Un de tres

Chega unha nova semana e, nesta ocasión, chave para o noso Compos. Despois de gañar ao Leganés B e poñer algo de terra de por medio, chega unha semana con ata tres partidos importantes para achegarse ao obxectivo principal do clube: a fase de ascenso. Bergantiños, Salamanca e Arenteiro serán os encargados de intentar evitar que os nosos perdan esas opcións. Primeiro, ás Eiroas, onde as bancadas poderían volver tinguirse de branquiazul este sábado. 

 Mirando aos postos altos. 

 O Bergantiños, recén ascendido a esta Segunda B, está a facer unha boa tempada sen perder ollo aos postos altos da clasificación. Un equipo que, matematicamente, aspira a pelexar polos postos de fase de ascenso grazas a unha contancia e regularidade no seu xogo que, ademais, os levou a ocupar unha das posicións máis altas da clasificación nas últimas datas. 

 A día de hoxe, cun partido menos, ocupan a décima posición da táboa. Con 28 puntos, a só 3 do quinto clasificado, os carballeses chegan con 7 vitorias a esta cita. Outros tantos, 7, empates para un dos equipos que máis veces acabou coa igualada no marcador. E 6 derrotas que sitúan ao cadro de Lemos como o cuarto equipo con menos derrotas, só superado polos tres primeiros e igualado con outros tres equipos máis. A isto hai que engadirlle que só anotaron 18 goles, sendo o terceiro equipo con menos goles a favor facendo valer ben cada tanto anotado. 

 Na casa, nas Eiroas, convertíronse como un dos peores locais, só superados neste caso polo Salamanca con puntos, neste sentido, de equipos da zona baixa. En Carballo caeron equipos coma Móstoles, Cristo Atlético e Arosa, os tres pola mínima e goles nos minutos finais. Pola súa parte, saíron con empate Ceares e Coruxo, sen goles; Pontevedra e Arenteiro. Mentres que Llanera, Navalcarnero e Langreo conseguiron saír cos tres puntos, sendo os madrileños os únicos que puideron gañar por máis dun gol de diferenza. 

 A nivel individual, nun equipo cun gran bloque, está a destacar Antón Escobar cun terzo dos goles do seu equipo. Non obstante, o bo facer do equipo chega tamén grazas ao traballo baixo paus de Canedo, porteiro titular por diante de Brais Pereiro, que xogou a Copa do Rei. Salientable tamén a presenza do ex do Compos Marcos Remeseiro na zona de creación. 

 Os derbis, ben. 

 Tanto Compos coma Bergantiños non saben, aínda, o que é perder un derbi galego no que vai de tempada. Nunha competición moi igualada, ningún dos dous equipos saben o que é perder un derbi no que vai de tempada. Seis enfrontamentos contra veciños para cada un, un deles entre os dous equipos na capital, ningunha derrota e moitos empates.

 O Compos xogou un total de seis derbis no que vai de tempada. Un total de 5 empates e só 1 triunfo que, ademais, chegou a domicilio. Contra Pontevedra en dúas ocasións, Bergantiños, Arenteiro e Coruxo, sendo o único partido no que o empate galego non tiña o 1-1 no marcador, empataron contra os nosos mentres que o Arosa caeu na Lomba contra a Esedé nun partido polémico. 

 Parecido é o camiño que levou o Bergan no que levamos de tempada. Empataron contra os nosos, Pontevedra en Carballo, Arenteiro e Coruxo. Pola súa parte, os carballeses sumaron dúas vitorias fronte rivais galegos. Nas Eiroas superaron ao Arosa e, en Pasarón, ao Pontevedra. Os dous triunfos, ademais, chegaron neste 2022. 

 Semana de tres partidos. 

 Para os nosos, esta semana apunta a complicada e case vital para achegarse ao obxectivo. Á visita das Eiroas hai que sumar que, por fin, vaise xogar o partido contra o Salamanca que pechará a primeira volta, un mes e medio despois. E os derbis volverán a vindeira semana, o domingo, coa visita do Arenteiro a Santiago.

 Isto chega por segundo ano consecutivo co Salamanca, unha vez máis, como protagonista. O ano pasado tamén se adiou o enfrontamento contra os charros, naquela ocasión por mor da neve, e houbo que sumar unha xornada con triple sesión. Naquela ocasión, arrincaría con empate contra o Unionistas, derrota no Helmántico e unha gran vitoria en Riazor. 

 Pola mínima. 

 Tanto santiagueses coma carballeses chegan a esta cita despois de facerse cos tres puntos a pasada fin de semana en dúas citas moi complicadas e que axudaron a achegarse, a ambos os dous, aos seus obxectivos, sendo unha delas unha sorpresa. 

 No Vero Boquete medíanse Compos e Leganés B. Os nosos, en horas baixas, obrigados a dar máis para sumar de tres por primeira vez neste ano. E chegou un dos mellores partidos, máis serios, do curso para bater a un filial madrileño que non tivo a súa mellor mañá. Un gol de Rafa Mella, a quince minutos para o final, evitou unha nova semana sen gañar para os de Rodri Veiga que, cun partido menos, volven á terceira posición e seguen na pelexa polos primeiros postos da táboa. 

 Unha pequena axuda aos nosos chegou dende Pasarón. O Bergantiños, ese equipo experto en marcar goles nos minutos finais, sorprendeu ao Pontevedra na súa casa cun gol de Antón Escobar xa sen case tempo para que puideran reaccionar os granates. Pechaban, ao grande, unha xeira de dúas derrotas consecutivas logo dunha fin de semana sen xogar. 

 Os expertos nos minutos finais. 

 Se hai algo que caracteriza aos partidos do Bergantiños é que non hai relaxación ata que o partido chega ao seu final. Un equipo experto en marcar nos minutos finais dos seus encontros e cunha gran parte deles que se pecharon despois do minuto 80, como pasou na cidade do Lérez. 

 Nas Eiroas puideron verse ata 19 goles en 10 partidos, dous deles rematando con empate a cero. Desa cifra, 4 goles chegaron antes do tempo de lecer, con 2 por cada equipo. Na segunda metade si que se puido ver máis acerto nos dous lados. 8 tantos chegaron por parte dos visitantes mentres que 7 foron dos de casa que, ollo a isto, 6 deles chegaron nos últimos 10 minutos de partido. 

 Por parte dos nosos, nese treito, só dous goles a favor, contra o Móstoles no Vero Boquete e en Palencia fronte ao Cristo Atlético, que serviría para empatar. Por contra, Móstoles nos dous partidos, Leganés B e Avilés fixeron o propio na portería de Pato. 

 As Eiroas, campo difícil. 

 Moitas foron as veces nas que o Compos visitou As Eiroas e poucas das que saíron puntos. De 8 visitas dos nosos a Carballo, só 8 puntos viaxaron cara Santiago coa metade de citas rematadas con derrota branquiazul. 

 Comezamos con esta historia no 87, cunha derrota pola mínima. Só tres anos despois, chegaría o primeiro punto nun empate sen goles e chegaría, de novo, a derrota, en 2008 na única cita en Preferente. A primeira vitoria branquiazul chegou en 2012 grazas aos goles de Mariño e Cardelle en propia porta sendo a segunda, en 2017, con gol de Uña. Meses antes, os carballeses gañarían 3-1 tamén na súa casa. E pechamos isto en 2019 cunha derrota por 1-0 e un empate a 2 con gol de Cano no engadido. 

 Na primeira volta, os nosos chegaron ao tempo de lecer por diante no marcador grazas a un gol de Escudero á media hora de xogo. No segundo tempo, aproveitando unha das típicas desconexións dos nosos, Remeseiro anotou o tanto do empate dende os once metros sumando unha nova igualada. 

 Con dúbidas. 

 Esta nova cita queda marcada por, como xa dixemos antes, os tres partidos en oito días. Con isto, non sería rara a presenza de xogadores da base nalgún dos tres encontros e as rotacións nos onces para poder pechar esta serie de encontros do mellor xeito posible. Para isto, ademais, Rodri conta con dúas dúbidas importantes ata última hora. Pablo Antas, que xa comezou a adestrar co grupo malia non estar totalmente recuperado, e Pablo Durán, que tivo que retirarse do partido contra o filial do Leganés con problemas nun nocello, están pendentes dos últimos adestramentos para saber se chegan a este encontro. 

 Noite de sábado. 

 As Eiroas abrirá as súas portas este sábado para presenzar esta importante cita para os dous equipos. Un partido que pechará a xornada de sábado, dando comezo ás 19 horas, e para o que as entradas estarán dispoñibles nas billeteiras do campo dende hora e media antes cun prezo de 15 euros tanto para adultos coma para os nenos que queiran asistir e non sexan abonados do clube local. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da TVG2 e seguirse nas contas de Twitter tanto do clube coma da Curva Branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario