Nun campo con máis lama que herba, o Compos asinou o seu derradeiro empate deste ano 2021. Un partido malo, sen ocasións, sen perigo, sen faltas... sen nada. Incapaces de facerse a un terreo de xogo en moi mellorables condicións, polo que semellaba que pasou unha familia de xabarís, o perigo puido chegar nalgún centro nos primeiros minutos ou nos minutos finais, cun gol anulado aos nosos nunha xogada á desesperada.
O Ceares aproveitou os primeiros minutos para saír mellor ao partido e crear así as primeiras chegadas, con certo perigo á portería de Pato. Terían, a balón parado, unha das mellores ocasións do encontro ante as que responderon os nosos con dous centros de Rafa Mella e que ningún atopou quen rematara. Sería, o extremo, o máis incisivo dun Compos que non chegaría a tirar entre os tres paus con perigo nos primeiros corenta e cinco minutos agás nunha falta que botou Vesprini, petou na barreira e chegou sen problemas ás mans do porteiro.
Algo máis de traballo tivo Pato no primeiro acto. O gardameta uruguaio tivo que salvar ao equipo en dúas ocasións con certo perigo dun conxunto local que demostrou querer máis os tres puntos. Non obstante, entre el e a defensa sacaron sen problemas todo o traballo que puido dar o pechacancelas.
Máis do mesmo.
Se o primeiro tempo foi para botarse a durmir, non foi mellor o segundo. O Ceares, de novo, buscou a iniciativa diante dun Compos con medo a mancarse. Aínda así, volveron toparse con Pato nas poucas acometidas que realizaron en corenta e sete minutos, se temos en conta os dous minutos de engadido polos trocos.
A entrada dos trocos, sendo Samu o único con algo de tempo nos nosos, non cambiou tampouco a cara dun partido que puido ter algo de emoción no treito final. Xa no tempo engadido, Pato saca unha falta dende campo propio, rexeita mal a defensa e o Compos crea unha nova xogada pola dereita que acaba con centro a Durán, mal rexeite do porteiro e gol. Non obstante, o colexiado sinala falta do tomiñés sobre o gardameta deixando así sen opcións aos nosos de sumar o cuarto triunfo consecutivo.
Con isto, o Compos pecha o 2021 con 4 xornadas consecutivas sen perder, con 10 de 12 puntos e 3 partidos seguidos sen encaixar ningún gol sendo o mellor rexistro do que levamos de curso e de ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario