O 2021 remata xa. Un ano marcado, en gran parte, polos numerosos empates conseguidos polo conxunto da capital. Unha permanencia conseguida, malia baixar un nivel na clasificación de categorías coa nova organización e o nacemento da Primeira RFEF, e un gran comezo deste novo curso para un equipo que, de novo, mantivo un bloque de futbolistas dunha tempada para outra, reforzando posicións e chegando a este final dunha maneira case perfecta.
De menos a máis.
O mes de xaneiro comezou co partido no Helmántico adiado por mor dun temporal de neve en Salamanca que deixou o campo imposible. Con isto, a primeira cita do ano sería contra o Unionistas no Vero Boquete. O único rival que conseguira gañar aos nosos en liga na primeira volta chegaba a Santiago como líder da categoría e sairía con vida, co primeiro empate do ano, nun partido sen goles pero con clara superioridade branquiazul.
Só uns días despois, os nosos terían que visitar Salamanca para ese partido antes adiado. Un terreo de xogo en moi mal estado marcou unha cita con sabor a revancha que, unha vez máis, rematou con triunfo para os casteláns sumando, os nosos, a derrota máis ampla do ano con ata tres goles de diferenza.
O primeiro gol, e a primeira vitoria, do ano chegaron da man nunha das saídas máis ilusionantes dos últimos anos. Como na época dourada da nosa historia, na Primeira división, había que visitar Riazor. Non obstante, como diferenza, sería con moi pouca presenza de afeccionados nas bancadas do estadio coruñés. A cita contou con gran superioridade do conxunto visitante e os goles de Brais Abelenda e Miki cos que traer os tres puntos á capital. Unha vitoria que daba moita moral e ánimo a un equipo que podía pelexar por acabar na pelexa por ascender á Segunda división.
Unha semana despois, xa para poñer fin ao primeiro mes do ano, visitaba o Vero Boquete un Coruxo coa obriga de sumar de tres. Dous goles de Juampa, contra o seu ex equipo, deixarían encamiñado o triunfo antes do tempo de lecer. Non obstante, Diego Silva e Chabboura conseguirían igualar a contenda na segunda metade obrigando ao Compos a facer un terceiro, que sería obra de Brais Abelenda, e intentar manter un triunfo moi igualado.
Febreiro, sen derrotas.
O segundo mes do ano comezou con outra visita a terras salmantinas, neste caso a Guijuelo. No Municipal de Guijuelo, os locais serían quen de adiantarse no primeiro tempo e, malia intentalo con insistencia, o empate chegaría xa no engadido cun gol de Bogdan en propia porta logo dun testarazo de Baleato.
Unha semana despois, repetiríase o resultado no Vero Boquete. Diante, un Racing de Ferrol coa mente posta nos postos altos da clasificación. Serían, ademais, os ferroláns os que conseguirían adiantarse no marcador cun gol de Fer Beltrán, que meses despois cambiaría Ferrol por Santiago. Na segunda parte, igualaría o partido Álvaro Casas para sumar o segundo empate consecutivo e terceiro do ano.
Non obstante, o partido que marcou o mes chegou en Pasarón. Un encontro moi duro, fronte a un rival en horas baixas pero que contaba coa mellor parella de dianteiros da categoría, digna dun nivel superior. Aínda así, sería quen de impoñerse un Compos que tivo en Miki Villar o seu único goleador pasando, xa co resultado favorable, por uns minutos de gran intensidade en defensa conseguindo deixar a portería de Pato intacta cando máis parecía que chegaría o empate granate. Unha vitoria que sería a derradeira da tempada facendo imposible calquera opción de mellorar a clasificación, xa coa permanencia case lograda de xeito matemático.
E marzo, sen vitorias.
O mes de marzo marcaba o fin da primeira fase e, con el, a fin das posibilidades dos nosos de aspirar a algo máis. Isto tería un nome en concreto: Patrick Sequeira. O porteiro do Celta B asinaría a súa mellor actuación no Vero Boquete despois de que Manu Justo, por partida dobre, puxera por diante ao filial olívico nos primeiros dez minutos de partido, aproveitando dous erros da defensa local. Miki, antes do final dos primeiros corenta e cinco minutos, sería quen de rebaixar a vantaxe pero o segundo gol, merecido por outra parte, non chegaría debido á gran actuación do gardameta costarricense.
Unha semana despois chegaría a oportunidade de certificar a permanencia, algo para o que un empate sería suficiente. Na casa do colíder, o Zamora, e con posibilidades matemáticas de aspirar á terceira praza, chegaría un dos partidos máis raros do campionato. Se contra o Celta B os nosos non serían quen de gañar malia insistir, no Ruta de la Plata sería moi diferente. Miki poría por diante ao cadro galego e na segunda parte igualaría o marcador Dani Hernández contra os seus ex. O resto do partido sería un pacto de non agresión con pases entre os defensas e ningunha chegada a portería por parte de ningún dos dous. Uns, asinarían a permanencia e os outros asegurarían a súa presenza na Primeira RFEF.
Unha xornada máis e só quedaba sumar para afrontar mellor a segunda fase. O ascenso á mal chamada Segunda B Pro era aínda posible, aínda que as opcións eran mínimas. O Salamanca, pola súa parte, xa estaba confirmado na pelexa por non descender á Terceira RFEF e o partido contou con pouca intensidade no xogo. Aínda así, si habería goles. Camacho adiantaría aos salmantinos e Soto, na segunda parte, igualou o resultado no peche da fase regular.
Sen opcións.
O mes de abril comezaba co regreso a San Lázaro do Numancia despois do seu paso polo fútbol profesional. O conxunto soriano aproveitou a súa superioridade individual para adiantarse xusto no treito final do primeiro tempo, cun gol de Asier Benito, e Moha puxo o segundo para deixar encamiñado o triunfo. Soto, xa no engadido, anotou o único gol dos nosos.
A saída do mes sería a Luanco. Contra o Marino foi querer e non poder ata o punto de que nin de penalti entraría a pelota na portería contraria quedando así sen opcións de sumar tres puntos. Juampa tería a oportunidade máis clara nos noventa minutos, dende os once metros, pero o seu disparo atrapouno o gardameta local.
E de querere e non poder a querer e que non deixen. A primeira volta desta segunda fase rematou no Vero Boquete coa visita do Langreo. Un partido no que Josiño fixo un golazo para adiantar aos branquiazuis e no que o árbitro quixo ser protagonista dando un penalti por unha man inexistente aos asturianos no engadido. O agasallo non o desaproveitou Allyson deixando así sen ningunha opción de ascenso ao equipo dirixido por Yago Iglesias.
Para pechar o mes, unha nova viaxe a Castela e León, terra que non se lle deu nada ben aos nosos ao longo da primeira fase nas tres visitas anteriores. E en Soria non sería para menos. Derrota con goleada incluída para un Compos que non sería rival para o Numancia e que, con dous goles de Menudo e un de Andrés García, chegarían moi vivos ás dúas últimas xornadas, nas que debían gañar aos outros dous equipos galegos para poder chegar a unha Primeira RFEF á que tampouco chegaron.
E sen gañas.
Xa sen posibilidades de ascender, o Compos tampouco puido darlle unha última vitoria á afección no Vero Boquete na que sería a despedida de Yago Iglesias como adestrador branquiazul. Contra o Marino de Luanco tampouco se sumaría un novo empate senón que sería o cadro asturiano o que levaría os tres puntos de San Lázaro grazas a un gol de Borja Álvarez superada a media hora de xogo.
O final da tempada chegaría en Langreo. Un partido sen gran emoción, sen nada en xogo, e con pouca intensidade. O mellor da tarde sería a actuación de Borja Rey parando un penalti na que era a súa segunda actuación como titular deixando boas sensacións e gañando así a súa renovación meses despois, froito de moito traballo nos adestramentos e uns minutos moi ben aproveitados.
Un final de curso que nos deixaría o adeus de Yago Iglesias despois de cinco tempadas así como as saídas de xente fundamental nos seus plans como Brais Abelenda ou David Soto, ambos os dous rumbo ao Pontevedra da mesma categoría para o que soou durante moito tempo o adestrador. Tamén sairía Miki Villar camiño do fútbol profesional, onde xa marca goles co Ibiza. Bicho e Juampa serían outras dúas ausencias coas que non podería contar Rodri neste novo curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario