Asturias non se nos dá mal

 Despois dunha dura semana, con tres partidos en nove días, chega unha nova semana máis tranquila para o noso Compos na que preparar unha saída complicada. Miramar agocha a segunda vitoria branquiazul fóra de Galiza neste curso, primeira a domicilio no 2022. Diante, un Marino de Luanco coa vista posta nos postos de permanencia e a intención de sumar a súa segunda vitoria como locais na súa casa.

 Gol é vitoria. 

 O Marino de Luanco chega a esta cita intentando saír dos postos de perigo. Un equipo que ten máis gol que Bergantiños ou Navalcarnero, entre outros, pero incapaz de darlle a volta a un resultado negativo. Como parte positiva, hai que dicir tamén que se ven porta, é moi difícil sacarlles do camiño do triunfo, con só dúas citas nas que non puideron asinar a vitoria malia poñerse por diante no marcador, sendo unha no Vero Boquete. 

 A día de hoxe, ocupan a 15ª posición na táboa con 25 puntos. Un equipo que, con 7 triunfos, trátase do que máis veces sumou de tres na parte baixa da táboa e, por contra, do segundo que menos veces empatou, cun total de 4 ocasións e sendo 3 delas en partidos sen goles. Hai que engadirlles tamén un total de 12 derrotas, superados neste caso tamén polo Ceares, repartidas de igual maneira nos partidos da casa e a domicilio. En canto aos goles, 25 a favor e 29 en contra.

 En Miramar, hai un patrón que se repite: se o Marino marca, gaña. Así foi nas 4 vitorias sumadas como locais contra Ceares, Cristo Atlético, Llanera e Langreo, convertíndose nun equipo ao que non se lle dan mal os derbis. Contra Avilés e Coruxo sumaron un punto por partido malia rematar sen goles. E contra Arosa, Pontevedra, Móstoles, Bergantiños, Navalcarnero e Salamanca non só non marcaron senón que, ademais, non puntuaron encaixando ata 4 derrotas pola mínima. 

 A nivel individual, nun equipo con algún vello coñecido polo Molinón como Lora ou Luis Morán, está a destacar cos seus goles Steven Prieto. O canteirán do Real Oviedo chegou a Luanco este curso coa intención de ser o encargado de facer os goles. A día de hoxe suma 7 sendo, ademais, o autor do gol contra o Compos en San Lázaro. 

 Un rival duro. 

 Falando desa última visita do Marino de Luanco ao Vero Boquete, hai que falar de que non se trata dun rival doado. Un equipo defensivo, que buscará tapar os ocos en defensa para evitar a entrada dos nosos e que, á contra, apunta a ser moi perigoso aproveitando a velocidade do seu dianteiro. Ademais, saben aproveitar ben cada erro da defensa rival como xa pasou na primeira volta, marcando o seu único tanto nunha mala decisión de Guille Torres. 

 Co resultado a favor, apuntan a ser un rival que defende con todo e non permite case ocasións sobre a súa portería cunha defensa moi poboada e liñas xuntas pero, como xa fixo Primo, con posibilidade de gañarlles en velocidade á contra. 

 Tamén na casa deron serios problemas aos nosos recentemente, volvendo cun empate sen goles e un penalti errado de Luanco en abril do ano pasado. Un partido onde había moito en xogo e no que non se puido ver o mellor xogo dun Compos que tivo en Juampa a mellor oportunidade para marcar nun penalti que atraparía o gardameta mediado o segundo tempo. 

 Antes, outras tres visitas a Luanco con dous triunfos e unha derrota, por 3-1 en 2013. Os triunfos, coma este ano, con Marino sendo incapaz de marcar. 

 Enfrontamento entre veciños. 

 Este ano non son poucos os equipos galegos e asturianos que comparten grupo e, cunha primeira volta rematada e outra xa case pola metade, xa os dous saben o que é verse as caras cos veciños. No caso dos nosos, contra os asturianos, non temos que falar de derrotas mentres que o Marino, contra galegos, só sacou un triunfo. 

 Comezamos co Compos. Polo Vero Boquete pasaron Marino de Luanco, Avilés e Langreo sendo os luanquinos os únicos que sacaron un empate, con dúas vitorias pola mínima fronte aos outros dous. A domicilio, un triunfo en Posada de Llanera e outro empate, sen goles, en Xixón contra o Ceares. 

 Pola súa parte, o Marino recibiu a Arosa, Pontevedra, Bergantiños e Coruxo sacando só un punto fronte aos vigueses e perdendo contra o resto. Algo mellor lles foi lonxe da casa, empatando en San Lázaro e Pasarón. Gañaron en Espiñedo e caeron, de novo, na Lomba. 

 A xornada dos empates. 

 A pasada fin de semana quedará marcada porque 7 dos 9 partidos no noso grupo remataron sen un gañador. Moitos empates e, entre eles, os dos partidos dos dous equipos que esta fin de semana nos importan. 

 En Santiago, Compos e Arenteiro enfrontáronse nun partido marcado polas baixas e os problemas físicos. Os nosos levan arrastrando dificultades polo estado físico e iso viuse nos últimos partidos, con rotacións e complicacións para chegar ao treito final a un bo nivel. Os do Carballiño chegaban aínda peor, con moitas ausencias por lesión e sanción. E todo iso viuse nun partido onde non houbo fútbol e no que se parou cada pouco con moitas faltas e perdas de tempo. 

 En Pasarón si que se puido ver algo mellor. Os dous equipos buscaron a portería contraria pero tanto Pontevedra como Marino de Luanco foron incapaces de superar ao porteiro rival. A iso hai que sumarlle a polémica cun gol anulado a Charles e un penalti non sinalado sobre Brais Abelenda. 

 Primo, apercibido. 

 Con Pablo Antas xa dispoñible, os problemas para confeccionar as convocatorias e os onces semellan baixar. Sen sancionados, aínda que con Primo con 4 cartóns, faltarían por coñecerse as baixas que poidan haber por molestias nun equipo moi ben compensado en todas as liñas e no que agora empeza a tomar protagonismo Joel, que deixou unha boa imaxe contra o Salamanca.

 Viaxe a Asturias. 

 O domingo, no horario habitual, abrirá as portas Miramar para recibir ao Compos. Un partido que dará comezo ás 17 horas e para o que as entradas, para a xente que se queira desprazar, terán un prezo de 15 euros. Unha cita importante para os dous equipos na que achegarse aos seus obxectivos e que, de ben seguro, non estarán sos. 

 Para quen, por contra, non poida ir a terras asturianas, o partido poderá verse en directo en Footters, ou polo menos o que se poida; ademais de seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario