Agora si, pechamos o ano. O Compos pon punto e final a un ano repleto de empates e moi poucas derrotas. Con moi boas tardes de fútbol e resultados para o recordo. Ademais, unha fase de ascenso e a posibilidade de facer un final aínda mellor coa mellor xeira de resultados do curso e a ocasión de sumar 4 vitorias consecutivas por primeira vez en 2 anos. Diante, un Ceares que se estrea por primeira vez fóra da Terceira, e categorías rexionais.
Ano para o recordo.
O Ceares chega a este final de 2021 no último posto da clasificación. Non obstante, o ano será recordado polo equipo asturiano xa que por fin conseguiron o tan desexado ascenso saíndo da Terceira e convertindo este curso en histórico. Un clube de accionariado popular que, malia intentar facer as cousas ben, non están a obter grandes resultados. Tal é así que suman a día de hoxe 10 puntos quedando agora mesmo a 7 da permanencia.
O pechacancelas comezou ben a liga, con 4 puntos nos primeiros 3 partidos, pero dúas xeiras de 3 e 6 partidos respectivamente apartaron ao equipo das posibilidades de pensar en pelexar pola zona media da clasificación. Conseguiron un empate, o único punto a domicilio desta primeira volta, na súa visita a Carballo e gañaron na casa a Arenteiro, Coruxo e Salamanca nas únicas citas nas que os rivais non foron quen de marcar en La Cruz. Ademais, 11 derrotas encaixando un 5-1 contra o Marino en Luanco e un 1-4 diante do Arosa na casa. Tamén serían quen de marcar nas derrotas contra a Gimnástica Segoviana, Adarve, Avilés e Pontevedra, todos eles a domicilio, para sumar un total de 10 goles a favor. Por contra, encaixaron un total de 28 goles sendo o equipo con peor defensa do grupo.
En Xixón, sumaron as súas 3 únicas vitorias do campionato sendo as únicas citas nas que non recibiron gol diante da súa afección gañando pola mínima a Salmanca e Coruxo e por dous de diferenza ao Arenteiro. Tamén serían quen de anotar contra o Arosa, adiantándose na clasificación, pero remontaría o cadro vilagarcián antes do tempo de lecer para golear na segunda parte. E quedarían sen anotar nas derrotas contra Leganés B, Llanera e Navalcarnero, sendo a última a única vez que caerían pola mínima.
A nivel individual hai que destacar a presenza de Madeira. O dianteiro suma a súa segunda tempada no clube e foi peza fundamental no ascenso. Este ano está lonxe dos 12 goles que fixo no pasado curso pero colócase, con 2 dianas, no máximo goleador do equipo e un perigo para as defensas rivais. Os mesmos goles tamén os fixeron Aitor Elena, Juan Carlos e Óscar repartindo entre os catro gran parte dos tantos.
Segunda viaxe a Asturias.
O Compos volverá a Asturias nesta primeira volta por segunda vez no curso. Na primeira visita sos veciños, o resultado non puido ser mellor. En Posada de Llanera, nun campo cunhas dimensións moi inferiores ao habitual, o equipo de Rodri Veiga sumou a súa primeira vitoria fóra de Galiza en 3 anos. Contra o Llanera, o equipo deixou unha boa imaxe e, sobre todo, a demostración de saber adaptarse a calquera terreo e calquera estilo deixando atrás o fútbol de toque e gañando grazas ao fútbol directo con dous goles de Pablo Durán.
A iso hai que engadirlle que o Compos non perde en terras asturianas dende 2015. Sería a finais dese ano cando, da man de Iñaki Alonso, o equipo chegaría de Villaviciosa cunha derrota. Os nosos conseguiron poñerse por diante grazas a un gol de Josu nos primeiros minutos do encontro pero remontaría o Lealtad na segunda parte deixando un 1-3 no marcador.
A pola cuarta!
O mes de decembro non pode estar a ser mellor para o Compos. Un mes que comezaba despois do traballado triunfo contra o Avilés e que contou coas vitorias, pola mínima, contra Arosa e Langreo. Dous partidos cos que sumar minutos sen encaixar gol e que nos deixaron a mellor xeira de vitorias deste ano.
Tres triunfos consecutivos para un equipo que non facía isto dende a Terceira 2019/20, a do ascenso. Non obstante, agora hai que pensar que podería chegar a cuarta coa que pechar este ano, que será recordado por ver un total de, ata o momento, 15 empates en 31 partidos.
Cara e cruz.
A pasada fin de semana, os dous equipos tiñan citas moi complicadas que non foron quen de solventar da mesma maneira. O Compos, que recibía ao Langreo, non fixo un bo partido pero sacou un gran resultado. Mentres, o Ceares caeu contra o Pontevedra malia chegar ao tempo de lecer con empate.
No Vero Boquete, branquiazuis e asturianos medíronse nun partido que careceu de espectáculo. Un primeiro tempo sen case emoción, sen ocasións de perigo e con escasa emoción levounos a un segundo onde chegou o gol nunha gran xogada de Jordan con inmellorable definición.
En Pasarón, o Ceares non foi quen de poñer as cousas moi difíciles ao Pontevedra. Brais Abelenda, que está a ser o mellor do seu equipo este curso, fixo o primeiro antes dos cinco minutos e non tardou en empatar Óscar. Na segunda metade, a superioridade granate fíxose efectiva grazas aos goles de Martín Diz e Charles, que encadea 4 partidos marcando.
Outra estrea.
Con tantos ascensos nesta nova categoría, o Compos está a aumentar os rivais para a súa historia, que está a piques de chegar aos 60 anos. E o Ceares, rival contra o que nunca se xogara ata o momento, será o sétimo que se estree neste sentido nas estadísticas branquiazuis.
Antes, nesta mesma tempada, pasaron polo Vero Boquete por primeira vez Móstoles, Palencia Cristo Atlético, Gimnástica Segoviana e Unión Adarve sendo os madrileños os únicos en sacar un punto. Por outra parte, os nosos visitarían ao filial do Leganés, Navalcarnero e Llanera, conseguindo gañar só en terras asturianas.
Antas xa adestra co grupo.
Despois da vitoria contra o Langreo con numerosas baixas, cun total de cinco ausencias no equipo de Rodri Veiga, parece que esta fin de semana poderemos ver ao equipo con algún problema menos neste sentido. Volverá seguro ao equipo Roque despois da sanción e apunta tamén que estará dispoñible Pablo Antas, xa co resto do grupo e que será dúbida ata última hora. Non terán tanta sorte Guille Torres, Jimmy e Primo, que non estarán ata xaneiro.
Volvemos a Xixón.
Seis anos despois, o Compos volverá a Xixón e non para enfrontarse ao Sporting ou o seu filial, contra os que xa houbo un gran número de enfrontamentos. Nesta ocasión, será o Campo de La Cruz, campo de herba natural e que non semellaba estar nas súas mellores condicións hai dúas semanas, o que reciba aos nosos. Un campo que, ademais, ten unhas medidas un tanto inferiores ao resto.
Unha cita para a que non haberá autobús, unha vez máis sen chegar ao número mínimo, pero si desprazamento de afeccionados. Para isto, hai que recoñecer o gran detalle do clube xixonés deixando as entradas para os abonados do Compos a 10 euros e de balde para menores de 18 anos, sendo a 15 euros para o público xeral. O partido, este sábado, arrincará ás 15:45, un horario un tanto diferente ao habitual.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través de Footters así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario