando un dos goles na vitoria fronte ao Barco en Balaídos e desputando gran parte dos minutos na derradeira campaña da Segunda B tal como a coñecíamos. Con Rodri non gozou da mesma sorte por mor dunhas lesións que o apartaron en moitos partidos e arrastrando uns problemas cos que non foi quen de amosar o seu mellor nivel, acabando con algo máis de 1.200 minutos e sendo o cuarto xogador do equipo con menor tempo sobre o verde.
Con isto, despídese do Compos unha LENDA e unha parte moi importante do escudo e da historia. Un xogador que se gañou con traballo e esforzo o agarimo e respeto da afección e que seguro volverá nun futuro á que sempre será a súa casa. Dende aquí, só agradecer tantas cousas a Jimmy.
Ningún comentario:
Publicar un comentario