Despidamos o 2021

 O Vero Boquete pecha as súas portas por este ano 2021 e faino cunha gran cita fronte a un histórico asturiano. Un peche deste bo ano con máis vitorias que derrotas e, sobre todo, máis empates que o resto de cousas. Diante, un Langreo que só foi quen de gañar un partido a domicilio, na última das tres visitas que fixeron este curso a terras galegas. 

 Inferiores a domicilio. 

 Se ben é normal que os equipos baixen o nivel lonxe da súa casa, o Langreo chega a esta derradeira saída do ano sendo un dos peores visitantes da liga. O conxunto asturiano, que ocupa unha das posicións no medio da clasificación, á mesma distancia dos postos de promoción de ascenso que dos de descenso. Un equipo que fixo a maior parte dos puntos diante da súa afección pero ao que non se lle dá de todo mal viaxar a terras galegas. 

 No que vai de tempada, co final da primeira volta moi preto, o conxunto asturiano suma un total de 19 puntos, ocupando a décima praza da competición. Tantas vitorias como derrotas, 5 en total de cada, e 4 empates para un equipo que racha con esa igualdade no caso dos goles. 19 goles a favor, que os sitúan como os quintos que máis viron portería, e 16 en contra. 

 A domicilio, as contas non saen tan ben. De máis a menos, empatando en Espiñedo e no Pepe Quimarán, a perder nas dúas seguintes saídas, a Ponteareas e Navalcarnero, sufrindo unha remontada contra os vigueses. A súa única vitoria lonxe da casa chegaría hai un mes, na Lomba, con remontada no treito final do partido. Volverían caer nas visitas a Palencia, rematando con dez, e Salamanca. 

 Nun equipo cos goles moi repartidos, Dorian e Nacho García repártense a metade. 5 goles para cada un co resto divididos en ata 8 xogadores máis. Son, así, as dúas pezas máis perigosas dun equipo inseguro en defensa fóra da casa. 

 Camiños contrarios. 

 Malia comezar a competición ocupando, os dous equipos, os postos de promoción de ascenso, os dous últimos meses non foron tan positivos para o conxunto asturiano, caendo na clasificación e chegando a esta cita despois de encadear, por primeira vez na tempada, dúas derrotas consecutivas. Pola súa parte, o Compos terá a oportunidade de encadear, tamén por primeira vez neste curso, a terceira vitoria seguida. 

 Contra Palencia Cristo Atlético e Móstoles chegaron os dous primeiros triunfos dos nosos, de xeito consecutivo, pero sen poder aumentar a tres na visita ao filial do Leganés. Catro empates despois, volveu a vitoria aos nosos, neste caso sendo a primeira a domicilio contra o Llanera, acompañada da cuarta, fronte á Segoviana. E despois da primeira derrota, volveu chegar o triunfo ao Vero Boquete, contra o Avilés, sucedéndose da segunda a domicilio, na Lomba. Partido polémico, cun resultado curto e mantendo a portería a cero. 

 Pola súa parte, o Langreo chega de enlazar dúas derrotas consecutivas por primeira vez no curso. Un equipo que encadeou dúas vitorias consecutivas nas xornadas 9 e 10, pero que puntuou sempre despois de cada derrota... agás nestas dúas últimas semanas. Caeron no Helmántico pola mínima e non foron quen de puntuar contra o Pontevedra no Nuevo Ganzábal malia adiantarse no marcador nos primeiros minutos de partido encaixando unha nova goleada do equipo granate. 

 Gran diferenza. 

 Ata 18 veces se viron as caras Compos e Langreo ao longo da historia. Un enfrontamento moi desigualado con maioría de vitorias para os asturianos e moitos empates, entre os que incluír o da pasada tempada no Vero Boquete. 

 En só 3 ocasións gañaron os nosos ao Langreo, todas elas en Santiago. Tamén no Vero Boquete chegarían 4 dos 7 empates totais co último cheo de polémica, cunha man inexistente no engadido que supuxo o gol da igualada visitante desde os once metros. Pola súa parte, o cadro asturiano sumaría 8 triunfos, 2 deles en terras santiaguesas entre os 60 e os 70. 

 Trátase, iso si, dun enfrontamento onde o gol está practicamente asegurado. Ao longo da historia, só un partido entre os dous equipos acabou sen goles, o último no Nuevo Ganzábal. Ademais, nesta tempada, o Compos só quedou sen marcar no empate contra o Coruxo mentres que o Langreo non conseguiría ver porta nas derrotas contra Salamanca e Navalcarnero, ambas as dúas fóra da casa. 

 Hai que ter tamén en conta que o Compos aínda non foi quen de darlle a volta a un resultado adverso. Comezou perdendo contra Pontevedra, Marino de Luanco e Navalcarnero conseguindo igualar os tres pero caendo fronte aos madrileños. Si sería quen de darlle a volta ao marcador o Langreo contra o Arosa na Lomba así como empatarlle a Arenteiro, Llanera e Adarve malia ir por debaixo no marcador nalgúns minutos. 

 Terceiro asturiano por Santiago. 

 No que vai de tempada, nun grupo con catro equipos asturianos, hai que falar de que ésta será a terceira ocasión na que un veciño visite o Vero Boquete. Antes, fíxoo o Marino de Luanco nun partido onde os luanquinos conseguiron poñerse por diante co gol en contra máis rápido deste curso, antes dos 5 minutos, e Primo igualou o resultado no segundo acto; e o Real Avilés, que caeu fronte aos nosos nun partido onde o balón parado impúxose ao bo xogo e no que Pablo Antas errou o seu segundo penalti consecutivo. 

 Tamén xa visita dos nosos a Asturias. En Posada de Llanera chegou a primeira vitoria a domicilio e primeira fóra de Galicia, en liga, dende 2016. Tamén é certo que en 2018, o Compos gañaría na Copa do Rei ao Mensajero en La Palma. 

 Tres baixas seguras. 

 Chegan os problemas para Rodri e nun partido que apunta a ser moi complicado. Roque, que vén sendo titular na gran parte dos partidos da tempada, non poderá estar esta fin de semana por sanción logo de ver o quinto cartón amarelo. Xunto ao lateral, non poderán estar tampouco Jimmy nin Primo, con sendas roturas de fibras sufridas na pasada xornada e que os terán aos dous fóra dos campos ata 2022. 

 Si podería estar sobre o verde Guille Torres despois dun mes de baixa e, se nada cambia, tamén o estará Pato, recén renovado ata 2023. 

 Despidamos o ano. 

 O 2021 chega ao seu fin. Un ano que nos deixou poucas derrotas e moitos empates, un deles contra o rival deste mesmo domingo. E non hai mellor despedida que presenciar o derradeiro partido do ano como locais no Vero Boquete. Encontro para o que as entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia e 20 en Tribuna para adultos e 5 e 10 respectivamente para menores de 18 anos. 

 Por contra, quen non poida asistir poderá ver o partido en directo a través da TVG2, seguilo nas contas de Twitter da Curva e do clube e escoitalo en 'Esedé Radio', en Twitch. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario